martes, 9 de julio de 2013

Dúas novas sancións por participar en mobilizacións de apoio ao dereito á vivenda


Nesta semana dúas persoas máis que participaron en mobilizacións cidadás en apoio ao dereito á vivenda e en protesta contra os recortes sociais veñen de recibir propostas de sanción por parte da Subdelegación do Goberno na Coruña.

Con estas dúas son xa un total de 13 as persoas represaliadas pola Subdelegación do Goberno: tres que están pendentes de xuízo por supostamente impedir o paso do camión de bombeiros durante a tentativa de desafiuzamento de Aurelia Rey. Vehículo que, por outra parte, e como é sabido, avanzou até diante do portal.

Oito persoas máis por supostamente instigar ás masas contra a policía creando un clima de inseguridade cidadá durante dita tentativa de desafiuzamento. Na que, folga dicir, a propia cidadanía foi a que impediu unha “inseguridade”, como era o feito de que unha muller de idade avanzada acabara na rúa.

E, nestes días, dúas máis por, supostamente, negarse a identificarse, se ben unha das persoas proporcionoulle ao axente que o requiriu para indentificación, non só o seu número de DNI, senón que mesmo amosoulle a tarxeta da Seguridade Social cos seus datos persoais. A outra persoa portaba o seu DNI e directamente presentoullo ao axente.

En total, son aproximadamente 6.000€ os que o Estado quere cobrarnos por ternos atrevido a denunciar publicamente que está a aplicar de xeito consciente medidas políticas agresivas contra a poboación para, co diñeiro que nos quita, poder seguir financiando ás entidades bancarias que crearon esta crise, ao tempo que continúan a alimentar a espectacular corrupción aniñada na política española.

O Concello da Coruña e a Subdelegación do Goberno na cidade, seguindo as pautas de actuación do Goberno central do Partido Popular, está a vulnerar sistemáticamente o dereito á liberdade de expresión e manifestación, non só a través de prohibicións e poñendo toda clase de absurdas trabas, senón a través da coacción e o medo en forma tanto de violencia física –despregando dotacións de antidisturbios ante a mínima convocatoria de mobilización-, como económica, a través dun sibilino goteo de sancións económicas que apuntan, precisamente, aos colectivos de persoas que máis están sufrindo nestes momentos: desempregadas, preferentistas, desafiuzadas…

Estas sancións van máis aló de ser un castigo do Goberno a quenes participamos habitualmente en mobilizacións sociais: é unha volta de torca na súa estratexia do medo, da inseguridade, un intento de amedrentar á cidadanía, de disuadirnos para que esteamos caladas/os, para que non saiamos a rúas, para que non nos organicemos para loitar contra a inxustiza. Por qué? Porque saben que se nos unimos podemos facerlles fronte.

Pero a sociedade civil non imos deixar de axudarnos entre nós. Non lles temos medo, xa imos gañando algunha batalla contra este tipo de artimañas do Goberno (a Delegación do Goberno en Madrid vén de ser condenada por identificacións policiais indiscriminadas1) e imos reforzar a unión entre a cidadanía para facer fronte a estes ataques.

Neste sentido, o vindeiro xoves 11 de xullo, terá lugar ás 20.00hrs. no Obelisco unha concentración baixo o lema “MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI” para denunciar a represión da solidariedade que están a cometer o Concello da Coruña e a Subdelegación do Goberno.

 

1“Delegación de Gobierno, condenada por sancionar a un manifestante”, Diagonal. Dispoñíbel en: https://www.diagonalperiodico.net/m/18849

No hay comentarios:

Publicar un comentario