Páginas

martes, 2 de julio de 2013

MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI - Campaña informativa

STOP Desafiuzamentos A Coruña sae á rúa para informar ás cidadás e cidadáns tanto sobre a situación de represión que o colectivo está a sufrir en forma de sancións económicas –polas vías administrativa e penal-, despregues policiais intimidatorios e prohibición do dereito á manifestación –como sucedeu o venres pasado ca veciñanza afectada polo Ofimático-, como a tamén sufrida por outros colectivos como a veciñanza de Montealto ou a persecución policial exercida sobre as/os inmigrantes que se atopan en situación “irregular” na cidade.

Baixo o lema “Múltannos a nós para asustarte a ti”, a plataforma está a levar adiante una campaña informativa co obxectivo de apelar ao apoio da cidadanía sensibilizándoa con respecto á represión que dende o Concello da Coruña e a Subdelegación do Goberno estase a exercer sobre as persoas que participan en mobilizacións sociais. Hostigamento que, contextualizan, prodúcese ao tempo que dende as instancias gubernamentais “impóñense políticas económicas antisociais para seguir financiando ás entidades bancarias e á corrupción política, a costa de asfixiar á cidadanía provocando unha grave crise na garantía dos dereitos humanos e sociais”.

Para STOP Desafiuzamentos as sancións e impedimentos ás que as instancias políticas someten ao colectivo non só procuran o desgaste económico e psicolóxico das persoas que loitan polo dereito á vivenda (recollido no Art.47 da Constitución Española), senón que o verdadeiramente significativo é que con esta actuación as autoridades pretenden disuadir á cidadanía de que se exprese ou actúe contra a inxustiza: “Porque saben que se nos unimos podemos facerlles fronte, como se demostrou co caso de Aurelia. A cidadanía gañou, e teñen medo de que nos organicemos e voltemos gañar”, sinalan.

Dende o sábado pasado ata o día de hoxe, os puntos de información de STOP Desafiuzamentos abarcaron o barrio de Montealto, o Paseo Marítimo, a zona de Catro Camiños, os Maios, Labañou, R/Barcelona, as inmediacións do Obelisco e a Praza de Lugo.

Héctor Tejón, voceiro da Plataforma, subliñou que “Até o dagora a resposta da cidadanía da Coruña está sendo moi positiva. De feito moitos aproveitan este momento de encontro directo para darnos ánimos e mostrarnos o seu apoio. Algunhas persoas aproveitaron tamén para trasladarnos a súa preocupación por casos de risco de desafiuzamento que coñecen no seu entorno, e tamén pra pedirnos consello”.

Ás 19.30hrs. de hoxe retomarase a campaña entre as zonas da Praza de Pontevedra e a Coraza do Paseo Marítimo.

[Xuntamos a esta nota o panfleto informativo que se está a trasladar á cidadanía así coma imaxes do reparto na zona da Praza de Lugo esta mañán.]

No hay comentarios:

Publicar un comentario