Páginas

domingo, 30 de junio de 2013

MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI (panfleto)

Lémbraste de AURELIA REY? O pasado mes de febreiro máis de 200 persoas impedimos que esta muller de 85 anos fora botada da súa casa sen máis opción que ser ingresada contra a súa vontade nunha residencia. Grazas á mobilización popular, na actualidade Aurelia segue a ser unha persoa independente, dona da súa vida, e vive nun piso de alugueiro social.

Logo da imputación por vía penal a tres persoas o pasado mes de abril, estas semanas
recibíronse oito propostas de sanción máis, de 600€ cada unha, a persoas que acudimos a protestar contra o desafiuzamento de Aurelia.

O Subdelegado do Goberno na Galiza, Jorge Atán, e o Delegado do Goberno, Samuel
Juárez
, acúsannos de supostamente "PROVOCAR REACCIONES EN EL PÚBLICO QUE ALTEREN O PUEDAN ALTERAR LA SEGURIDAD CIUDADANA".

Pero o que verdadeiramente ATENTA CONTRA A SEGURIDADE CIDADÁ son as POLÍTICAS ECONÓMICAS ANTI SOCIAIS que o Goberno español decidíu impoñer para seguir financiando ás entidades bancarias e á corrupción política, a costa de asfixiar á cidadanía provocando unha grave crise na garantía dos dereitos humanos e sociais.

INSEGURIDADE é o que se sinte cando as persoas que ocupan cargos políticos din que loitar pola defensa do dereito a unha vivenda digna é terrorismo e mandan decenas de antidisturbios contra as cidadás e cidadáns.

Na actualidade, no Estado español 10 millóns de persoas VIVIMOS EN PERMANENTE INSEGURIDADE, porque o 21,8% da poboación vivimos en situación de POBREZA. Un/ha de cada catro nenos/as VIVEN EN PERMANENTE INSEGURIDADE porque no Estado español a POBREZA INFANTIL ataca xa a máis de 2 millóns de nenos e nenas. A metade dos fogares do estado VIVIMOS EN PERMANENTE INSEGURIDADE porque acumulamos retrasos no pago das nosas HIPOTECAS, e só no ano 2012 impuxéronse 78.000 execucións hipotecarias (desafiuzamentos).
O Goberno atenta tanto contra a nosa seguridade que, a día de hoxe, O SUICIDIO É A
PRIMEIRA CAUSA DE "MORTE EXTERNA" NO ESTADO
: cada día suicídanse unha
media de 8 persoas, máis de 3.000 ao ano.

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña temos claro que estas multas responden a un plan xeral de criminalización dos movementos e colectivos sociais que poñen en evidencia a violencia económica que está a exercer o Goberno do Estado. Ademais, entendemos que non é casual que estas propostas de sanción cheguen xusto cando a veciñanza afectada polas obras do Ofimático está en pé de loita.

Este total de 4.000€ de sanción que agora pretende impoñernos o Goberno do Partido Popular a través do seu Subdelegado Jorge Atán, son a súa vinganza por demostrarmos que UNIDAS E UNIDOS PODEMOS FACER FRONTE Á VIOLENCIA ECONÓMICA DO GOBERNO CONTRA A CIDADANÍA.

Pero NÓS NON LLE TEMOS MEDO ÁS MULTAS, NON IMOS DEIXAR DE
AXUDAR Á XENTE.


Estas sancións van máis aló de ser un castigo do Goberno a quenes participamos
habitualmente en mobilizacións sociais: Son un intento de amedrentar á cidadanía, de disuadirnos para que esteamos caladas/os, para que non saiamos ás rúas, para que non nos organicemos para loitar contra a inxustiza.

Por qué? Porque saben que se nos unimos podemos facerlles fronte, como se demostrou co caso de Aurelia. A cidadanía gañou, e teñen medo de que nos organicemos e voltemos gañar unha e outra vez .


NON TEMOS MEDO. ORGANICÉMONOS E LOITEMOS.

SI SE PODE. NESTA CIDADE NON SE DESAFIUZA.
 

POLO DEREITO A UNHA VIVENDA LIBRE, DIGNA E GRATUITA

No hay comentarios:

Publicar un comentario