martes, 15 de octubre de 2013

Caso Elisabeth - A deixadez das institucións ante o caso de Elisabeth Sanles

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña seguimos a denunciar, unha semana despois do intento de desafiuzamento de Elisabeth Sanles, a deixadez e inoperancia das institucións, mesmo téndolles facilitado tódolos mecanismos para activar canto antes unha solución:
  1. Contactouse hai máis de dous meses cos Servizos Sociais da Coruña para que puidesen actuar con tempo.
  2. Unha vez marcado o desafiuzamento, presentouse de emerxencia un recurso atendendo ó convenio entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o Poder Xudicial (que o xuíz estimou que non tiña base legal para poder suspender o lanzamento, nen sequera a requerimento da Xunta).
  3. Tentouse, sen éxito, que o Servicio de Notificacións do Xulgado (SCACE) dera unha nova data para que Elisabeth e as institucións souberan con que tempo contaban.
  4. Presentouse un segundo recurso atendendo a precedentes marcados polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ante casos de manifesta vulnerabilidade nos que se resolveu a suspensión temporal da execución namentres os organismos correspondentes traballaban para asegurar que as persoas afectadas non quedasen en situación de desamparo.
  5. Por último, tentouse un diálogo tanto coa Consellería de Traballo e Benestar coma coa asistenta social de Elisabeth para coñecer e valorar o proceso que deberían estar activando na procura dunha solución axeitada.
Ningunha destas vías está obtendo a resposta urxente que a situación require, obrigando a Elisabeth a pecharse na súa casa ante o medo a ser desafiuzada en calquera momento. Dende STOP Desafiuzamentos a seguimos apoiando con permanencias no portal, como un xeito tamén de visibilizar a solidariedade contra a violencia estrutural constante.

Por iso no día de hoxe organizamos unha timba poética como xeito de expresar creativamente a nosa disconformidade co que está a suceder, e convocamos para mañá a un magosto reivindicativo (20h) no portal de Antonio Noche 30 como unha forma de celebrar a loita colectiva ante os abusos que vivimos cada día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario