Páginas

domingo, 20 de octubre de 2013

Caso Elisabeth - Sen solución dúas semanas despois

Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos lembrar que dende o intento de desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado día 8 de Outubro:
1)      Elisabeth non recibiu ningún tipo de atención dende as institucións responsables. É ela a que procura poñerse en contacto tanto con Servizos Sociais da Coruña como coa Consellería de Traballo e Benestar, con escaso éxito. As administracións pásanse a pelota e non queren entender que deben dar resposta e informar á persoa afectada das solucións que supostamente van implementar.
2)      Dende as institucións competentes reincídese na falta de recursos: tanto o concelleiro de Servicios Sociais, Miguel Lorenzo, coma o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fan fincapé en que non teñen vivendas para a xente que as precisa. O IGVS chega a afirmar que dispón de 5 vivendas para 5.000 persoas e familias solicitantes. Tendo en conta que só na cidade da Coruña hai 20.000 vivendas baleiras segundo cálculos do Instituto Nacional de Estatística, entendemos que o problema non é de falta de recursos senon de vontade e responsabilidade política.
3)      Case dúas semanas despois do intento de desafiuzamento, e vendo a escasa celeridade das institucións ante unha situación de emerxencia, preguntámonos que pasaría se o desafiuzamento non se tivera detido: se ela aceptase a única vía proposta polos Servicios Sociais, se fose desafiuzada, marchase para Padre Rubinos e perdese a custodia dos seus fillos, sería isto un éxito da política social local e autonómica? É isto unha mostra da política social en Galicia?
Reincidimos en que a suposta falta de recursos está máis ben relacionada coa falta de vontade e responsabilidade política. Os desafiuzamentos non son inevitables, as persoas desafiuzadas non son culpables, hai vivendas construídas de sobra para cubrir as necesidades, e o que se está a protexer dende as administracións non é o dereito á vivenda senon a especulación inmobiliaria e financeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario