Desfile de Vivenda Social
Hoxe fixemos unha acción no Edificio Administrativo da Xunta (Monelos), sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), para sinalar e ridiculizar as supostas solucións que aporta a Xunta ante o problema da vivenda. Cun Desfile de Vivendas Sociais feitas con caixas de cartón salientamos a desprotección na que se atopa a xente que queda sen casa, e a precariedade e desleixo con que a trata a Xunta.
Aquí tedes imaxes da acción.
Durante o transcurso da acción repartimos panfletos coa seguinte información:
A POSICIÓN DA XUNTA ANTE O PROBLEMA DA VIVENDA
A actual situación de crise social, desemprego estrutural e
empobrecemento de boa parte da poboación redirixiu a atención pública
cara a imposibilidade de moita xente de facer fronte ós prezos das súas
vivendas (xa fose mediante hipotecas ou por alugueiros). O organismo da
Xunta de Galicia destinado a solucionar os asuntos referentes á vivenda é
o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Sen embargo, a súa
posición deixa bastante que desexar.
Ante a necesidade dunha vivenda
que sufre moita xente debido ós prezos do aluguer e ós abusos
hipotecarios, a única solución que ofrece o IGVS é que se solicite unha
vivenda de protección oficial. Nas súas propias palabras, dispoñen de 5
vivendas na Coruña para as 5.000 solicitudes que xa teñen enriba da
mesa. Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo, Presidente da Xunta, fala de 500 vivendas dispoñibles a nivel galego.
Este tipo de declaracións
resúltannos insultantes sabendo que só na cidade da Coruña hai arredor
de 20.000 vivendas baleiras, e case 300.000 en toda Galiza, segundo
cálculos do Instituto Nacional de Estatística. Non se pode facer pasar
por un problema técnico, de escaseza de recursos, o que é unha decisión
política. A recente inauguración dunha oficina de atención e
asesoramento, dentro do programa Reconduce do que tanto fachendea a
Xunta, pouco ou nada pode (nin quere) facer se non aporta solucións de
vivenda para toda a xente que a necesita. Nalgunhas comunidades
autónomas, como Andalucía e Navarra, estánse comezando a adoptar tímidas
medidas para facilitar o dereito a teito e limitar a especulación
inmobiliaria.
Pola nosa banda, fartámonos das medidas escasamente
paliativas da Xunta, da opacidade a respecto das vivendas das que dispón
e das vías para acceder a elas, e do xogo da pelota entre
administracións, de xeito que ningunha se responsabiliza en dar a
solución estrutural que este problema social precisa. A Xunta de Galiza
apostou por amparar a Cultura da Burbulla, é dicir, protexer a
especulación inmobiliaria e financeira antes que o dereito á vivenda.
Ante este panorama, celebramos o éxito que están a ter as iniciativas
impulsadas polas PAHs e outros colectivos sociais en Catalunya, Madrid,
Andalucía e outras partes do Estado, resolvendo o problema da vivenda
mediante a expropiación de inmobles baleiros pertencentes ós bancos,
eses mesmos bancos que previamente especularon e derrocharon o diñeiro
dos seus clientes para logo ser salvados con cartos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario