Dende STOP
Desafiuzamentos A Coruña queremos facer pública a situación dunha compañeira de trinta e tres anos que
está en contacto connosco dende comezos de ano, e á que lle vén de chegar fai
unhas semanas unha sentencia firme de
desafiuzamento executábel en calquera momento.
Ela vive ca súa nai
nunha vivenda sen contrato –situación legalmente denominada “en precario”[1]-
e, a pesares de estar enferma de fibromialxia, é a encargada de coidar á súa
nai as 24 horas –diagnosticada de
demencia e trastornos psiquiátricos, e cun 65% de minusvalía-, polo que, inda
se se lle dera a improbábel circunstancia de atopar traballo, tampouco se
podería incorporar ao mesmo, xa que a súa nai depende totalmente dela -como
confirma un informe expedido pola área de neuroloxía do CHUAC fai apenas unhas
semanas-. A día de hoxe ámbalas dúas sobreviven como poden coa pensión de
discapacidade da nai (365'90 €/mes).
Esta compañeira
leva varios meses dando tódolos pasos posíbeis para evitar verse na rúa: mantivo
alomenos catro entrevistas con Servizos Sociais –as citas concédense con tanto
tempo de demora que non lle foi posíbel reunirse máis veces-; fai xa meses que pediu
unha valoración de dependencia para
a súa nai na Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Discapacidade -da que inda non lle deron resposta
pese a urxencia do seu caso-; apelou ao Convenio
entre Xunta, Concellos e Poder Xudicial testemuñando a situación de
vulnerabilidade social que atravesa sen que a Consellaría de Benestar Social
nin os Servizos Sociais do Concello deran resposta algunha ao respeito; solicitou unha vivenda social ao
Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS-Xunta de Galicia) polas dúas vías
existentes, a ordinaria e a directa, obtendo no primeiro caso unha resposta estándard
confirmándolle a súa inscrición e, no caso da solicitude de adxudicación
directa, carecendo inda a día de hoxe de resposta algunha pese a tela
solicitado fai xa varias semanas e ter este procedemento a consideración de “urxente”.
Ademais, até o
dagora a súa experiencia cos Servizos Sociais do Concello da Coruña e,
concretamente, ca súa asistenta social de referencia, está resultando
totalmente improdutiva e desgastante a nivel emocional, xa que apenas lle
proporcionan información, non lle están prestando apoio e, pese a tratarse dos
Servizos Sociais, non amosan ningún tipo de empatía coa súa situación, un
escenario perfectamente correspondente ca deixadez e inoperancia que o Concello da Coruña amosa
na súa xestión das garantías mínimas contra a exclusión social que vimos
denunciando dende fai tempo, e tristemente acorde tamén cas máis de
duascentas queixas sobre os Servizos Sociais galegos trasladadas o pasado
ano 2013 ao Valedo do Pobo.
De feito, dende
STOP Desafiuzamentos A Coruña estamos asistindo con grande preocupación a certas
reaccións do persoal dos Servizos Sociais, e temos a certeza de que esta
grave circunstancia estase a dar con máis usuarias, xa que son varios os casos
dos que nos teñen informado nas asambleas que o noso colectivo realiza periodicamente.
No caso desta
compañeira, nunha grave situación de vulnerabilidade social recoñecida, a traballadora social asignada, en lugar
de tratala como unha persoa con dereitos, está a exercer sobre esta muller unha
posición de control e superioridade, actitude que revela unha total falta de
profesionalidade por parte dunha persoa cuxa función é apoiar a quenes se
atopan en situación de vulnerabilidade social. Chegou a chamala por
teléfono para reprendela e culpabilizala, e mesmo lle dixo que por qué non
marchaba para Uruguay, país onde naceu, comentario que, canto menos, temos que
cualificar de xenófobo.
Na actualidade,
dende STOP Desafiuzamentos A Coruña estamos apoiándoa e acompañándoa nos pasos
administrativos que está a dar, e parte deste arroupamento é tamén visibilizar
o seu caso, non só por ela, senón porque a
súa situación é extensible ós milleiros de persoas que sofren a indiferenza da
Administración á hora de garantir os seus dereitos. Cómpre lembrar que cada mes 150 familias galegas perden a súa
casa, e que máis de 100.000 familias atópanse en risco de exclusión social ao
teren a tódolos seus membros no paro -un 23,2% da
poboación galega xa perdeu o seu traballo por culpa da estafa financieira auspiciada pola
corrupción política-, ademais, segundo datos da Rede
Europea contra a Pobreza, xa no ano 2011
case 700.000 galegas e galegos eran considerados persoas pobres, estando o
goberno da Xunta do PP máis preocupado polos seus casos internos de corrupción que
por atallar esta situación de emerxencia cidadá.
Onde está a
Administración pública para facer fronte a esta gravísima situación social? Polo
dagora a súa actitude ubícase nos axiomas da apatía total e as solucións
miserentas. Iso si, cartos para as elites financieiras hai abondo, xa que segundo
datos do Banco de España, dende o ano
2009 os Gobernos do PSOE e do PP derivaron 61.495 millóns de euros de cartos
públicos para subministrar ás entidades bancarias que crearon esta crise,
praxe antisocial na que persisten, xa que fai apenas uns días que o goberno do Estado
do Partido Popular procedeu á
maior venda dunha carteira de crédito hipotecario rexistrada até o momento en
Europa. Mentras tanto, só nos
primeiros tres meses de ano iniciáronse no Estado español 20.000 procesos de desafiuzamento no marco dunha lexislación
urbanística totalmente abusiva condenada
dende as institucións europeas.
A nivel local, na
nosa cidade máis
de 3.500 persoas son demandantes de vivenda do Insitituto Galego de Vivenda e
Solo, sen que o Concello se inmute nin moito menos tome medidas para
xestionar o parque de vivendas baleiras da cidade, que suma a escandalosa cifra
de 20.000 -120.000 en toda a provincia-, ao tempo que non dubida en gastar en festas 22 millóns de euros,
case 7 millóns máis que o orzamentado para Servizos Sociais. Por iso asistimos
a situacións inhumanas, vergoñentas para un país que se diga minimamente
desenvolvido a nivel social, nas que persoas como esta compañeira cuxo caso
damos a coñecer hoxe, enferma e ca súa nai tamén enferma, estean a punto de
acabar na rúa.
Esta muller está
realizando un grandísimo esforzo para poder salvar a súa nai e a ela mesma de
acabar nunha situación de total indixencia, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña
instamos ás institucións locais e da Xunta a corresponder a esta compañeira asumindo
a súa responsabilidade institucional, é dicir, mobilizando inmediatamente tódolos recursos posíbeis deste suposto “Estado
de Benestar”.
De non ser así, o vindeiro mes de setembro o goberno
corrupto do Partido Popular da cidade da Coruña voltará ser coñecido novamente en
todo o Estado por engrosar a súa lista de despropósitos antihumanitarios,
encetado co desafiuzamento da anciá Aurelia Rey no marco do mobbing
inmobiliario e a lacra de exclusión clasista urbanística coñecida como “xentrificación”, e continuada ca
militarización das rúas para botar do seu fogar a unha muller con tres fillos e
fibromialxia, como foi o
caso de Elisabeth Sanlés.
[1]Denomínase “precaria” aquela situación de feito
que implica a utilización gratuita dun ben alleo, inda que se atope a falta de título que
xustifique o goce da posesión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario