Poucos foron os
meses de tregua do Concello da Coruña no seu teimado acoso urbanístico ás
familias que residen nos terreos do faraónico despilfarro do Parque Ofimático.
Fai apenas dúas
semanas Álvaro, un dos veciños da marxe dereita da Avenida Alfonso Molina –dirección
saída da Coruña-, recibiu unha notificación
na que César de Jesús Otero Grille, Director
Xeral de Urbanismo, lle comunicaba que viña de asinar un Decreto Directivo no
que lle insta a desaloxar a súa casa xunto co seu fillo e a súa nai de 79 anos,
indicándolles que, de non facelo voluntariamente, iniciaranse os procedementos pertinentes
para forzalos a abandonar o seu fogar e demolerlles a casa. Xunto con Álvaro,
en total recibiron esta notificación 5
familias, ubicándose as catro restantes na marxe esquerda.
Na actualidade 12 familias residentes na zona de
Eirís-Castro de Elviña onde se quere construír este megaproxecto de vivendas e
oficinas manteñen unha forte loita para evitar perder os seus fogares por culpa
da megaoperación de especulación urbanística do Parque Ofimático. Cómpre
lembrar que os seus terreos foron expropiados sen o seu consentimento, negativa que o Concello
castigou obrigándoas a se converteren en promotoras forzosas, procedendo a lles
cobrar custos de urbanización por valor de milleiros de euros que lles resulta
imposíbel pagar, situando a estas
familias no abismo de verse sen casa e fortemente endebedadas por culpa dun
proxecto que empezou sendo de uso social e acabou converténdose nunha operación
de especulación urbanística ca que poñer cartos públicos ao servizo de
intereses privados e engrosar a lista das 20.000 vivendas que xa a día de hoxe
fican baleiras na cidade.
Aliás, en casos
concretos como o da familia de Álvaro, a cambio dos 1.500 metros cadrados que
lle queren expropiar vanlle devolver menos de 500 metros cadrados de terreo,
sen casa, e tendo que pagar custos de urbanización, o cal, en plena crise
económica, suporíalles endebedarse en cantidades que poderían chegar a superar
os 40.000€.
Pero ademais o
concello da Coruña ten tanta présa en botalos das súas casas que nin sequera
respecta os procedementos administrativos abertos e pretende facelo polas
bravas, a golpe de decreto do Director de Urbanismo. Na actualidade, 5 familias
-4 residentes na marxe dereita da Avenida, entre as que se atopa a de Álvaro, e
unha da marxe esquerda- están agardando
pola resolución das alegacións que presentaron ás modificacións do Plan Parcial
no período aberto para tal efecto o pasado mes de xullo, a través das cales
solicitaron a desafección das súas vivendas dentro do Plan.
Estas familias consideran
totalmente desproporcionado que lles tiren as súas casas dada a inadecuación do proxecto, alegando que
inicialmente foi proxectado para un “ben social” e posteriormente “reconvertido” en vivendas,
sen adaptación ao actual descenso de
demanda de vivenda, cun custo de
edificación orzamentado moi superior ao aplicado noutros polígonos da cidade,
e sen garantías do dereito de realoxo
que estas familias deberían ter no
proxecto de reparcelación.
Ademais, as casas
da marxe dereita atópanse nos terreos que o proxecto destina a “equipamentos
escolares”, resultando sospeitoso que se tivera reservado a tal efecto unha extensión superior á esixida legalmente sen
que exista xustificación algunha. De feito, a veciñanza afectada está
convencida de que non se empregarán para a construción de colexios –como está
especificado no Plan-, xa que hai centros educativos próximos e unha clara tendencia
de descenso de natalidade. As familias
sospeitan que a dotación de equipamentos é unha desculpa para derrubar as súas
casas e acabar construíndo máis edificios.
Sen embargo, o goberno corrupto do alcalde Carlos
Negreira, con Martín Fernández Prado como Concelleiro de Urbanismo, prefire
obviar as esperanzas que estas 5 familias teñen postas na resolución destas
alegacións e recruecen o acoso inmobiliario, dito sexa de paso, comunicado no
mes de agosto en plenas festas da Coruña, detalle que polo menos podemos
cualificar de indubidábel mal gusto.
Sen dúbida, o acoso
urbanístico do goberno local ás familias afectadas polo Parque Ofimático
voltará ser a carta de presentación do Concello da Coruña nos medios de
comunicación nos vindeiros meses. Aliás, a cuestión de fondo segue a ser a
mesma nestes últimos seis anos: por que
en plena crise económica -e total afundimento do sector urbanístico- o Concello
da Coruña está interesado en construír case 1.500[1] vivendas
malia a ter xa 20.000 vivendas baleiras na cidade? Ata onde chegan os intereses
das persoas integrantes do consistorio municipal que ata están dispostos a
desaloxar ás familias a golpe de decreto municipal?
Dende STOP
Desafiuzamentos A Coruña manterémonos apoiando a loita exemplar destas 12
familias, que conta ademais cun importantísimo apoio por parte das coruñesas e
coruñeses.
Nin xente sen
casa, nin casas sen xente!!
[1]Malia a que no cartaz informativo instalado nas
obras do Parque Ofimático indícase a construción de 1.120 vivendas, sen embargo
na Modificación do Plan Parcial establécense 1.481,02.
No hay comentarios:
Publicar un comentario