domingo, 28 de septiembre de 2014

Alegamos contra o rexeitamento do IGVS e denunciamos a súa compricidade na vulneración dos dereitos humanos


Na mañá deste venres acudimos xunto ca compañeira do barrio dos Mallos en risco de desafiuzamento a facer entrega dun recurso contra a denegación dunha vivenda social polo procedemento de emerxencia notificada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fai unhas semanas, ao adoecer este rexeitamento administrativo de falta de motivación e ditarse prescindindo absolutamente do procedemento establecido.

Como sinala esta muller de 33 anos, enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai enferma as 24 horas do día, a resolución transmitida polo IGVS “non valora a situación da miña nai nin os datos económicos, non se refire á sentencia firme de desafiuzamento, non fai mención ningunha nin valora de ningún xeito os documentos que aportei nin o informe social remitido polos Servizos Sociais do Concello, co cal a resposta non é unha auténtica resolución referida ás circunstancias da solicitude concreta que eu presentei, senón unha resposta-tipo que lle poderían dar a calquera”.

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos totalmente intolerábel que un organismo público como o IGVS estea a actuar como barreira administrativa impedindo a efectivización dos dereitos humanos máis básicos, vulnerando completamente mesmo a propia Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que recolle no seu Artigo nº 3 que o IGVS ten como función “garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica”.

Aliás, o IGVS vai mesmo contra o  Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), obviando que tense pronunciado, en decisións vinculantes para as administracións, afirmando que o desafiuzamento sen alternativa de realoxo viola os dereitos humanos, e responsabilizando ás administracións de garantir esta alternativa de vivenda.

Ca súa inoperancia e abandono total de responsabilidades, tamén está a desobedecer o IGVS ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que vén de concluír na sentencia de 10 de setembro de 2014, no asunto C-34/13, que o dereito á vivenda é un dereito fundamental garantido polo artigo nº7 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, incorporando tamén os criterios do TEDH.

Por se esta actitude non fora cruel abondo, fai uns días as compañeiras de STOP Desafiuzamentos Compostela denunciaron a través dos medios de comunicación, que o IGVS dispón de 500 vivendas para unidades familiares vítimas de desafiuzamentos, mais só concedeu 33 (!).

Tamén alertadas pola inhumana irresponsabilidade que está a amosar o IGVS, contactaron connosco compañeiras de  STOP Desafiuzamentos Barbanza para lembrarnos que o ano pasado o propio Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo comprometeuse publicamente a realoxar a tódalas familias sen recursos ou en situación de desafiuzamento. Esta mesma mentira “vendeulla” o IGVS tamén a STOP Desafiuzamentos Compostela apenas un mes máis tarde.

Polo tanto, malia a que o IGVS conta con 467 vivendas libres e un amplo abano de ferramentas legais á súa disposición, preferiu deixar na rúa no seu momento a Elisabeth Sanlés, fai uns días a unha familia de Aríns vítima dunha estafa e agora teima tamén en abocar á exclusión social a estas dúas veciñas da Coruña.

Todo isto ademais cando fai apenas uns días a Defensora do Pobo a nivel estatal afirmou que “non debe haber desafiuzamentos de familias que non poden facer fronte ao pago das súas hipotecas por razóns explicadas e motivadas de boa fe" e instou ás administracións a mobilizar a través do alugueiro a bolsa de case 14.000 vivendas protexidas baleiras que xestionan as comunidades autónomas e concellos. 

Por que o IGVS non está logo a cumprir ca súa responsabilidade de facer fronte aos desafiuzamentos xestionando as 500 vivendas cas que conta pra ese cometido? Onde está o cacareado convenio entre institucións ca que se lle enchía a boca ao presidente da Xunta o ano pasado? Onde está o decreto para “paliar os efectos da crise” sobre as familias desafiuzadas que a Xunta de Galiza se encargou de publicitar no ano 2012? Que obxectivo a maiores da pura cosmética tivo a emisión da Orde de 16 de maio de 2013 pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás personas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga? Por que incluso as mulleres vítimas de violencia machista foron expulsadas deste Programa?

As distintas plataformas antidesafiuzamentos da Galiza estamos extremadamente fartas de tantas mentiras. Persistiremos en poñer en evidencia a frialdade ca que o IGVS está a empuxar á indixencia a centos de familias galegas, e estamos decididas a articular medidas de presión contra este organismo para que desbloquee as 467 vivendas baleiras que ten a responsabilidade de adxudicar a familias que sufriron desafiuzamentos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario