Páginas

lunes, 8 de septiembre de 2014

Asembleas semanais de traballo

Despois dunha semana moi atarefada polo xuízo do bombeiro e a participación nas festas de Monte Alto, voltamos como tódolos luns á asemblea de traballo. Ó contrario que as asembleas para persoas afectadas (proximamente vos anunciaremos a seguinte), non adoitamos anunciar as nosas asembleas de traballo a través do blogue, porque para facelo empregamos outras redes: corunha.info, o noso facebook e o twitter.

Pero nunca está de máis lembrar que as asembleas de traballo (que mentres dure o bó tempo celebraránse os luns ás 19.30h no parque de Santa Margarida) son semanais e abertas, e nelas intentamos, a través do traballo colectivo, organizármonos para procurar un dereito á vivenda universal e efectivo. Copiámosvos a continuación o texto da convocatoria desta semana, que quedou emotivo e fermoso.

_______

a casa é un dereito do corpo!

Múltannos a cada quen para asustar a cada outra! Pero como xa estamos cáseque tod@s multad@s, e pensamos máis ou menos como pensabamos, que non paga a pena estar cada un na súa vida agardando que o desafiucen, a despidan, o mangoneen, os fagan emigrar, as ni-ni-neen, lles baixen o salario, volo baixen outro pouco, nos maten mentres cruzamos unha fronteira, pois logo queremos seguir coa teima de nos coñecer e aprender xunt@s, e seguir facendo. 

Van rachando as costuras deste sistema ou cachivache totalmente podre e inservible. Mentres a xente sobrevive, apoia, coida, loita, moito ou pouco, as elites seguen acumulando patrimonios, reestructurando "a economía", recortando, especulando, endebedándonos para se seguir forrando, e así sucesivamente. A xente vai cansando e ós poucos organizámonos. Calquera momento é bo, pódese comezar no curro, no bar, na Praia, coa pandilla, cos sogros. Comezamos pola indignación e a supervivencia, mais agora hai que ir cosendo e cantando para que ninguén quede fóra, para que ninguén perda pé, e para que nos vaian saíndo transformacións sociais, novos xeitos de relacionarnos, novos xeitos de cooperar entre nós directamente para non ser escravas dun sistema competitivo e abafante, e formas e prácticas de solidariedade, respeto e apoio mutuo. Hai de todo, e temos corpo e sentimento para poñer en común.

O problema de vivenda non é un problema noso, porque vivenda xa hai, é un problema das elites: o seu problema é cómo facer para privarnos do dereito á vivenda, porque as vivendas están feitas, e fixéronas obreiros que se cadra están no paro, sen ingresos e desafiuzados. Hai 20.000 vivendas baleiras na cidade, moita xente sen teito que as precisa xa, e moita xente que ten dereito a coidarse, a coidar, a inventar e compartir a cidade, sen medo de perdelo todo, sen a presión de"triunfar" ou "perder", de"emprender", endebedarse, que a despidan, emigrar... Hai moitas posibilidades de ir tecendo economías cooperativas solidarias, de garantizar os coidados dos colectivos máis vulnerables, de garantizar os dereitos humanos a calquera que chegue, veña de onde veña, de comunicarse con quen en calquera lugar do mundo soñades e loitades por que viaxen as persoas e non o capital, por unha seguridade feita a base de xustiza social e coñecemento recíproco e non de guerras e pánico, por solidariedades e vitalidades sen fronteiras, infinitas.

A casa é só un dos dereitos do corpo, o corpo propio e o corpo colectivo. É un lugar máis de soños, experiencias, expresións , que non poden depender da capacidade de mercalos, e sí da nosa capacidade de poñelos en común. A casa é parte da saúde como a saúde é parte da mobilidade como a mobilidade é parte da actividade como a actividade é múltiple e vaise refacendo co mundo, e non pode estar suxeita a un réxime de control, acumulación, xerarquización, medo, escaseza artificial, arbitrariedade e ignorancia.

Xa estamos tod@s moi por riba deste modelo, como cada día probamos na nosa convivencia cotiá. As elites, os reis, magnates, estrelas, tiburóns financieiros, grandes filántropos, etc. simplemente están obsoletos, pero aínda non o saben. Temos que vir vellas, bombeiros, marxinais, precari@s, parad@s e currelas a lembrarllo! As cidades e as aldeas para quen as comparte!

Nesta cidade non se desafiuza!
Nin casas sen xente nin xente sen casa!

No hay comentarios:

Publicar un comentario