Páginas

jueves, 11 de septiembre de 2014

Concentración semanal das familias afectadas pola construción do Parque Ofimático

As familias de Eirís-Castro de Elviña en risco de desafiuzamento por mor da construción do Parque Ofimático convocan novamente para mañá, venres 12 de setembro, unha concentración ás 14.00hrs., embaixo do paso elevado que cruza a Avda. Alfonso Molina á altura da Igrexa de Eviña.

Sinalar tamén que, segundo trasladou a STOP Desafiuzamentos un dos veciños afectados, onte tiveron lugar algúns momentos de tensión cun membro da Policía Nacional –un dos habituais “xefe de dispositivo” de antidisturbios que o PP manda tódolos venres para atemorizar á veciñanza-, con motivo do paso da Volta Ciclista pola Avenida Alfonso Molina.

Como moitas de vós lembraredes, o ano pasado o Concello da Coruña deu instrucións á Policía  para que durante as horas nas que as veciñas/os realizan a súa concentración reivindicativa semanal lles impidan pasar pola pasarela que cruza Alfonso Molina a altura da Igrexa. No seu momento  o Concello alegou a peregrina desculpa de que podía virse abaixo, cando na realidade o que lle molesta é que as pancartas, camisetas e reivindicacións da veciñanza acaden maior visibilidade ao estar enriba da ponte.

De feito, o ano pasado deuse durante semanas un constante “tira e afrouxa” entre a Policía e a veciñanza con motivo do feito de pasar pola ponte, acto cargado de cada vez máis simbolismo a medida que a Policía se esforzaba por non deixar pasar ás veciñas e veciños. A estrambótica situación mesmo foi recollida nun pequeno video.

Logo deste precedente, cando onte varios veciños e veciñas observaban como os pasos elevados da Avenida Alfonso Molina estaban cheos de xente vendo pasar a Volta –adxuntamos imaxe-, sen que a Policía alí presente tivera medo algún de que lle caera a ponte enriba a ningún ciclista, decidiron sinalarlle á Policía a proba evidente de que o único motivo polo que a veciñanza en risco de perder a súa casa por culpa do Parque Ofimático non pode estar na pasarela cando fan mobilizacións é pola censura ca que o Concello quere afogar as súas reivindicacións, producíndose entón o citado momento de tensión.

Lembramos unha vez máis que a través destas concentracións semanais, con ou sen pasarela, as familias en risco de desafiuzamento esixen ao Concello poñer da súa parte a vontade política necesaria para que as casas das familias ubicadas na marxe dereita da Avenida Alfonso Molina sexan desafectadas do Plan, así como solucións habitacionais para aquelas familias que xa entregaron as súas casas.

Cómpre salientar tamén que na actualidade 5 familias -4 residentes na marxe dereita da Avenida, e unha da marxe esquerda- están agardando pola resolución das alegacións que presentaron ás modificacións do Plan Parcial no período aberto a tal efecto o pasado mes de xullo, a través das cales solicitaron tamén a desafección das súas vivendas.


Concentración da veciñanza Eirís-Castro de Elviña
DATA
HORA
LUGAR
Venres
12
setembro
14:00hrs.
Embaixo do paso elevado que cruza a Avda. Alfonso Molina á altura da Igrexa de Eviña

No hay comentarios:

Publicar un comentario