Páginas

jueves, 9 de octubre de 2014

Basta xa de abusos bancarios! Esiximos a dación en pago no Banco Santander

Onte pola mañá arroupamos a unha compañeira na entrega formal da solicitude de dación en pago da súa hipoteca, contraída co Banco Santander. Logo de concentrarnos diante das sucursais da zona do Obelisco e da rúa Durán Loriga, onde fixemos entrega da referida solicitude, ficamos agora á espera de resposta por parte da entidade.

As entidades bancarias, e entre elas o Banco Santander, teñen unha responsabilidade fundamental na xeración da crise económica que atravesamos. A pesares disto, para asegurar a súa viabilidade, e sen asumir ningunha contrapartida social, dende o inicio da crise as administracións públicas transferironlles cerca duns 280.000 millóns de €.  A algunhas entidades de forma directa e a outras de forma indirecta, coma no caso do Banco Santander, que recibiu 18.000 millóns de euros do Estado a través de créditos fiscais. Grazas a  estes “premios” que o Partido Popular outorgou ás entidades instigadoras da estafa bancaria, o propio Banco Santander acadou nos primeiros seis meses deste ano un beneficio neto de 2.756 millóns de euros, un 22,2% máis ca no mesmo período do ano anterior.

Namentras, vítimas desta connivencia entre as elites políticas e financieiras, a sociedade civil sufrimos o desmantelamento de servizos sanitarios, escolares, prestacións sociais, axudas á dependencia... Ao tempo que as entidades bancarias, lonxe de corresponder ás axudas públicas “dulcificando” as súas prácticas, están a aproveitar o incremento da vulnerabilidade social para quedarse cas nosas casas e, inda por riba, seguir cobrándonos a hipoteca –e con brutais intereses de demora-. Segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), entre 2007 e 2013 ordeáronse máis de 500.000 execucións hipotecarias. E o drama segue medrando, xa que tan só nos tres primeiros meses deste ano iniciáronse 24.226 execucións hipotecarias, supoñendo case 3.000 execucións hipotecarias máis ca no mesmo período do ano 2013.

Ademais, cómpre reflexionar que, para cando nos quitan a casa, hai xa tempo que estamos pasando por graves dificultades, situación que, por outra banda, é inda máis cruenta debido a que as administracións públicas gastaron o diñeiro nos bancos en troques de “salvar” á poboación. Segundo datos oficiais da propia Xunta, na Galiza máis de 18.000 familias con nenas/os están a sufrir unha situación de pobreza severa, detectándose tamén o que a Xunta chama eufemisticamente “déficit alimentario”, é dicir, fame e desnutrición, en 4.100 familias galegas.

Con respecto á provincia da Coruña, a día de hoxe unha quinta parte dos fogares viven con menos de mil euros ao mes e 8.300 familias coruñesas non teñen absolutamente ningún ingreso económico, unha cifra que supón un 65% máis con respecto aos datos do ano 2009.

Polo tanto, resulta inaceptable no contexto actual que os bancos non se responsabilicen na procura de solucións e que aboquen ás familias a procesos de desafiuzamento hipotecario que rematan ca perda da vivenda e o mantemento da débeda, desembocando na meirande parte dos casos en situacións de exclusión social, e ensañándose especialmente coas persoas soas e as familias monoparentais, case sempre cunha muller á fronte. De feito, segundo datos da Consellaría de Benestar, inda que so o 8 % dos fogares galegos con nenas/os son monoparentais, representan o 46 % dos que padecen pobreza.

A falta de redes sociais e comunitarias, así como o actual deterioro dos Servizos Sociais, aumentan a vulnerabilidade destas compañeiras, coma ben comprobamos nas nosas asembleas, a onde maioritariamente chegan mulleres pedindo asesoramento e axuda, amedrentadas por unha situación que se inicia pola perda de emprego, divorcio –sendo significativo o número de casos nos que foron maltratadas polas súas parellas-, e que remata na perda da base fundamental da vida de calquera persoa: a nosa casa.

Logo, non satisfeitos con telas entre a espada e a parede, os dirixentes de entidades bancarias como o Santander afondan no maltrato psicolóxico a estas persoas contratando os servizos de empresas de acoso telefónico que se adican a atormentar a quenes xa non teñen traballo, apenas comida e non poden seguir pagando as súas hipotecas. Chamadas constantes en todo tipo de horarios, mesmo a familiares, minan a saúde das persoas afectadas, que moi a miúdo cando acoden ás nosas asembleas presentan claros cadros psicolóxicos de ansiedade e depresión.


O Santander estafa e extorsiona! Basta xa de abusos bancarios!

NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario