Páginas

viernes, 3 de octubre de 2014

Festa e solidariedade contra a represión do Partido Popular

SÁBADO 4, dende as 23hrs. no Pub 14!
 
 Fai unhas semanas recibimos en STOP Desafiuzamentos A Coruña unha proposta solidaria para axudar a facer fronte aos case 6.000 euros en multas cos que o Delegado do Goberno Samuel Juárez e o Subdelegado Jorge Atán teiman en coaccionarnos para que deixemos de denunciar publicamente a constante vulneración dos dereitos humanos e sociais perpetrada polo goberno do Partido Popular.

Tratábase dun coñecido activista social da Coruña empregado na hostalería. A súa idea: celebrar unha festa solidaria co obxectivo de acadar recursos para facer fronte ás multas pola paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey (2.700€), o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés (pendente de xuízo),  a participación en mobilizacións convocadas polas familias afectadas polo Parque Orfimático (120€), unha concentración diante da sede do PP cando rexeitaron tramitar a ILP da PAH (1.712€), acudir á concentración convocada polo CSO Palavea contra o seu desaloxo (900€), a contrademanda do Director de Servizos Sociais cando o denunciamos por insultarnos e rexeitar atender a unha usuaria (180€), e a sanción que nos aplicaron mesmo por protestar contra as multas na manifestación realizada no verán de 2013 (150€).

E como a solidariedade chama á solidariedade, 27  DJ´s acudiron á súa chamada (!). E así, todas e todos xuntos, estamos a ultimar os detalles da festa solidaria que terá lugar este sábado 4 de outubro no Pub 14! (R/San Vicente de Paul, 11, A Coruña), e á que queremos convidarvos a todas e todos vós, porque alén de facer fronte ás multas, o verdadeiro segredo da nosa forza é o voso apoio e afecto, sentir e saber que vos temos aí.

Para nós, a vosa solidariedade é a “kriptonita” ca que facer fronte ao Delegado do Goberno e ao seu exército de antidisturbios e artimañas administrativas. E boa falta nos fai estar unidas, porque se nos orzamentos do Estado do ano 2013 o Partido Popular estipulou un incremento de 10,02 millóns de euros para material antidisturbios, o  recentemente presentado Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado  recolle unha contía de 5.433,92 millóns de euros, -11,96 millóns máis que o ano pasado- baixo o cínico epígrafe de “Seguridad Ciudadana”, que ben lle podían chamar “Dotación para mercenarios contra o  Estado de Benestar”.  De feito, só neste verano gastaron xa máis de medio millón de euros en armar policía para acosar á cidadanía que participa en mobilizacións sociais.

Iso si, mentras aumentan pra o vindeiro ano o orzamento para irromper con violencia nas rúas contra a sociedade civil, o goberno do PP reduciu nun 90% os programas de “educación compensatoria”, destinados a alumnado en "desventaxa social", é dicir, ás fillas e fillos dxs centos de milleiros de desafiuzadxs, paradxs e persoas dependentes que o PP empuxou ao precipicio da exclusión social nestes últimos tres anos. E, aproveitando o aforro, aumentaron nun 84% o financiamento dos partidos políticos para o vindeiro ano, situándoo en 156 millóns de euros (fronte aos ridículos 5,25 millóns adicados ao devandito alumnado en desventaxa social).

Mentras tanto, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) no segundo trimestre deste ano iniciáronse 32.960 execucións hipotecarias -un 1,2% máis ca no trimestre anterior e un 14% máis ca no mesmo trimestre de 2013-, co que, se lles sumamos as 32.565 do primeiro trimestre, atopámonos con que tan só nos primeiros seis meses deste ano iniciáronse 65.525 procesos de desafiuzamento a nível estatal.

Pero, precisamente canto máis se esforzan por destruírnos, máis claro temos a necesidade de ser alegres e combativas, para que non podan facernos dano, nin por fóra, nin por dentro. Por iso queremos agradecer publicamente hoxe esta fermosa e loitadora iniciativa levada adiante por este compañeiro traballador do sector da hostalaría, así como a participación desinteresada dxs case trinta DJ´s que actuarán este sábado.

A día de hoxe, e malia a que estamos a recorrer tódalas sancións e imos proceder a denunciar estes feitos no Xulgado do Contencioso- Administrativo, a Delegación do Goberno non está a respectar os trámites en curso e apresuráronse a embargarnos xa 1. 020€.

Ademais, mantémonos alerta diante da recente represión económica a activistas por participar en desafiuzamentos, xa que o vindeiro luns 20 de outubro seis compañeirxs serán xulgadxs na Coruña por acompañar a Elisabeth Sanlés o día do seu desafiuzamento, acusadxs dun delito de “desobediencia”.

Porén, queremos lembrar tamén, como fixemos publicamente o pasado mes de xullo a través da nosa participación na manifestación “Reprímennos a nós para asustarte a ti”, que a estratexia represiva do Partido Popular non só se ceba ca loita contra os desafiuzamentos, senón contra todos aqueles colectivos e persoas que loitan día a día pola defensa dos máis elementais dereitos humanos e sociais.

Aproveitamos logo tamén este comunicado para expresar a nosa fonda admiración e apoio a tódolos colectivos e persoas que fan parte cada día de todas estas loitas sociais, ao tempo que queremos recoñecer tamén a importante sensibilidade da maioría de compañeiras e compañeiros dos medios de comunicación (a información é poder!).

Porque non nos fartaremos nunca de repetir que  sabemos que a unión de forzas e o traballo conxunto é o único xeito de deter este sistema criminal que nos condena ó empobrecemento, á miseria e ó medo.

Fronte á súa represión: SOLIDARIEDADE!
Nin xente sen casa, nin casas sen xente!

No hay comentarios:

Publicar un comentario