sábado, 18 de octubre de 2014

O misterio das 500 vivendas do Instituto Galego de Vivenda e Solo

Na mañá de onte colectivos antidesafiuzamentos da Coruña, Ourense, Ferrol Terra, Lugo e Compostela acudimos ás oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para denunciar o desleixo de responsabilidades que esta institución á que lle corresponden “as competencias e funcións en materia de política de vivenda, favorecendo o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada” está a cometer.

No caso de STOP Desafiuzamentos A Coruña, mantivemos unha concentración diante da delegación do IGVS na cidade baixo o lema “A súa solución, caixas de cartón”, escenificando con traxes feitos con caixas que a única opción que esta institución contempla para as persoas e familias desafiuzadas é precisamente durmir na rúa cubertas con cartóns. Tamén contamos con compañeiros e compañeiras que recitaron poemas a través dos cales abordaron o drama da perda da vivenda, así como cuestións vinculadas á loita contra os desafiuzamentos, tales como a represión policial ou a preminencia do valor económico por riba dos propios valores éticos.

Dándose por aludida, o IGVS publicou onte un comunicado valorando que están a desempeñar o seu cometido perfectamente e, de paso, contradinse a si mesmos negando que existan 5.000 persoas na provincia demandando vivenda cando este é precisamente o argumento que lle dan por escrito ás persoas que a solicitan.

Non obstante, afortunadamente non tódalas persoas que traballan no IGVS teñen a impresión de que están a desempeñar as súas labouras correctamente, e estas son as valoracións que na delegación territorial do IGVS na Coruña trasladaron onte ás representantes de STOP Desafiuzamentos que acudiron a pedir información sobre as 500 vivendas que o presidente Feijoo anunciou en decembro de 2012 que estarían a disposición das persoas e familias desafiuzadas.

  • Das 500 vivendas non saben nada. Practicamente déronnos a entender que fora unha ocorrencia do presidente Feijoo, palabras ao aire para dar a impresión de que fan algo.

  • Propostas en firme de alugueiro social do IGVS: non hai nin se espera. Só moi de cando en vez, e a través dunha reunión da Comisión Provincial con carácter excepcional, valoran expedientes dentro dos solicitantes de adxudicación directa. Pero vaia, tendo en conta que lle denegan alugueiro social a mulleres enfermas, no paro e con fillos/as, non queda claro que requisitos dramáticos hai que cumprir para que se dea esta medida excepcional.

  • Sen embargo, proseguiu a persoa que nos atendeu, na Lei de Vivenda si que se establece que se poderían facer/dar vivendas de carácter asistencial, pero nunca se desenvolveu este punto. É máis, o desenvolvemento desta Lei corresponderíalle á Consellería de Benestar en contacto co IGVS, pero esta mañá confirmáronnos no propio IGVS que en ningún momento se valorou esta posible alianza interinstitucional.

  • En plena crise e afogadas por un problema social de acceso á vivenda sen precedentes, o recorte en orzamentos do IGVS é enorme -"estratosférico", dixo a persoa que nos atendeu-. Así que simplemente non se están facendo actuación de vivendas protexidas porque o IGVS non ten orzamento para actuar nese sentido. É máis, hai vivendas das que xa recuperou a titularidade -vivendas nas que vivían persoas que as deixaron-, pero non hai orzamento para reparalas.

  • Por outra banda, a nivel provincial, aclarounos que na Coruña non van adxudicar vivendas de carácter asistencial polo IGVS, por moito que sexa o seu cometido velar por que se cumpra o dereito “constitucionalmente recoñecido” a unha vivenda digna. Mais ben os intereses do IGVS son outros, estritamente vinculados á promoción da propiedade privada e o interés financiero. Segundo nos adiantaron, nuns días publicarase na web un acordo da comisión de vivenda provincial do IGVS polo cal sacarán 5 vivendas públicas na Coruña. Iso si, para adxudicalas en réxime de compra-venda a unidades familiares cuns ingresos non inferiores ó 1,5 veces o IPREM.

  • E xa dende un plano máis local, confirmáronnos onte que o corrupto Concello da Coruña dispón de chan cedido polo IGVS, que á súa vez outórgalle vivendas para que as xestione. Inda por riba tamén ten parque de vivendas propio. Para acceder a estas vivendas hai que inscribirse previamente, pero trátase dun proceso de libre concorrencia polo cal tes que ter uns ingresos que a día de hoxe poderiamos considerar “medios” para acceder a este tipo de vivendas. O problema é que, por unha banda, os servizos sociais do Concello non están avisando destas convocatorias ás persoas usuarias en situacións máis vulnerable e, por outra, o nivel de ingresos esixido para acceder ás mesmas é moi alto, condición que obviamente non se corresponde coa situación económica real da xente que se atopa en risco de exclusión.

Dende os distintos colectivos que loitamos na Galiza para que se cumpra o dereito a unha vivenda digna seguiremos instando ao IGVS e aos nosos respectivos concellos a darnos respostas, e mobilizarémonos activamente para loitar polos máis elementais dereitos humanos e esixir que cumpran cas súas responsabilidades. 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario