lunes, 17 de noviembre de 2014

Concentración en apoio de Isabel e Álvaro, residentes en Elviña que ven a súa vivenda ameazada polo Plan Ofimático


Nestas últimas dúas semanas de Novembro o Concello do PP planexa desafiuzar a Álvaro, a súa nai Isabel e os seus dous fillos, habitantes de San Vicente de Elviña, e demoler a vivenda na que levan vivindo toda a súa vída. Na mañá de hoxe, STOP Desafiuzamentos Coruña acompañamos á veciñanza de Elviña-Galán afectada polas obras do Parque Ofimático na súa protesta por esta inminente ameaza de desaloxo.

Entre as 08:00 e 09:00 da mañá organizouse unha concentración con interrupción do tráfico por parte dunhas 40 persoas baixo o lema Elviña non se vende, Elviña se defende”, no vial de entrada que se dirixe á universidade. A chegada dos diferentes dispositivos policiais non impediu a celebración pacífica da concentración, amosando que a única violencia é a política municipal que pretende o desaloxo dunha familia que despois de 80 anos residindo no lugar de Elviña ve como unhas obras desmedidas, innecesarias e totalmente inxustificadas ameazan non só o seu lugar de residencia, se non tamén o seu medio de subsistencia. É de salientar que nos mesmos terreos nos que vive esta familia é onde se atopa o taller de reparación no que traballan Álvaro e os seus dous fillos, único sustento familiar xunto coa exigua pensión de Isabel.

Namentres o Concello de A Coruña dilapida cartos públicos en obras de dubidoso retorno social e aproveitamento comunitario como o túnel da Mariña, o Parque Ofimático, o Porto Exterior e un longo listado de infraestructuras innecesarias, os dereitos dos seus cidadáns son vulnerados polo propio consistorio municipal.


Sobran os motivos para opoñerse ó desaloxo

O Concello segue na súa propia burbulla urbanística, inflada con débeda pública, e non ten reparos en levarse por diante o que faga falta para manter ese espellismo de prosperidade. Saben que se nalgún momento a súa marcha vése interrumpida, a burbulla estoupa. No que atinxe ó Parque Ofimático, e ó caso da familia de Isabel e Álvaro en particular, pódese facer unha lista moi longa dos desmáns e absurdos nos que incurre o Goberno local na súa ilóxica urbanística. Aquí van algúns:

1) Máis de 20 anos despois de que se proxectara, o Plan do Parque Ofimático aínda nin sequera está pechado. Por exemplo, atendendo á proxección que fai o Plan de urbanización do Ofimático, a vivenda de Álvaro e a súa nai, Isabel, debe ser demolida para construír unha ponte que quedaría truncada a 8 metros de altura, suspendida no aire. Aínda non está previsto onde rematará esa ponte.

2) Ningún dos gobernos locais nestes 20 anos sentouse coa veciñanza a acordar o modelo de cidade que procuraba para tentar conciliar os intereses de tódalas partes. O máis que se produxo foron simulacros de consenso sen contido real, publicitados como victorias ás espaldas das veciñas e veciños. É máis, o Concello do PP negouse sempre a tratar este problema colectivamente, transixindo unicamente con reunións particulares nas que a persoa afectada síntese indefensa ante a apisonadora burocrática institucional.


3) Actualmente estáse a tramitar unha modificación do Plan e o Concello abríu un novo período de alegacións. Álvaro e Isabel presentaron as súas alegacións en maio de 2014 pero, a día de hoxe, aínda non tiveron resposta. Para que legalmente o Plan sexa definitivo cómpre previamente dar resposta a tódalas alegacións presentadas. Derrubar a casa de Isabel e Álvaro sería ilegal. A primeiros de setembro Isabel e Álvaro solicitaron unha reunión para tratar este asunto cos responsables do Concello. Tampouco obtiveron resposta.

4) A orde de desaloxo que pesa sobre a vivenda de Álvaro e Isabel, a executar nun prazo aberto ata finais de Novembro, está condicionada pola interposición posterior dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza. O Concello sen embargo non parece moi pola labor de agardar a que ese tribunal resolva o recurso. Unha vez desaloxada e demolida a vivenda, como repararán o dano feito se o xuíz establece que esa intervención foi ilegal? As mesmas máquinas excavadoras que esnaquizaron a casa a reconstruirán para que podan volver a vivir nela? Dubidámolo moito.

5) A casa de Álvaro e Isabel nin sequera está do lado no que se vai edificar o Parque Ofimático, senon que se atopa na outra marxe da Avenida Alfonso Molina. Nos comezos do Plan esta zona habíase destinar a centros docentes, pero xa a última redacción do proxecto é claro: “es en ese sentido que estos equipamientos, cuantificados a efectos legales, creemos se transformarán en otros usos”. Así que xa comezan a aparecer outros usos distintos, sen definir, o que vén lembrando ó caso do Someso, ou de como o estadio de fútbol do Relámpago non se construíu nunca e no seu sitio Fontenla levantou as súas torres.

6) O que indignou aínda máis ós veciños e veciñas de Isabel e Alvaro foi a visita que dúas traballadoras do Concello e un axente da Policía Local lles fixeron na súa casa, sen previo aviso, o pasado venres 14. O obxectivo desta "comisión" era transmitirlles que o Concello ten toda a intención de derrubar a súa casa antes do vindeiro o día 27, no prazo que o Xulgado concedeu ó Concello, e sen agardar á resposta do recurso que a defensa legal de Isabel e Álvaro está a plantexar, e que xa anunciou xunto coa solicitude da suspensión da autorización xudicial mentres non se resposte o recurso, dado que os danos causados polo derrubo serían irreparables e completamente desproporcionados. As traballadoras do Concello e o axente da Policía Local que as acompañaba dixeron claramente que o Concello non ía agardar pola resposta ó recurso, e que nesas condicións, si Isabel e Alvaro marchan voluntariamente da casa, o Concello valoraría darlles algunha solución.

7) As zonas de Elviña-Galán e San Vicente de Elviña, sobre as que está proxectado o Ofimático, teñen fontes naturais e un patrimonio histórico que non debería ser arrasado. Iso tamén é riqueza.

8) O Plan Ofimático é a resaca dunha burbulla inmobiliaria que se levou todo por diante, incluíndo, de paso, os nosos dereitos máis básicos. A día de hoxe é un solar en construción que non resulta apetecible nin para as propias empresas construtoras, que prefiren agardar a que as circunstancias lles sexan máis propicias (isto é, a que comece un novo ciclo especulativo como o que xa vivimos).

9) O seu progreso non é o noso! Máis de 7.000.000 de cartos públicos gastáronse xa na execución deste Plan, e apenas está comezando. Os vaticinios máis optimistas contan con que o custo final sexa de 36.000.000 €. Todo ese diñeiro viría ben para garantir necesidades básicas da xente como a alimentación, a saúde e a vivenda, para evitar o auxe da pobreza na nosa cidade, para abrir as 20.000 vivendas baleiras xa construídas na Coruña que agardan a que alguén lles dea uso. Pola contra, o Concello que di gobernarnos adícase a despilfarrar en obras e máis obras co obxectivo de beneficiar a vai saber quen namentres a xente pasa a angustia de non saber como vai facer para sobrevivir un día máis.

Por todos estes motivos convocamos unha concentración o XOVES 20 de NOVEMBRO ás 20h xunto á casa de Isabel e Álvaro (ó carón da pasarela peatonal que pasa sobre a Avda. Alfonso Molina, á altura da gasolineira), para amosar o noso rexeitamento ante a política corrupta do goberno local do PP e, ó mesmo tempo, manifestar a nosa solidariedade e apoio á veciñanza de Elviña, que vive coa constante ameaza de desaloxo.


ELVIÑA NON SE VENDE, ELVIÑA SE DEFENDE!
NESTA CIDADE NON SE DESAHUCIA!! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario