martes, 16 de diciembre de 2014

Concentración contra a represión dos movementos sociais

Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña gustaríanos informar da concentración que terá lugar o Xoves 18 ás 11:00h na Subdelegación do Goberno baixo o lema “Contra a criminalización dos movementos sociais e a represión”, nunha nova acción a nivel galego secundada por todas as PAH-STOP Desafiuzamentos de Galicia.
Ao longo dos últimos meses, activistas de distintos puntos de Galicia enmarcados na loita pola vivenda e outros conflictos sociais levamos sufrindo e padecendo non só a persecución e estigmatización da nosa conciencia política, senon a represión en forma de multas e sancións por defender os dereitos que os representantes do capital (posto que do pobo nunca foron) están de vender ao mellor postor no mercado global do beneficio capitalista particular.
Identificacións aleatorias, agresións á hora de garantir o dereito á vivenda en casos como os da familia de Arins en Santiago de Compostela ou o recente e infame desaloxo-derrubo da casa de Álvaro e Isabel na cidade da Coruña, son a represión cotiá que cidadáns de a pé soportan día tras día na loita colectiva pola supervivencia.
Por se fora pouco, o Goberno do PP vén de aprobar a Lei de Seguridade Cidadá, xa rebautizada como Lei Mordaza ou Lei de Patada na Boca, onde a persecución e sanción de formas pacíficas de resistencia e apoio mutuo é a tendencia. Cabería lembrar que a única violencia normalizada e instaurada é a lei dun Estado que bota ás familias fóra dos seus fogares sen alternativa residencial, empurrándoas á espiral da pobreza e a caridade asistida. Esta é a violencia normalizada contra a que loita non só o noso colectivo senon unha gran parte da sociedade, como puido verse no barrio de San Vicente de Elviña, o día do desafiuzamento de Aurelia Rey ou o de Elisabeth Sanlés.
O Goberno ten medo do pobo ao que di obedecer. Por iso aproba una lei que non só retrotrae ao franquismo, senon que convirte a democracia nunha ópera bufa para enmascarar o totalitarismo dun poder soberano secuestrado e posto en mans de intereses privados garantes da desigualdade e a pobreza. O establecemento dunha orde social onde o esclavismo é normalizado en base ás leis, a Xustiza é todo un complexo estatalista de artefactos xurídicos garantes da inxustiza e a opresión, e non do dereito básico colectivo e a liberdade.
Este Xoves 18 de Decembro ás 11:00h, Galicia berrará “Non á represión”, “Non á Lei Mordaza”, “Non á súa tiranía e si á nosa liberdade”. Agardamos a toda a cidadanía que poida achegarse á Sudelegación do Goberno a loitar contra unha xustiza que só lexisla para os corruptos e desprotexe ao pobo atacado, escravizado e diariamente empobrecido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario