viernes, 30 de enero de 2015

Denunciamos a represión policial ante a Subdelegación do Goberno


Unha veintena de policías e catro grilleiras recibíronnos hoxe na Subdelegación do Goberno cando acudimos para realizar as correspondentes alegacións ás multas que temos recibido polo noso apoio as concentracións do 20 e 26 de Novembro e o posterior desaloxo de Álvaro Corral e a súa familia do día 27 do mesmo mes. As sancións que nos teñen imposto suman un total de 4250 euros e van dos 100 aos 630 euros. Ademáis, denunciáronnos para dous xuízos de faltas. 

Chama a nosa atención a desproporcionada presenza policial ante unha mera presentación conxunta de alegacións e unha rolda de prensa. Dende Stop Desafiuzamentos enmarcamos o acontecido hoxe como unha peza máis dunha estratexia de constante persecución policial exercida contra todas as persoas que defenden os dereitos sociais.

Outra parte desa mesma estratexia para criminalizarnos e amedrentarnos é o feito de que non se tivera identificado debidamente aos sancionados durante os días das protestas. Consideramos que isto é unha proba palpable da existencia de listas cos datos das persoas que protestan nas rúas. Queremos deixar constancia de que este feito nos deixa nunha situación de indefensión.

Por outra banda, cómpre subliñar que na manifestación do 20 de Novembro foi debidamente comunicada á Delegación de Goberno, incluíndo no percorrido a pasarela cercana á vivenda de Álvaro Corral. Malia isto, a policía non nos deixou acceder á mesma e os axentes amosaron a mesma actitude provocadora que observamos durante todas as accións que se teñen levado a cabo en San Vicente de Elviña e, en xeral, nas protestas levadas a cabo na cidade da Coruña.

Do mesmo xeito, consideramos que as versións que se reflicten nos atestados policiais son visións distorsionadas e manipuladas da realidade. Recollen situacións que nunca sucederon, palabras que non tivemos pronunciado e son un paso máis na criminalización das protestas cidadás. Exemplo disto é a suspensión por defecto de forma do xuízo dos catro detidos no pasado desafiuzamento de Aríns (Compostela). Os vídeos tomados ese día amosan a realidade tal e como é, e deixan ver as mentiras verquidas nos atestados policiais daquel día en Compostela. Coidamos que é unha práctica común: pasou en Aríns e pasa en San Vicente de Elviña.
 
Lamentamos tamén que a testemuña dos axentes de policía teña sempre unha maior validez que a do cidadán especialmente, cando non hai máis probas que estes atestados ou cando as probas existentes contradín directamente á versión policial. Pensamos que a futura “Lei Mordaza”, ademais de endurecer as sancións económicas, virá a regularizar prácticas que son xa comúns na actualidade como a existencia de listas; o maior peso da testemuña policial fronte a outras; e as versión manipuladas que se amosan nos atestados policiais.

Desde Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos amosar a nosa solidariedade con outras persoas ou colectivos que se manifestan coma nós e que están a padecer a mesma represión. Exemplos disto son as mobilizacións en Coia (Vigo) e en Aríns (Compostela).

Entendemos que este afán sancionador que nos afecta a todas é parte dunha estratexia que pretende individualizarnos e criminalizarnos. Consideran que, aillándonos a uns dos outros, conseguirán acalar a acción das protestas e dos colectivos sociais. Sen embargo, amosámonos moi satisfeitos xa que a súa estratexia non está a ter éxito xa que estamos a transformar o individual en colectivo. Mostra disto é que vimos de pechar a nosa campaña de socialización de multas cun gran éxito. Case un mes antes do que esperabamos, logramos recadar 7471,33 euros, cantidade superior a que tiñamos como meta (7000 euros) e case un mes antes do prazo que nós mesmas nos fixaramos (18 de febreiro, para conmemorar o intento de desafiuzamento de Aurelia).


NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario