Páginas

miércoles, 29 de abril de 2015

Este sábado, 2 de maio, nova asemblea de persoas afectadas

En xeral, as persoas que se atopan en risco de desafiuzamento atravesan un período de moitas dúbidas. É moi duro comezar a pensar que che van botar da túa vivenda, que non tes xeito de pagar o marcado no contrato (hipotecario ou de aluguer), que a outra parte ten todo o poder para decidir cando e como vas quedar sen teito, e que as leis non fan nada para protexerte nesta situación de vulnerabilidade.

Toda esta presión, sumada ó sinalamento que se fai dende a sociedade ("o fracaso é a túa responsabilidade", "vivíchedes por enriba das vosas posibilidades"...), produce moitas veces procesos depresivos e de negación da realidade. A estratexia da avestruz: prefiro non mirar porque non sei como abordalo. Non é ata o último momento que moita xente, véndose ó borde do abismo, contacta coas plataformas polo dereito á vivenda. Neses momentos, a marxe de maniobra xa resulta máis escasa.

Pasar por todos eses procesos en soedade é unha victoria do sistema, que nos quere por separado, febles, incapaces de dar resposta. As asembleas de persoas afectadas son espazos de encontro nos que descubrimos que hai máis xente na nosa mesma situación, que sempre se poden facer cousas, que a unión e a loita continuada están a abrir moitos camiños. Son espazos para cultivar a solidariedade e a forza colectiva.

Este sábado, 2 de Maio, teremos unha nova asemblea de persoas afectadas, ás 17h no Forum Própolis (rúa Barcelona 115). Vémonos alí!


NIN CASAS SEN XENTE NIN XENTE SEN CASA!
SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!!




Un vídeo realizado polo programa "Salvados" sobre o funcionamento das PAHs catalanas

No hay comentarios:

Publicar un comentario