jueves, 23 de abril de 2015

STOP REPRESIÓN


Dende os colectivos Elviña non se vende, Stop Desafiuzamentos Coruña, Plataforma Contra a Represión, Coruña Sen Teito e Salvemos Bens queremos informar da convocatoria conxunta da manifestación contra a represión o día 25 de Abril con sda ás 20:00h da Praza de Ourense. Anteriormente, convócase unha bicicletada con saída ás 18:00h do Campus de Elviña dende o Edificio Xoana Capdevielle. O obxectivo desta convocatoria é amosar o noso rexeitamento á represión institucionalizada que estamos a padecer os movementos sociais na nosa loita cotiá.

Ao longo dos últimos meses, diferentes colectivos da cidade experimentaron unha escalada represiva en forma de multas e sancións administrativas que, lonxe de amedrentar ás redes de solidariedade tecidas ao abeiro da carencia e necesidade insatisfeita que fíxose mais visible e manifesta durante os últimos anos, sirven como detonantes da solidariedade colectiva e das redes de apoio mutuo que tanto na cidade da Coruña como ao longo do Estado Español, conforman unha realidade en crecemento imposible de deter.

A organización Stop Desafiuzamentos leva acumulado xa 17.000 euros en multas nos últimos anos por defender o dereito á vivenda e tentar evitar os desafiuzamentos na nosa cidade. Sancións que se caracterizan pola súa arbitrariedade (4 persoas acumulan preto da metade delas), a falta de identificación dxs imputadxs (cada vez é máis evidente a existencia de listas negras ilegais) e pola orixinalidade dos surrealistas partes policiais, máis semellantes a un guión cinematográfico dunha peli ianky de serie B, que ó suposto documento oficial e rigoroso que se lles presupón.

Esta represión vese incrementada nos últimos meses coas loitas dos veciños do barrio de San Vicente de Elviña, xa que a causa do desafiuzamento da familia Corral por motivos especulativos, esta quedou sen a casa onde naceron e creceron tres xeracións. A partir de aquí, incrementouse o acoso e a criminalización que se traduciu en máis de 7.000 euros de multas en menos de dous meses por mobilizacións de resistencia deste barrio, pois varixs veciñxs seguen en risco de perder a súa vivenda.

Destacar tamén a persecución que sofren xs nosxs compañeirxs anarquistas nas recentes montaxes policiais chamadas “operación Pandora” e “operación Piñata”, nas que 26 persoas son acusadas de pertenza a organización criminal sen ningunha proba, e son imputadas como terroristas por, no mellor dos casos, simples delitos menores.

A todo isto súmanse xs presxs políticxs comunistas, independentistas, anarquistas etc. que levan moitos anos na cadea por loitar por un mundo máis xusto. Entre eles hai varixs con gravísimas enfermidades (cancro, hepatite C, sida...) que seguen a cumprir condena sen recibir os tratamentos e as operacións que precisan, supoñendo, na práctica, unha pena de morte encuberta.

Unha pena de morte que tamén se aplica ás persoas sen teito: no estado español morre unha persoa sen teito cada cinco días. Habendo arredor de 40.000 persoas na rúa, as medidas que se toman no referente a este colectivo son sempre de tipo policial ou caritativo. O pau e a cenoria. A loita por un aloxamento digno para a poboación sen teito viviu nos últimos anos algunhas vitorias exiguas que non deixan de ser meros parches á falta dun programa que permita facilitar casa permanente.

Toda esta represión verase incrementada a partir do 1 de xullo, cando entre en vigor a Lei Mordaza, o novo Código Penal e a nova lexislación antiterrorista. O obxectivo que persegue é provocar o medo e a desmobilización cidadá cunha estratexia do medo, control e atemorización poboacional que dende as forzas do Estado xa están a implementar e institucionalizar como resposta á vaga de solidariedade e empoderamento colectivo.

As sancións económicas provocan a invisibilización da verdadeira natureza represiva do Estado, xa que non son faltas administrativas, senón castigos á solidariedade e á acción colectiva. O que está en xogo é a nosa capacidade de autoorganización e de reivindicación da nosa dignidade. Non podemos permitir que silencien as nosas voces, as nosas loitas, a nosa solidariedade.

Por todo isto queremos lembrar que o sábado 25 de abril dende as 18:00h tomaremos as rúas da Coruña coma demostración de que a solidariedade e a conciencia colectiva é a única saída. Agora máis que nunca:

CONTRA A REPRESIÓN, MOBILIZACIÓN!

A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO!

SE TOCAN A UNHA TÓCANNOS A TODAS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario