Páginas

miércoles, 14 de octubre de 2015

Represión no Congreso de Directivos


Onte denunciabamos a represión en forma de sancións administrativas a un compañeiro, e hoxe queremos lembrar uns feitos acontecidos hai unha semana que veñen amosar que a violencia institucional contra os movementos sociais, no canto de diminuír, parece que aumenta nos últimos tempos. 

Durante a tarde do pasado martes día 6 colaboramos na celebración do Congreso Anticapitalista na Praza do Obelisco, en resposta ó Congreso de Directivos que se viña celebrando no Palexco o mesmo día dende primeira hora da mañá, un evento privado (había que pagar unha entrada de 200 € para poder asistir) organizado pola CEDE no que se reunían representantes de algunhas das maiores transnacionais co explícito apoio de tódalas institucións do Estado.

No noso AntiCongreso, puidemos coñecer de primeira man a experiencia das persoas que traballan en Inditex, para Telefónica (a través de empresas subsidiarias como Atento ou Extel), en Mercadona ou na Universidade Pública (co seu proceso de privatización funcionando a pleno rendemento). As condicións abusivas que sufren estas persoas nos seus postos de traballo contrastan coa alegría coa que os seus directivos presumen de beneficios e cifras de vendas, fachendean de seren os responsables da recuperación económica (recuperación? Para quen?), ó tempo que se permiten dar consellos sobre como “mellorar as cousas”.

Tras finalizar o Congreso Anticapitalista, arredor das 20h, varias persoas achegáronse espontaneamente ata o Palexco para amosar o seu descontento. Alí, nese momento, non había xa máis dispositivo de seguridade que un policía nacional e, as persoas asistentes ó Congreso de Directivos estaban comezando a saír do edificio. O grupo crítico colocouse a varias decenas de metros do Palexco, perto do muro exterior, protestando pacificamente contra o sistema capitalista que nos impide vivir dignamente, mesmo sobrevivir.

Cinco ou dez minutos máis tarde chegaron varios furgóns de policías antidisturbios que, sen mediar palabra e aproveitando que non había medios de comunicación diante, puxéronse a empurrar ás manifestantes violentamente, chegando a agarrar a alguén pola gorxa e golpeando a un par de persoas coas porras. Identificaron a oito persoas, que posiblemente recibirán nuns meses a desagradable proposta de sanción coa que adoita agasallar a Delegación do Goberno á xente pertencente ós movementos sociais.

As únicas testemuñas deste episodio de brutalidade policial inxustificada foron as propias asistentes ó Congreso de Directivos, algunha das cales mostrouse solidaria contra a violencia que se estaba desenvolvendo ante os seus ollos. Como colofón ó día de adoutrinamento capitalista que levaban, obtiveron outra lección: que a ilusión de estabilidade deste sistema xa non se mantén nin aplicando a Mordaza.


SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!
NIN XENTE SEN CASA, NIN CASAS SEN XENTE!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario