Páginas

sábado, 10 de octubre de 2015

Xuízo a un compañeiro do colectivo polo desafiuzamento de Aurelia Rey

O noso compañeiro Nicanor afronta o próximo martes 13 de Outubro un xuízo no contencioso-administrativo contra as multas impostas pola Delegación do Goberno pola súa participación no intento de parar o desafiuzamento de Aurelia Rey en Febreiro de 2013. Tras anos de presentar recursos pola vía administrativa opoñéndose á sanción, este martes o xuíz resolverá o procedemento.

Na sanción acúsase a Nicanor de “la provocación de reacciones en el público que alteren o puedan alterar la seguridad ciudadana”, reclamándolle por isto 600 €. O que parece non entender nin a Policía Nacional nin a Delegación do Goberno é que as “reaccións no público” as causaba un grupo de homes armados e uniformados que agrediron á xente para intentar botar da súa casa a unha octoxenaria, e non un home maior cun megáfono.

Este compañeiro de 74 anos de idade, presente en practicamente todas as mobilizacións producidas dende o 15 de Maio de 2011, ten sido un obxectivo sistemático da represión policial. Só pola súa participación nas mobilizacións de Stop Desafiuzamentos A Coruña foi sancionado con multas que, xuntas, reclámanlle máis de 2.700 €; e a isto habería que sumar as correspondentes ó seu compromiso na loita contra as preferentes, polos servizos públicos e de calidade, contra a corrupción, nas Marchas da Dignidade, etc.

Afortunadamente, e grazas á solidariedade de moita xente, Nicanor e as outras compañeiras multadas do noso colectivo teñen garantida a cobertura económica para as sancións tras a campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti” que vimos realizando dende 2013. Un éxito do compromiso colectivo fronte ás ameazas, a persecución e o hostigamento que vén realizando o Goberno contra os movementos sociais a través da Policía Nacional e demáis organismos estatais de represión.

Ante a inxustiza e o acoso que está a sufrir o noso compañeiro Nicanor, convocamos unha concentración diante do edificio PROA (Matogrande) o próximo martes 13, ás 10h, para amosarlle o noso apoio e o rexeitamento á política represiva do Goberno.


SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario