Páginas

martes, 29 de marzo de 2016

Avogados da PAH de Gipuzkoa acoden a defender a unha compañeira de Stop Desafiuzamentos da Coruña

A nosa compañeira Sandra estase a defender dos abusos do Banco Santander e os avogados da PAH de Gipuzkoa serán os que a representen na vista que terá lugar o vindeiro 30 de marzo ás 11.30 horas no Xulgado número 11 da Coruña. Sandra atópase actualmente nun proceso de execución hipotecaria e nesta vista os seus letrados terán a oportunidade de argumentar por que este proceso ten que ser sobreseído.

A hipoteca de Sandra ten cláusulas altamente abusivas e se comercializaba co nome de Hipoteca Tranquilidad. Porén este produto tiña xa un nome enganoso e, na prática, fai que se combine un tipo de interese fixo durante 10 anos, que logo pasa a ser variable, cun sistema de amortización de cota crecente. Non obstante, o que non explicaba o banco era que nos primeiros anos non se amortizaba case capital (praticamente se aboan soamente intereses) mentres que a cota pagada aumentaba, chegando a haber casos nos que de 80.000 € pagados só 10.000 son de amortización de capital. No estado existen xa diversos grupos de afectadas que se están a organizar e loitar contra ese plan especialmente abusivo.

Outra das cláusulas que contén a hipoteca de Sandra é a de vencemento anticipado que fai que calquer impago o banco poda dar por finalizado o contrato da hipoteca e iniciar un proceso de execución (e con isto de expulsión da afectada do seu fogar) Esta cláusula, que normalmente soe ser a sexta bis do contrato, é considerada abusiva porque desequilibra aínda máis a relación entre banco e hipotecado xa que o banco pode dar por concluída a relación por un impago que non supón un incumprimento grave en relación a cuantía e duración do préstamo.

O noso colectivo segue pensando que, aínda que nos detemos nas distintas prácticas abusivas que exercen comunmente os bancos, a construción do dereito á vivenda non ten que estar baseado na propiedade senón na habitabilidade e o valor de uso. Por isto queremos lembrar que seguimos a reclamar decisións políticas que aseguren o dereito á vivenda nun estado no que hai tantas vivendas baleiras e un parque público tan reducido.

NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario