Páginas

sábado, 11 de enero de 2014

Resumo da 3ª asemblea de persoas afectadas

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña seguimos consolidando mes a mes unha dinámica de traballo a través de asembleas de persoas afectadas, onde conflúe xente con distintos casos (hipotecas, alugueiros, situacións de precariedade, etc.) para deste xeito buscar unha solución conxunta ó problema do acceso á vivenda. Así, na tarde de hoxe ven de se realizar o terceiro destes encontros, do cal queremos trasladarvos algunhas análises e informacións. 

Nesta ocasión acudiron á asemblea de afectadas dez persoas (seis homes e catro mulleres), das cales a maior parte estiveron presentes tamén nas reunións anteriores. 

Dende o noso punto de vista, o feito de que malia aos numerosísimos casos de persoas en risco de perder a súa vivenda tan só acudan ás asembleas habitualmente entre dez e vinte persoas, débese maiormente ao feito de que é habitual que diante de situacións deste tipo as persoas sintan unha certa sensación de vergoña e que, lonxe de achacalo á depredación social inherente ao sistema capitalista, asocien a súa situación a un fracaso persoal, custándolles moito traballo visibilizar a súa problemática mesmo ás persoas achegadas, para canto máis a un colectivo co que inda non tiveron un contacto directo. 

Dos casos prantexados hoxe, catro corresponden a hipotecas, abarcando os restantes situacións xa de embargos e precariedade extrema sobrevida. Tamén se tratou o caso das familias en risco de desafiuzamento pola expropiación das súas casas para a construción do Parque Ofimático, que veñen asistindo a todas as asembleas de afectadas convocadas ata o momento.

Continuando ca análise de datos, ao igual que nos anteriores encontros, atopamos casos de mulleres con fillos e fillas que se atopan a punto de perder a súa vivenda tras ter sufrido violencia machista. Ven sendo unha constante que as mulleres que se atopan nesta situación teñan máis dificultades á hora de buscar posíbeis solucións cas entidades bancarias, xa que os seus ex-compañeiros reinciden no maltrato ao poñer todo tipo de dificultades e negándose a colaborar na resolución da débeda hipotecaria contraída cando eran parella. 

Así mesmo, á vista das experiencias comentadas, estase tamén tratando casos de perda de vivenda que estamos dando en clasificar nunha categoría máis complexa: a da precariedade. Como exemplo queremos destacar o caso dunha persoa de 65 anos que, logo de perder o seu fogar debido á suspensión de pagos dunha empresa ca que traballaba, estaba cobrando 349€ de RISGA e lle embargaron 150€. Na actualidade xa lle retiraron a RISGA, pero non pode pedir a xubilación porque dende que a súa empresa entrou en quebra fai uns anos adebeda as cotas á Seguridade Social. 

Destacamos tamén queixas comúns á maioría dos casos. En primeiro termo os malos tratos recebidos por parte dos traballadores das entidades bancarias, os cales reiteradamente coaccionan a estas persoas e negan de entrada ningún tipo de posible solución. Tamén cando se piden nestas entidades as follas de reclamación oficiais do Instituto de Consumo, sempre respostan que non as teñen, malia a ser a súa obriga. Esta práctica é totalmente habitual, tanto que na actualidade as entidades bancarias practicamente so proporcionan as follas de reclamación correctas se os ameazas con chamar á Policía Local. 

As persoas asistentes manifestaron tamén que a miúdo as avogadas e avogados de oficio –única representación legal á que poden acceder dada a súa situación económica- non prestan a atención necesaria para tentar chegar á mellor solución posible. Dende a equipa xurídica de STOP Desafiuzamentos A Coruña coméntase ademais que estanse dando casos nos que as avogadas/os de oficio recorren á fórmula “cuestión de insostenibilidade” (Artigo 32 da Lei 1/1996, de Asistencia Xurídica Gratuita) ca que desestiman facerse cargo dalgúns casos de desafiuzamento debido á súa complexidade e ao feito de terse que enfrontar a poderosas entidades bancarias. A este respeito, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos reiterar a nosa dispoñibilidade para asesorar e apoiar ás avogadas e avogados de oficio que se fan cargo de casos de desafiuzamento, para deste xeito colaborar co seu traballo e evitar que á precariedade económica e social na que viven estas persoas e familias en risco de desafiuzamento se lles engada tamén a precarización do seu dereito á xustiza. 

Por último, sinalar tamén que varias persoas alertaron do recrudecimento da especulación bancaria, comentando que saben de casos nos que pisos que foron embargados están sendo taxados na actualidade a prezos superiores aos da súa primeira taxación, co que os bancos están a ampliar moi significativamente a súa marxe de beneficios logo de quitarlle as casas a estas familias. 

A través do asesoramento e apoio colectivo traballado nestas asambleas, así como da autoorganización e a preparación de accións de denuncia, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña procuramos avanzar no obxectivo  de facer real o dereito á vivenda, a unha vida digna, loita na que é fundamental que as vítimas desta situación adquiran unha actitude proactiva pra facer fronte a esta problemática.

No hay comentarios:

Publicar un comentario