Páginas

martes, 25 de febrero de 2014

X. M. Quintela, responsábel de Servizos Sociais, xulgado por inxurias e/ou vexacións contra unha usuaria e activistas de STOP Desafiuzamentos

Ás 10.30hrs. de mañá, mércores 26,  o responsábel de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Xosé Luis Quintela, será xulgado por inxurias e/ou vexacións contra unha muller que estaba a piques de ser desafiuzada e activistas de STOP Desafiuzamentos A Coruña.

Os feitos remóntanse ao venres 4 de outubro do pasado ano 2013, cando Elisabeth Sanlés, acompañada pola súa sobriña e activistas de STOP Desafiuzamentos, acudíu ás instalacións de Servizos Sociais para achegar unha providencia emitida polo titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña na que se recoñecía a "situación de especial vulnerabilidad o desvalimiento" da citada usuaria.

Esta situación fora negada nos días previos dende Servizos Sociais alegando por este motivo a imposibilidade de xestionarlle unha vivenda. A catro días da data fixada para o desafiuzamento de E. Sanlés, e habida conta de que tres deles eran inhábiles –fin de semana seguido dun luns festivo-, a usuaria, acompañada de integrantes do colectivo STOP Desafiuzamentos, achegouse ás instalacións para entregar a resolución, a fin de que se puideran axilizar os trámites de solicitude de vivenda.

Á súa chegada atoparon ao responsábel de Servizos Sociais, Xosé Luis Quintela, no hall da entrada, quen ao velas entrar co documento comezou a dirixirse a varias persoas chamándoas fascistas”, “subnormal” e “tonto”, entre outros insultos. Ademais, completamente crispado, comezou a berrar facendo públicos datos referentes ó expediente de Elisabeth, vulnerando a privacidade e confidencialidade das relacións administrativas e xurídicas entre o ente público e a demandante da intervención social. A retahíla de insultos finalizaou ca ameaza "y a ti (por Elisabeth) no te atiendo más". Acto seguido, e ante a sorpresa das persoas asistentes pola violencia da situación, requiríu da presenza da Policía Local. 

Posto que ese mesmo día tanto Elisabeth Sanlés como a súa sobriña e dous activistas de STOP Desafiuzamentos A Coruña rexistraron denuncias contra X.L. Quintela, este reaccionou “contradenunciando”. Dito xuízo tamén terá lugar mañán.

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos trasladar a nosa preocupación polo feito de que un traballador do Concello que se amosa incapaz de atender a persoas que están en situación de vulnerabilidade social, sexa o responsábel dunha área tan sensíbel e importante como a de Servizos Sociais. Cómpre lembrar que Xosé Luís Quintela chegou a este posto de especial responsabilidade a través do sistema eufemisticamente coñecido como “de libre designación”, popularmente entendido como “a dedo”.

Finalmente, Elisabeth Sanlés foi desafiuzada da súa vivenda o 27 de novembro, no medio dun impresionante despregue policial.


Máis información sobre o caso de Elisabeth Sanlés.

O caso de Elisabeth (04/10/2013)

Convocatorias contra o desafiuzamento de Elisabeth (06/10/2013)

Caso Elisabeth - Presentado o recurso para a suspensión do desafiuzamento (14/10/2013)

Caso Elisabeth - Sen solución dúas semanas despois (20/10/2013)

URXENTE! Novo intento de desafiuzamento de Elisabeth (26/10/2013)

Concentración en condena da represión policial efectuada durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés (28/11/2013)

Cantas familias na rúa precisa o Concello para facer dunha vez por todas o seu traballo? (30/11/2013)

O IGVS, a última esperanza de coherencia no caso de Elisabeth Sanlés (03/12/2013)

O IGVS rexeita a solicitude urxente de vivenda de Elisabeth Sanlés (07/12/2013)

No hay comentarios:

Publicar un comentario