Ás
7.30hrs. da mañá de onte dous integrantes do STOP Desafiuzamentos A
Coruña acompañaron á
muller de 33 anos residente nos Mallos que se atopa en risco de ser
desafiuzada xunto ca súa nai
a unha reunión co concelleiro de Servizos Sociais. O motivo deste
estraño horario foi, segundo nos dixeron onte, que Miguel Lorenzo
tiña a axenda moi ocupada. Iso si, de repente deberon de cancelarlle
ducias de compromisos, porque vinte minutos despois de que rematara a
reunión connosco, baixou xunto co resto de traballadoras a tomar o
café, que para almorzar si que é capaz de sacar un oco a horas máis
razoábeis...
Nesta
xuntanza, dunha hora aproximada de duración, puidemos comprobar
como, logo de que pasara máis dun ano dende o caso de Aurelia Rey, e
mesmo tras recoñecer o concelleiro de Servizos Sociais que sabe da
sentencia
emitida recentemente polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
que obriga ás institucións a proporcionar vivenda alternativa a
quen está en risco de perder o seu fogar, con base no Convenio
Europeo de Dereitos Humanos,
a
posición de Miguel Lorenzo segue a ser a mesma:
O Concello non ten nin vai ter parque de vivenda de aluguer social
para as persoas en risco de desafiuzamento.
Se
ben a reunión mantívose nun ton correcto, Lorenzo sinalou como
única solución para o caso desta compañeira enferma de
fibromialxia e a súa nai –afectada por trastornos psiquiátricos e
cun 65% de minusvalía, depende da filla as 24hrs. do día-, que
se poñan pola súa conta a buscar un piso barato.
Iso si, como A Coruña é unha das cidades cos alugueiros máis caros
do Estado, Lorenzo suxeriulles que se
vaian a algún lugar da “área metropolitana”,
onde quedarían fóra do ámbito da
Concellería de Servizos Sociais de A Coruña.
Segundo
o concelleiro, no caso de que estas mulleres atoparan unha vivenda
“barata”, logo xa se miraría se habería posibilidades de
parchear a súa existencia a base de “complementos económicos”
desligados entre si, tales como o Banco de Alimentos ou o programa de
comida a domicilio, dando por satisfactorias alternativas moi
afastadas da estratexia de inclusión social integral que se supón
debe de ter un concello en pleno século XXI.
De
feito, parece que a Miguel Lorenzo todo lle vale.... Malia a
asegurarnos que o Concello só ten unhas 90 vivendas de alugueiro
social en toda a cidade dispoñíbeis para este tipo de situacións,
e atoparse todas ocupadas neste momento e con lista de espera,
remarcou que o orzamento da Concellaría aumentou para as “axudas
de emerxencia”, e valorou que a atención ás persoas en risco de
exclusión social é totalmente correcta e non están colapsados
-pese a haber na actualidade uns 3.500 coruñeses e coruñesas
agardando pisos de alugueiro social do Instituto Galego de Vivenda e
Solo (IGVS)-. Neste sentido, tamén reiterou que non coñece que
exista dificultade ningunha para tramitar a RISGA a quen a pida e
cumpra os requisitos. Ámbalas dúas afirmacións falan por si
soas do afastado que o señor Lorenzo se atopa da realidade social
desta cidade.
Ademais,
cando na xuntanza se lle propuxo a opción de constituír un parque
de vivendas sociais integrado por parte das 20.000 baleiras neste
momento na cidade, tivo a hipocrisía de
valoralo como unha boa idea e propoñernos que falemos “con algún
partido político” para que leven unha moción ao Concello, como se
el mesmo non pertencera ao Partido Popular que goberna na Coruña.
Polo tanto, neste momento, queda claro que o Concello non ten
política de vivenda propia nin se coordina coa Xunta de Galicia para
que haxa solucións.
Estas
dúas mulleres enfermas e en risco de desafiuzamento están agardando
pola resolución do IGVS ao respeito da súa solicitude de vivenda
pola vía de urxencia,
unha alternativa que, lamentábelmente, xa
fallou en casos como o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés.
Pola
nosa banda, queremos remarcar unha vez máis unha realidade que, por
moi obvia que sexa, parece non querer ser recoñecida por persoas
como o concelleiro de Servizos Sociais, cargos políticos
responsábeis de velar polo cumprimento dos dereitos sociais
xestionando os orzamentos públicos: os desafiuzamentos non son
inevitábeis, as persoas desafiuzadas non son culpábeis, e hai
construídas vivendas de sobra para cubrir as necesidades da
poboación –a nivel galego hai arredor de 300.000 vivendas
baleiras segundo cálculos do Instituto Nacional de Estadística
(INE)-.
O
problema é que dende
as institucións públicas o que se está a protexer non é o dereito
da cidadanía a unha vivenda digna -recollido na propia
Constitución-, senón á especulación inmobiliaria e financiera.
No hay comentarios:
Publicar un comentario