Páginas

viernes, 1 de agosto de 2014

O concelleiro de Servizos Sociais recomenda a dúas mulleres enfermas en risco de desafiuzamento que busquen “unha vivenda barata”

Ás 7.30hrs. da mañá de onte dous integrantes do STOP Desafiuzamentos A Coruña acompañaron á muller de 33 anos residente nos Mallos que se atopa en risco de ser desafiuzada xunto ca súa nai a unha reunión co concelleiro de Servizos Sociais. O motivo deste estraño horario foi, segundo nos dixeron onte, que Miguel Lorenzo tiña a axenda moi ocupada. Iso si, de repente deberon de cancelarlle ducias de compromisos, porque vinte minutos despois de que rematara a reunión connosco, baixou xunto co resto de traballadoras a tomar o café, que para almorzar si que é capaz de sacar un oco a horas máis razoábeis...

Nesta xuntanza, dunha hora aproximada de duración, puidemos comprobar como, logo de que pasara máis dun ano dende o caso de Aurelia Rey, e mesmo tras recoñecer o concelleiro de Servizos Sociais que sabe da sentencia emitida recentemente polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que obriga ás institucións a proporcionar vivenda alternativa a quen está en risco de perder o seu fogar, con base no Convenio Europeo de Dereitos Humanos, a posición de Miguel Lorenzo segue a ser a mesma: O Concello non ten nin vai ter parque de vivenda de aluguer social para as persoas en risco de desafiuzamento.

Se ben a reunión mantívose nun ton correcto, Lorenzo sinalou como única solución para o caso desta compañeira enferma de fibromialxia e a súa nai –afectada por trastornos psiquiátricos e cun 65% de minusvalía, depende da filla as 24hrs. do día-, que se poñan pola súa conta a buscar un piso barato. Iso si, como A Coruña é unha das cidades cos alugueiros máis caros do Estado, Lorenzo suxeriulles que se vaian a algún lugar da “área metropolitana”, onde quedarían fóra do ámbito da Concellería de Servizos Sociais de A Coruña.

Segundo o concelleiro, no caso de que estas mulleres atoparan unha vivenda “barata”, logo xa se miraría se habería posibilidades de parchear a súa existencia a base de “complementos económicos” desligados entre si, tales como o Banco de Alimentos ou o programa de comida a domicilio, dando por satisfactorias alternativas moi afastadas da estratexia de inclusión social integral que se supón debe de ter un concello en pleno século XXI.

De feito, parece que a Miguel Lorenzo todo lle vale.... Malia a asegurarnos que o Concello só ten unhas 90 vivendas de alugueiro social en toda a cidade dispoñíbeis para este tipo de situacións, e atoparse todas ocupadas neste momento e con lista de espera, remarcou que o orzamento da Concellaría aumentou para as “axudas de emerxencia”, e valorou que a atención ás persoas en risco de exclusión social é totalmente correcta e non están colapsados -pese a haber na actualidade uns 3.500 coruñeses e coruñesas agardando pisos de alugueiro social do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)-. Neste sentido, tamén reiterou que non coñece que exista dificultade ningunha para tramitar a RISGA a quen a pida e cumpra os requisitos. Ámbalas dúas afirmacións falan por si soas do afastado que o señor Lorenzo se atopa da realidade social desta cidade.

Ademais, cando na xuntanza se lle propuxo a opción de constituír un parque de vivendas sociais integrado por parte das 20.000 baleiras neste momento na cidade, tivo a hipocrisía de valoralo como unha boa idea e propoñernos que falemos “con algún partido político” para que leven unha moción ao Concello, como se el mesmo non pertencera ao Partido Popular que goberna na Coruña. Polo tanto, neste momento, queda claro que o Concello non ten política de vivenda propia nin se coordina coa Xunta de Galicia para que haxa solucións.

Estas dúas mulleres enfermas e en risco de desafiuzamento están agardando pola resolución do IGVS ao respeito da súa solicitude de vivenda pola vía de urxencia, unha alternativa que, lamentábelmente, xa fallou en casos como o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés.

Pola nosa banda, queremos remarcar unha vez máis unha realidade que, por moi obvia que sexa, parece non querer ser recoñecida por persoas como o concelleiro de Servizos Sociais, cargos políticos responsábeis de velar polo cumprimento dos dereitos sociais xestionando os orzamentos públicos: os desafiuzamentos non son inevitábeis, as persoas desafiuzadas non son culpábeis, e hai construídas vivendas de sobra para cubrir as necesidades da poboación –a nivel galego hai arredor de 300.000 vivendas baleiras segundo cálculos do Instituto Nacional de Estadística (INE)-.

O problema é que dende as institucións públicas o que se está a protexer non é o dereito da cidadanía a unha vivenda digna -recollido na propia Constitución-, senón á especulación inmobiliaria e financiera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario