Páginas

miércoles, 30 de octubre de 2013

Desfile de Vivenda Social

 
Hoxe fixemos unha acción no Edificio Administrativo da Xunta (Monelos), sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), para sinalar e ridiculizar as supostas solucións que aporta a Xunta ante o problema da vivenda. Cun Desfile de Vivendas Sociais feitas con caixas de cartón salientamos a desprotección na que se atopa a xente que queda sen casa, e a precariedade e desleixo con que a trata a Xunta.
Aquí tedes imaxes da acción.
 
 Durante o transcurso da acción repartimos panfletos coa seguinte información:
A POSICIÓN DA XUNTA ANTE O PROBLEMA DA VIVENDA
A actual situación de crise social, desemprego estrutural e empobrecemento de boa parte da poboación redirixiu a atención pública cara a imposibilidade de moita xente de facer fronte ós prezos das súas vivendas (xa fose mediante hipotecas ou por alugueiros). O organismo da Xunta de Galicia destinado a solucionar os asuntos referentes á vivenda é o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Sen embargo, a súa posición deixa bastante que desexar.
Ante a necesidade dunha vivenda que sufre moita xente debido ós prezos do aluguer e ós abusos hipotecarios, a única solución que ofrece o IGVS é que se solicite unha vivenda de protección oficial. Nas súas propias palabras, dispoñen de 5 vivendas na Coruña para as 5.000 solicitudes que xa teñen enriba da mesa. Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo, Presidente da Xunta, fala de 500 vivendas dispoñibles a nivel galego.
Este tipo de declaracións resúltannos insultantes sabendo que só na cidade da Coruña hai arredor de 20.000 vivendas baleiras, e case 300.000 en toda Galiza, segundo cálculos do Instituto Nacional de Estatística. Non se pode facer pasar por un problema técnico, de escaseza de recursos, o que é unha decisión política. A recente inauguración dunha oficina de atención e asesoramento, dentro do programa Reconduce do que tanto fachendea a Xunta, pouco ou nada pode (nin quere) facer se non aporta solucións de vivenda para toda a xente que a necesita. Nalgunhas comunidades autónomas, como Andalucía e Navarra, estánse comezando a adoptar tímidas medidas para facilitar o dereito a teito e limitar a especulación inmobiliaria.
Pola nosa banda, fartámonos das medidas escasamente paliativas da Xunta, da opacidade a respecto das vivendas das que dispón e das vías para acceder a elas, e do xogo da pelota entre administracións, de xeito que ningunha se responsabiliza en dar a solución estrutural que este problema social precisa. A Xunta de Galiza apostou por amparar a Cultura da Burbulla, é dicir, protexer a especulación inmobiliaria e financeira antes que o dereito á vivenda.
Ante este panorama, celebramos o éxito que están a ter as iniciativas impulsadas polas PAHs e outros colectivos sociais en Catalunya, Madrid, Andalucía e outras partes do Estado, resolvendo o problema da vivenda mediante a expropiación de inmobles baleiros pertencentes ós bancos, eses mesmos bancos que previamente especularon e derrocharon o diñeiro dos seus clientes para logo ser salvados con cartos públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario