A pesares das présas e urxencias dos últimos días, desexamos tomármonos un momento para informarvos
e trasladarvos as nosas reflexións ao respeito das últimas novas no caso de
Elisabeth Sanlés.
Como sabedes, o pasado mércores 27 despregábase na
Coruña un dos dispositivos policiais máis complexos e custosos desenrolados na
nosa cidade. O obxecto? Desafiuzar a unha muller que, coma tantas outras
familias, non ten traballo e, polo tanto, non pode facer fronte ao prezo que o
sistema capitalista nos cobra por vivir.
Sorprendentemente, ao mesmo tempo que se militarizaba a periferia da cidade para deixar a esta
muller na rúa, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) recibía o informe de
Servizos Sociais da Coruña para avanzar na adxudicación dunha vivenda directa para
esta persoa.
Sen embargo, o director técnico desta área, Xose Luis Quintela, dixéralle á afectada en
repetidas ocasións –a última o pasado venres 22- que o informe xa estaba nas mans
do IGVS, xa que fora enviado o día 19.
Cal é a sorpresa de Elisabeth Sanlés
no día de onte cando dende o Instituto
Galego de Vivenda e Solo comunícanlle que dito informe saíra de Servizos
Sociais con data do 26 de novembro, sete días máis tarde do afirmado por dita área,
chegando á autoridade competente do IGVS na mañán do 27, case ao mesmo
tempo que a barbarie do desaloxo estaba a acontecer. Entón, por que mentíu o señor Quintela? Por que xogou ca confianza e
esperanzas de Elisabeth?
Como cidadás e cidadáns, nin entendemos nin
queremos consentir este comportamento. Agora resulta que non só estamos diante da burocratización discriminatoria dun dereito básico
como é o da vivenda, recollido no Artigo
47 da Constitución Española, senón que ademais atopámonos con que os
responsábeis dos Servizos Sociais pagados por todas as persoas contribuíntes
inhiben a súa responsabilidade nun caso de flagrante emerxencia social
adoptando unha actitude despreocupada e preguiceira e, por se fora pouco, míntenlle á cara ás persoas vulnerábeis e
en risco de exclusión social que acoden a solicitar a súa xestión.
Neste senso, resulta moi preocupante que os
responsábeis dos Servizos Sociais estean a amosar co seu comportamento que
descoñecen –ou obvian respectar- a propia Lei que aplican, unha
irresponsabilidade administrativa que, como é sabido, está a carrexar
importantes repercusións legais e punitivas para a poboación xustamente máis
atacada pola actual crise de dereitos e liberdades creada ao abeiro da estafa
financieira e a corrupción política.
Fai tan so un par de semanas, o
concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, fachendeaba do aumento de
recursos destinados á “súa” concellaría. Onde están estes recursos? Se cadra na súa énfase marketiniana esquecía
sinalar o señor Lorenzo que estes recursos seguen a ser exiguos, e que de
tódolos xeitos de nada vale o aumento dos mesmos se recaen en mans de ineptos
pra súa xestión e soberbios na súa aplicación.
A realidade a día de hoxe é que Elisabeth Sanlés,
ao igual que outras persoas e familias na súa situación –máis
do 40% dos fogares galegos subsisten xa a base de prestacións sociais-, non só están a ser privadas do seu dereito
a teren cubertas as necesidades básicas, senón que están a ser tratadas con
desprezo polas propias institucións que deberían velar pola súa seguridade.
No entanto, malia a que Elisabeth leva buscando
dende fai anos unha solución ao seu caso, a
alternativa á indixencia prantexada dende os servizos sociais supostamente públicos
e aconfesionais foi unha residencia privada e relixiosa onde, ademais de
non lle permitir ter aos seus fillos, exísenlle o pago da metade dos seus
ingresos mensuais -a día de hoxe 216€- e a asunción de horarios e normas que,
dende o propio punto de vista da afectada, limitan na súa dignidade e autonomía
coma persoa maior de idade.
Tal é o desaxustado desta opción que apropia Elisabeth
–que non se define como “anti-sistema” senón que sinte máis ben que o Sistema é
“anti-ela”- decidíu aloxarse temporalmente no Centro Social Autoxestionado de
Palavea, onde segundo afirma, foi o único lugar onde lle deron unha solución minimamente
aceptábel sen lle pedir nada a cambio.
Dende logo, só
unha xestión subrealista dos Servizos Sociais como a realizada polo Concello da
Coruña pode dar lugar á paradoxa de que sexan os denominados “okupas” os que
oferten as solucións máis aceptábeis para as vítimas da violencia capitalista.
Cantas
familias na rúa precisa o Concello da Coruña para facer dunha vez por todas o
seu traballo? Canto tempo máis aturaremos que as solucións veñan da
solidariedade entre as propias persoas excluídas pola actual orde político-económica
en lugar de polos responsábeis políticos da mesma? Que se lle pasa pola cabeza
ao señor Quintela cando lle minte a unha usuaria dos Servizos Sociais para
desviar a atención mentras se está a deseñar o seu desafiuzamento a base de
ducias de antidisturbios? Cantas vivendas sociais se poderían ter pagado cos
cartos que custou este operativo? Teñen Quintela, Lorenzo ou Negreira a saúde
mental i emocional requerida para responsabilizarse dos cargos que ocupan?
Desafiuzamentos, multas, ocupación policial dos
barrios, detencións, restrición no acceso á educación, no acceso á sanidade, “cuchillas”
para desangrar emigrantes, eliminación das axudas á dependencia, asasinatos
machistas cada semana, corrupción política, estafa financieira… Cando debido á actuación das institucións públicas
a cidadanía enfronta o seu día a día con terror, iso tense que chamar
terrorismo institucional.
XUSTIZA
SOCIAL PARA UNHA CORUÑA LIBRE DE DESAFIUZAMENTOS!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario