Páginas

lunes, 28 de abril de 2014

Solidariedade contra a violencia machista

Hoxe ás 20h hai convocada unha concentración no Obelisco en repulsa polo asasinato dunha muller en Foz, vítima da violencia machista, e queremos amosar o noso apoio absoluto a estas reivindicacións que sinalan as raíces podres dun sistema patriarcal baseado na desigualdade máis atroz. O goteo incesante de mortes (a negra punta do iceberg dunha violencia que vai máis aló das agresións físicas) faise cada vez máis habitual.

Dende o noso colectivo parámonos varias veces a reflexionar sobre a relación entre a desigualdade de xénero e o dereito a vivenda, que observamos a miúdo nas mulleres que acuden ás asembleas. Aínda sendo obxeto dunha violencia estrutural terrible (en demasiadas ocasións tamén sufrindo agresións machistas por parte das súas parellas), son mulleres que afrontan duros procedementos de divorcio, que se fan cargo en solitario da crianza das súas fillas e fillos, que se moven e buscan constantemente solucións para a súa xente, que son acosadas polos bancos ou os grandes propietarios de pisos e aínda así se manteñen en pé, procuran axuda colectiva e seguen loitando por facer da súa unha vida digna. Mulleres que nos dan leccións de dignidade, empoderamento e solidariedade, como as que okuparon onte un edificio baleiro en Malasaña, un novo paso adiante dentro da Obra Social da PAH.

Queremos por iso expresar o noso pesar pola muller asasinada en Foz, a nosa carraxe contra unha violencia machista que actualmente está a repuntar, e a nosa solidariedade en pos dunha sociedade máis xusta.

Fronte á violencia machista, loita feminista!

No hay comentarios:

Publicar un comentario