Dende as 10.30hrs. e durante a realización do xuízo que terá lugar mañá contra
o responsábel da área de Servizos Sociais (SSSS) do Concello da Coruña Xosé Luis Quintela, convocamos á
cidadanía a xuntarnos no exterior do Xulgado
mañá, mércores 11, para continuar a denunciar
o drama sangrante do arrebatamento dos nosos fogares a través da estafa
bancaria destapada no ano 2008. Só na Galiza, cada mes 150 familias perden a súa casa. A nivel estatal, só no
primeiro trimestre deste ano, iniciáronse
case 20.000 procesos de desafiuzamento. Mentras tanto, só na provincia da Coruña,
300.000 vivendas fican baleiras, e o
Concello herculino, que conta con 20.000 destas vivendas abandonadas, teima en
seguir ampliando a lista do despropósito, engadíndolle as máis de dúas mil
previstas no Parque Ofimático.
Aliás, dado que o xuízo que terá
lugar mañá vén motivado polos insultos e vexacións emitidos polo responsábel da
área de Servizos Sociais contra Elisabeth Sanlés, unha usuaria dos mesmos que
finalmente foi desafiuzada do seu fogar en outubro do ano pasado e á que, inda a día de hoxe, seguen a negarlle a RISGA,
queremos tamén a través desta concentración visibilizar a situación de desamparo na que moitas veces se senten as
persoas en risco de exclusión social que acoden a estas instalacións.
Segundo datos da Rede Europea contra
a Pobreza, xa no ano 2011 case 700.000 eran persoas pobres na Galiza, e o drama
segue crecendo. No marco da aberrante crise social e de dereitos provocada pola
estafa bancaria e a corrupción política que estamos a padecer as clases
traballadoras, máis de 100.000 familias
galegas atópanse en risco de exclusión social ao teren a tódolos seus membros
no paro. A secuencia é clara: primeiro perdemos o traballo remunerado
(segundo a EPA 2014, un 23,2% da poboación galega xa o perdeu), seguidamente a
vivenda e, a continuación, a posibilidade de poder mercar comida. Por iso chegamos
á vergoñenta situación de que, segundo denuncian organizacións como Cáritas, unha de cada catro cativas e cativos viva
baixo o limiar da pobreza na Galiza.
Mais malia á crueza desta realidade,
case todas as semanas temos coñecemento en STOP Desafiuzamentos A Coruña de testemuñas
que son tratadas polos Servizos Sociais, non como persoas en grave risco de
exclusión social, senón como “estafadoras” de axudas sociais. Tamén puidemos
presenciar dentro das propias instalacións como hai traballadoras e traballadores dos SSSS que
nin tan sequera asesoran correctamente ás persoas que acoden solicitando axuda.
Folga dicir que este mal trato dado a persoas que se atopan nun momento vital realmente
angustioso e difícil afonda na súa vulnerabilidade psicolóxica e provoca nelas
un sentimento de derrota, vergoña e humillación que lles leva a deixar de
acudir a este servizo público.
No ano 2013 remitíronse ao Valedor
do Pobo máis de duascentas queixas referidas ao funcionamento dos Servizos
Sociais[1] na
Galiza.
Porén, tamén queremos aproveitar
esta comunicación para transmitir o noso
recoñecemento polo bo traballo que realizan unha parte das traballadoras/es dos
servizos sociais, persoas que obviamente non se deben sentir incluídas nestas
críticas e polas que tamén consideramos
importante loitar e visibilizar precisamente o comportamento de “superiores”
como o señor Quintela, xa que logo de presenciar como insultaba publicamente
a unha usuaria, intuímos que estar baixo a xerarquía laboral deste tipo de
individuos engade unha boa dose de tensión a un traballo diario xa de por si emocionalmente
complexo.
Concentración de apoio á loita contra os
desafiuzamentos
e denuncia do funcionamento dos Servizos Sociais
|
||
Mércores
11 xuño
|
10.30hrs.
|
Diante dos
Xulgados da R/Monforte. A Coruña
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario