Continuamos coa dinámica de facer asembleas mensuais de persoas afectadas. Como comentabamos na entrada anterior, este traballo contínuo é necesario para poder afrontar os procesos de desafiuzamento cunhas ferramentas mínimas coas que poder defendernos das contínuas agresións cara o noso dereito á vivenda.
Neste tempo, persoas con procedementos abertos de desafiuzamento xunto con xente solidaria nos informamos sobre os cambios xurídicos acontecidos nos últimos tempos, investigamos novas posibilidades e damos apoio a aquelas persoas que máis difícil o teñen en cada momento. Todo este proceso previo ó propio día do desafiuzamento axúdanos a coller forzas, a coñecer mellor os nosos dereitos, e a aprender a reivindicalos.
Sabemos que os pequenos avances que se están a conseguir no ámbito hipotecario (moi escasos pero valiosos) están moi lonxe de ter un eco no referente ó alugueiro, pero o dereito á vivenda debe amparar tódolos supostos. Aínda estamos demasiado lonxe dese obxectivo.
Vémonos na asemblea deste 15 de marzo, ás 19.30h, no centro social A Comuna (Verea do Polvorín, 35), para poñer en común experiencias e coñecementos, para aglutinar forzas coas que defendérmonos dos abusos, e para seguir protexendo os nosos dereitos e os da xente que nos rodea.
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!
SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario