Páginas

lunes, 29 de septiembre de 2014

Un prazo escaso para apelar as sentencias de execución hipotecaria

Temos un Goberno blindado, illado na súa teima aparentemente imparable de golpear con todo á sociedade á que din estar servindo ata deixala plenamente miserable, esclava e domesticada. O único ante o que parece reaccionar é cando recibe algunha indicación de organismos europeos. Nesas ocasións poden pasar dúas cousas: moitas veces esas indicacións van na liña da súa lóxica homicida (privatizacións, recortes dos dereitos sociais e laborais, rescates e endebedamento), o cal supón unha gran ledicia para esta xente e un argumento máis co que xustificarse; de cando en vez, o que chega do Norte é unha pequena riña, un "vos estades pasando un pouco da raia" que fai que torzan o xesto e se poñan a remolonear.

Foi así, tras unha sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que se viron na obriga de aprobar unha lei (a 1/2013) que parchease minimamente a desastrosa situación na que se deixaba ós milleiros de persoas desafiuzadas ou ameazadas de desafiuzamento (pervertindo, polo camiño, a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola PAH a nivel estatal e que obtivo un amplo apoio social). E pasou de novo: a mediados do mes de Xullo, o TXUE estableceu que a lei hipotecaria española supón unha violación dos dereitos das persoas por permitir que os bancos podan recurrir en segunda instancia, cousa que ós debedores hipotecarios non se lles permite. Isto obrigaba ó Goberno a unha nova modificación da Lei (neste caso, a de Enxuízamento Civil).

E que fixo o Goberno? Pois aprobar ás agachadas, a comezos deste mes, unha modificación da lei na que se alongaba o prazo de apelación para aqueles procedementos xudiciais nos que non se tiveran en conta as cláusulas abusivas dos seus contratos. A trampa: este prazo de apelación dura exactamente un mes dende o momento da súa publicación no BOE (o pasado 6 de Setembro). Se a iso lle sumamos a nula publicidade que dende os aparellos do Estado se está a facer desta modificación, atopamos que a moitísima xente a quen esta información lle resultaría tremendamente útil para reforzar a súa defensa ante unha execución hipotecaria váiselle pasar o prazo sen sequera coñecer que tiveron esta "oportunidade".

É dicir, que aquí os dereitos non se garanten, como moito déixannos disfrutar deles durante uns días e xa podemos dar as gracias.

Para todas aquelas persoas que estades sufrindo un procedemento de execución hipotecaria, ou que xa pasáchedes por el, recomendamos que consultedes o chamado kit de emerxencia 2.0 que confeccionou a PAH: http://afectadosporlahipoteca.com/documentos-utiles/#sentencia-ue

Máis información sobre esta modificación lexilativa:

- A análise da PAH
- A técnica lexislativa como arma do Poder, análise profundamente crítica dende a perspectiva legal
- Ollo ó prazo camuflado, unha revisión sobre o texto no que se sinala a disposición na que se establece o prazo dun mes
- E para quen teña estómago, o texto do que vos falabamos: o Real Decreto-Lei 11/2014 ("de Medidas Urgentes en Materia Concursal") publicado no BOE

No hay comentarios:

Publicar un comentario