SÁBADO 4, dende as 23hrs. no
Pub 14!
Fai unhas semanas
recibimos en STOP Desafiuzamentos A Coruña unha proposta solidaria para axudar a facer fronte aos case 6.000 euros en multas cos que o Delegado do Goberno Samuel Juárez e o
Subdelegado Jorge Atán teiman en coaccionarnos para que deixemos de
denunciar publicamente a constante vulneración
dos dereitos humanos e sociais perpetrada polo goberno do Partido Popular.
Tratábase dun
coñecido activista social da Coruña empregado na hostalería. A súa idea:
celebrar unha festa solidaria co obxectivo de acadar recursos para facer fronte
ás multas pola paralización do desafiuzamento de Aurelia
Rey (2.700€), o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés
(pendente de xuízo), a participación en mobilizacións convocadas polas familias
afectadas polo Parque Orfimático (120€), unha concentración diante da sede do PP cando rexeitaron tramitar a ILP
da PAH (1.712€), acudir á concentración convocada polo CSO Palavea
contra o seu desaloxo (900€), a contrademanda do Director de Servizos
Sociais cando o denunciamos por
insultarnos e rexeitar atender a unha usuaria (180€), e a sanción que nos
aplicaron mesmo por protestar contra as multas
na manifestación realizada no verán de 2013 (150€).
E como a
solidariedade chama á solidariedade, 27 DJ´s acudiron á súa chamada (!). E así,
todas e todos xuntos, estamos a ultimar os detalles da festa solidaria que terá lugar este sábado 4 de outubro no Pub 14! (R/San
Vicente de Paul, 11, A Coruña), e á que queremos convidarvos a todas e todos vós, porque alén de facer fronte ás
multas, o verdadeiro segredo da nosa
forza é o voso apoio e afecto, sentir e saber que vos temos aí.
Para nós, a vosa solidariedade é a “kriptonita” ca que
facer fronte ao Delegado do Goberno e ao seu exército de antidisturbios e
artimañas administrativas. E boa falta nos fai estar
unidas, porque se nos orzamentos do Estado do ano 2013 o Partido Popular
estipulou un incremento
de 10,02 millóns de euros para material antidisturbios, o recentemente presentado Proxecto
de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado recolle unha
contía de 5.433,92 millóns de euros, -11,96 millóns máis que o ano pasado-
baixo o cínico epígrafe de “Seguridad Ciudadana”, que ben lle podían chamar
“Dotación para mercenarios contra o
Estado de Benestar”. De feito, só
neste verano gastaron xa máis
de medio millón de euros en armar
policía para acosar á cidadanía que participa en mobilizacións sociais.
Iso si, mentras
aumentan pra o vindeiro ano o orzamento para irromper con violencia nas rúas
contra a sociedade civil, o goberno do PP reduciu nun 90% os programas de
“educación compensatoria”, destinados a alumnado en "desventaxa
social", é dicir, ás fillas e fillos dxs centos de milleiros de desafiuzadxs, paradxs e persoas dependentes
que o PP empuxou ao precipicio da exclusión social nestes últimos tres anos. E,
aproveitando o aforro, aumentaron nun 84% o financiamento dos partidos políticos
para o vindeiro ano, situándoo en 156 millóns de euros (fronte aos ridículos 5,25 millóns adicados ao devandito
alumnado en desventaxa social).
Mentras tanto, segundo o Instituto Nacional de Estatística
(INE) no
segundo trimestre deste ano iniciáronse 32.960 execucións hipotecarias -un
1,2% máis ca no trimestre anterior e un 14% máis ca no mesmo trimestre de 2013-, co que, se lles sumamos as 32.565 do primeiro trimestre, atopámonos con que tan só nos primeiros seis meses deste ano iniciáronse 65.525 procesos de
desafiuzamento a nível estatal.
Pero, precisamente
canto máis se esforzan por destruírnos, máis claro temos a necesidade de ser
alegres e combativas, para que non podan facernos dano, nin por fóra, nin por
dentro. Por iso queremos agradecer
publicamente hoxe esta fermosa e loitadora iniciativa levada adiante por este
compañeiro traballador do sector da hostalaría, así como a participación
desinteresada dxs case trinta DJ´s que actuarán este sábado.
A día de hoxe, e malia
a que estamos a recorrer tódalas sancións e imos proceder a denunciar estes
feitos no Xulgado do Contencioso- Administrativo, a Delegación do Goberno non está a respectar os trámites en curso e
apresuráronse a embargarnos xa 1. 020€.
Ademais, mantémonos
alerta diante da recente represión
económica a activistas por participar en desafiuzamentos, xa que o vindeiro luns 20 de outubro seis
compañeirxs serán xulgadxs na Coruña por acompañar a Elisabeth Sanlés o día do
seu desafiuzamento, acusadxs dun delito de “desobediencia”.
Porén, queremos
lembrar tamén, como fixemos publicamente o pasado mes de xullo a través da nosa
participación na manifestación
“Reprímennos a nós para asustarte a ti”, que a estratexia represiva do Partido Popular non só se ceba ca loita
contra os desafiuzamentos, senón contra
todos aqueles colectivos e persoas que loitan día a día pola defensa dos máis
elementais dereitos humanos e sociais.
Aproveitamos logo
tamén este comunicado para expresar a
nosa fonda admiración e apoio a tódolos colectivos e persoas que fan parte cada
día de todas estas loitas sociais, ao tempo que queremos recoñecer tamén a importante
sensibilidade da maioría de compañeiras e compañeiros dos medios de
comunicación (a información é poder!).
Porque non nos
fartaremos nunca de repetir que sabemos
que a unión de forzas e o traballo
conxunto é o único xeito de deter este sistema criminal que nos condena ó empobrecemento,
á miseria e ó medo.
Nin xente sen casa, nin casas sen xente!
No hay comentarios:
Publicar un comentario