jueves, 16 de octubre de 2014

Denunciamos a negativa do IGVS a desbloquear as 500 vivendas aprobadas para familias e persoas vítimas de desafiuzamentos

Mañá, venres 17, ás 12:00hrs. acudiremos ás oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo na Coruña (Edificio Administrativo da Xunta, Novos Ministerios) para denunciar publicamente o abandono das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas na Galiza, así como para solicitar información sobre as 500 vivendas das que, segundo as medidas aprobadas pola Xunta, dispón para todo o País.

Ao mesmo tempo, compañeiras e compañeiros de STOP Desafiuzamentos Compostela, STOP Desafiuzamentos Ourense, STOP Desafiuzamentos Lugo e STOP Desafiuzamentos-Rede Apoio Mutuo de Ferrol Terra, acudirán ás sedes que o IGVS ten en cada unha destas cidades, confluíndo así na primeira acción reivindicativa sincronizada realizada por colectivos antidesafiuzamentos na Galiza.

E non é de estrañar que sexa precisamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo o que teña a vergoñenta honra de que todas vaiamos protestar á súa porta, xa que precisamente está a ser a Xunta de Galicia a institución pública máis cinicamente inoperativa de todas cantas teñen competencias en materia de vivenda no noso País, e o IGVS a súa ferramenta fundamental para vulnerar os máis elementais dereitos humanos.

Maio de 2012: A Xunta de Galiza publicita un decreto “para paliar os efectos da crise” sobre as familias desafiuzadas. A día de hoxe, non sabemos de ningún caso no que se teña conseguido aplicar este decreto.

Decembro de 2012: o presidente Alberto Núñez Feijóo en persoa anuncia un Programa de Realoxo dotado inicialmente con 500 vivendas, aprobado no Consello de Goberno do día 5.  Non se sabe de ningunha familia ou persoa á que se lle teña concedido unha destas vivendas. As solicitadas co apoio de STOP Desafiuzamentos A Coruña foron todas denegadas. Saíu publicado na prensa que se concederon 33 adxudicacións, mais non se sabe nin como, nin cando, nin a través de que procedemento.

Xaneiro de 2013: o daquela Director do IGVS, Antonio José Boné Pina, comprométese con STOP Desafiuzamentos do Barbanza a que ningunha familia vai quedar sen dereito a unha vivenda digna. Esta mesma mentira “vendeulla” o IGVS tamén a STOP Desafiuzamentos Compostela apenas un mes máis tarde. A día de hoxe, o único exemplo que coñecemos no que o IGVS concedera unha vivenda foi no caso de Aurelia Rey. Porén, a partires de aí non concedeu vivenda a ningunha das persoas que a solicitaron apoiadas polos distintos colectivos antidesafiuzamentos galegos. Ademais, segundo datos do propio IGVS, tan só na provincia da Coruña acumúlanselle 5.000 casos de persoas baixo o limiar da pobreza e en grave risco de exclusión social ás que tampouco ten pensado atender na xestión dunha vivenda onde meterse.

Abril de 2013:  Feijoo vende fastuosamente a sinatura dun convenio entre  Xunta, Concellos e Poder Xudicial, disque para “adoptar medidas de carácter social” e “mobilizar as 500 vivendas que a Xunta ten a disposición das familias desafiuzadas”. Non se soubo máis do tema... Non temos coñecemento de ningún caso no que se teña activado este protocolo, e iso que solicitámolo varias veces.

Maio de 2013: A Xunta de Galicia emite a Orde de 16 de maio de 2013 pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás personas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga. Non coñecemos ningún caso no que unha familia ou persoa desafiuzada fora acollida por este programa.

Mentiras e máis mentiras. Rir na cara de persoas desesperadas ás que lles acaban de arrebatar o máis elemental para ter unha vida minimamente estable, unha vivenda.  Namentras, o  feito de que estas institucións estean a incorrer nunha obscena deixadez de responsabilidades ten consecuencias dunha gravidade intolerábel.

Como xa temos informado, alegando non apreciar “singularidade” con respecto ás outras 5.000 solicitantes, na Coruña neste momento o IGVS denégalle unha vivenda pola vía de emerxencia a unha muller enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai as 24hrs. do día.  O mesmo lle dixo uns meses antes a Elisabeth Sanlés, enferma tamén, con tres fillos e desafiuzada uns días antes cun custosísimo e desproporcionado operativo policial.

En Ourense, o IGVS vén de lle denegar unha vivenda a outra muller, vítima de violencia machista, diagnosticada de trastorno depresivo, ao cargo dun fillo e dúas fillas, unha delas cunha minusvalía do 38%.

En Compostela, a inasumíbel burocracia e a falta de interese do funcionariado do IGVS lograron o seu obxectivo: que a familia de Aríns integrada por seis membros -con menores de idade e unha persoa maior con mobilidade reducida- estafada por un prestamista asumira que de nada serviría pedir unha vivenda pola vía de urxencia.

A vivenda non é unha propiedade, senón un dereito básico recollido no Art. 47 da Constitución. Pero o IGVS e a Xunta so saben dun dereito, o “dereito á mendicidade”, así que rexeitan cumprir cas súas responsabilidades e manteñen 300.000 vivendas baleiras en Galicia, 20.000 na cidade da Coruña. Para nós, a lección do Art. 47 é que os dereitos humanos só existen cando se loita por eles.

Cando o Concello, a Xunta, o Estado comercian cas nosas vidas, están a facer negocio cos nosos dereitos.

Este venres 17 concentrarémonos nas sedes do IGVS na Coruña (12:00hrs), Lugo (12:00hrs), Compostela (10.30hrs.), Ferrol (12:00hrs) e Ourense (12:00hrs), porque está claro que diante do terrorismo institucional teremos que ser nós quen construamos e conquistemos os nosos dereitos.


Concentracións diante do IGVS

Venres
17
Outubro

Edificio Adm. Xunta.
Novos Ministerios
12:15hrs.
A Coruña
Fontiñas, Área Central
10:30hrs.
Compostela
Avda. Ramón Ferreiro,nº 28
12:00hrs.
Lugo
R/Senz Díez nº1.
12:00hrs.
Ourense
Praza Amada García
12:00hrs.
Ferrol Terra

No hay comentarios:

Publicar un comentario