
As entidades
bancarias, e entre elas o Banco Santander, teñen unha responsabilidade
fundamental na xeración da crise económica que atravesamos. A pesares disto,
para asegurar a súa viabilidade, e sen
asumir ningunha contrapartida social, dende
o inicio da crise as administracións públicas transferironlles cerca duns
280.000 millóns de €. A algunhas
entidades de forma directa e a outras de forma indirecta, coma no caso do Banco
Santander, que recibiu 18.000 millóns de
euros do Estado a través de créditos fiscais. Grazas a estes “premios” que o Partido Popular
outorgou ás entidades instigadoras da estafa bancaria, o propio Banco Santander acadou nos primeiros seis meses deste ano un
beneficio neto de 2.756 millóns de euros, un 22,2% máis ca no mesmo período do
ano anterior.
Namentras, vítimas
desta connivencia entre as elites políticas e financieiras, a sociedade civil
sufrimos o desmantelamento de servizos sanitarios, escolares, prestacións
sociais, axudas á dependencia... Ao tempo que as entidades bancarias, lonxe de
corresponder ás axudas públicas “dulcificando” as súas prácticas, están a aproveitar o incremento da
vulnerabilidade social para quedarse cas nosas casas e, inda por riba,
seguir cobrándonos a hipoteca –e con brutais intereses de demora-. Segundo
datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), entre 2007 e 2013 ordeáronse máis de 500.000 execucións hipotecarias.
E o drama segue medrando, xa que tan só nos tres primeiros
meses deste ano iniciáronse 24.226 execucións hipotecarias,
supoñendo case 3.000 execucións hipotecarias
máis ca no mesmo período do ano 2013.
Ademais, cómpre reflexionar
que, para cando nos quitan a casa, hai xa tempo que estamos pasando por graves
dificultades, situación que, por outra banda, é inda máis cruenta debido a que
as administracións públicas gastaron o diñeiro nos bancos en troques de
“salvar” á poboación. Segundo datos oficiais da propia Xunta, na Galiza máis de
18.000 familias con nenas/os están a
sufrir unha situación de pobreza severa, detectándose tamén o que a Xunta
chama eufemisticamente “déficit alimentario”, é dicir, fame e desnutrición, en 4.100 familias galegas.
Con respecto á
provincia da Coruña, a día de hoxe unha
quinta parte dos fogares viven con menos de mil euros ao mes e 8.300 familias
coruñesas non teñen absolutamente ningún ingreso económico, unha cifra que
supón un 65% máis con respecto aos datos do ano 2009.
Polo tanto, resulta
inaceptable no contexto actual que os bancos non se responsabilicen na procura
de solucións e que aboquen ás familias a procesos de desafiuzamento hipotecario
que rematan ca perda da vivenda e o
mantemento da débeda, desembocando na meirande parte dos casos en situacións de
exclusión social, e ensañándose especialmente coas persoas soas e as familias
monoparentais, case sempre cunha muller á fronte. De feito, segundo datos
da Consellaría de Benestar, inda que so o 8 % dos fogares galegos con nenas/os
son monoparentais, representan o 46 % dos que padecen pobreza.
A falta de redes
sociais e comunitarias, así como o actual deterioro dos Servizos Sociais,
aumentan a vulnerabilidade destas compañeiras, coma ben comprobamos nas nosas
asembleas, a onde maioritariamente
chegan mulleres pedindo asesoramento e axuda, amedrentadas por unha situación
que se inicia pola perda de emprego, divorcio –sendo significativo o número de
casos nos que foron maltratadas polas súas parellas-, e que remata na perda da
base fundamental da vida de calquera persoa: a nosa casa.
Logo, non satisfeitos
con telas entre a espada e a parede, os
dirixentes de entidades bancarias como o Santander afondan no maltrato
psicolóxico a estas persoas contratando os servizos de empresas de acoso telefónico que se adican a atormentar a quenes xa non
teñen traballo, apenas comida e non poden seguir pagando as súas hipotecas.
Chamadas constantes en todo tipo de horarios, mesmo a familiares, minan a saúde
das persoas afectadas, que moi a miúdo cando acoden ás nosas asembleas
presentan claros cadros psicolóxicos de ansiedade e depresión.
O Santander estafa e extorsiona! Basta xa de abusos
bancarios!
NIN CASAS SEN
XENTE, NIN XENTE SEN CASA!
No hay comentarios:
Publicar un comentario