domingo, 19 de octubre de 2014

Seis persoas serán xulgadas mañá por apoiar a unha muller enferma a piques de ser desafiuzada


 Mañá, luns 20 de outubro, ás 10.30hrs., terá lugar o xuízo contra as seis persoas detidas durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado 27 de novembro de 2013. Dende as 10.00hrs. da mañá convocamos á cidadanía da Coruña a acompañar e arroupar a estas activistas a través dunha concentración diante dos xulgados da R/Monforte.
Ao non teren oposto ningún tipo de resistencia cando a policía entrou na vivenda –a ampla presenza de medios de comunicación en fronte das xanelas da vivenda testemuña este feito-, inicialmente a policía tan só xuntou momentaneamente a estas seis persoas nunha das habitacións, e mesmo confirmoulles que ao saír da vivenda permitiríanlles levar consigo os xoguetes que había na casa para devolvérllelos aos cativos. Sen embargo, ao cabo dun rato escoitaron como de súpeto dábanse novas instrucións ao operativo policial, instándoos a proceder á detención e fichaxe policial destas seis persoas que estaban axudando ca mudanza a Elisabeth Sanlés no interior da vivenda, sorprendendo incluso aos axentes integrantes do operativo. A día de hoxe, por culpa desta arroutada dun mando policial, estas seis activistas están acusadas de “desobediencia”, inda que cando as trasladaban á comisaría dixéronlles que a acusación sería de “desordes públicos”, boa mostra de que nin a propia policía tiña claro por qué estaban levándoas detidas.
Para contextualizar esta vingativa reacción policial –supoñemos que instigada dende a Delegación e Subdelegación do Goberno- cómpre lembrar que con axuda da cidadanía da Coruña e STOP Desafiuzamentos, Elisabeth Sanlés, enferma de fibromialxia, con tres fillos e uns ingresos mensuais de 200€, lograra xa parar a primeira tentativa de desafiuzamento do seu fogar, o 8 de outubro de 2013.
Á vista deste éxito social, a segunda vez que tentaron desafiuzala o Xulgado elaborou unha estratexia co obxectivo de anular toda posibilidade de arroupamento e protección por parte da cidadanía e, de paso, tentar dificultar a cobertura mediática: notificou con tan só unhas horas de antelación que ía executar o lanzamento –o avogado de Elisabeth recibiu comunicación do Xulgado, vía correo electrónico, ás 18.00hrs do día anterior-.
Pero por se non abondase esta limitación de prazo co obxectivo de estrangular as posibilidades de facer fronte á perda do seu fogar, a policía decidiu irromper na vivenda aproximadamente tres horas antes da hora sinalada para o desafiuzamento. Como se dun operativo policial de máximo risco se tratara, apareceron sobre as 7 da mañá nunha furgoneta camuflada, e numerosos axentes introducíronse armados e con pasamontañas no portal de Elisabeth Sanlés. Parecía unha película, si, pero de terror. Cortaron a rúa e despregaron un operativo de ducias de antidisturbios que militarizou o barrio do Castrillón durante varias horas. No medio do asalto á vivenda, identificábase tamén claramente policías non uniformados, ca faciana tamén tapada con pasamontañas, especialmente formados para tirar abaixo as portas das casas de persoas en risco de perder o seu fogar. Formar unha unidade especial para tombar portas e non llo ter que pedir aos bombeiros foi a única ensinanza que a policía e a Delegación do Goberno extraeron do mediático caso de Aurelia Rey.
Á vista do desorbitado despregue policial, o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés constitúe a día de hoxe o máis perverso exemplo de despilfarro de diñeiro público para amedrentar e expulsar do seu fogar a unha muller enferma que ademais, como subliñara uns días antes o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña a través dunha providencia, atopábase en "situación de especial vulnerabilidade ou desvalimento". Aliás, a pesar de que a actitude das activistas e da xente que acudiu a apoiar a Elisabeth foi totalmente pacífica, convertiuse no desafiuzamento con máis persoas detidas de cantos ten habido até o dagora na Galiza.
No contexto actual de abafante corrupción política e bancaria, a maioría das persoas temos asumido que o Partido Popular forma parte da trama organizada que decidiu afundir o sistema financieiro para provocar a desestructuración da base do sistema de garantías sociais –sanidade, educación, emprego...-, dando lugar á depauperación total das clases traballadoras e favorecendo a privatización dos servizos públicos a través do seu deterioro intencionado e posterior desmantelamento. Así, lonxe de facer fronte aos políticos e banqueiros criminais, o PP está esforzándose por lexislar para afogar ás persoas que denuncian publicamente estes delitos, impoñendo unha lexislación contraria á liberdade de expresión e manifestación, como é o caso da chamada “Lei Mordaza”/”Ley de seguridad ciudadana”, que foi levada a tramitación parlamentaria fai apenas uns días -o pasado 16 de outubro-, co único apoio do Partido Popular.
Como vimos denunciando dende o ano 2013 a través da campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti”, o Partido Popular está a desenvolver todo tipo de estratexias represivas para acalar as críticas que denuncian o ataque aos dereitos humanos e sociais instigados dende o actual Goberno central. Esta situación está sendo denunciada tamén a través de organizacións internacionais, como fixo o pasado mes de abril Amnistía Internacional no seu informe “España: el derecho a protestar amenazado”. A día de hoxe, tan só en STOP Desafiuzamentos A Coruña, e pese a que tódalas nosas accións reivindicativas foron absolutamente pacíficas, acumulamos case 6.000€ en multas.
Defender os dereitos humanos e sociais non é un crime! O que é un crime é permitir que nos últimos cinco anos os bancos deixaran sen fogar a máis de 12.000 familias galegas co beneplácido do goberno do PP, que ademais afonda na crueldade desta situación favorecendo que case 300.000 vivendas, máis de 100.000 delas novas ou case novas, fiquen baleiras e apodrecendo, constituíndose no mellor icono metafórico das cabezas dos “nosos” podres gobernantes.

Cronoloxía do caso de Elisabeth Sanlés:
(04/10/2013) O caso de Elisabeth,
(06/10/2013) Convocatorias contra o desafiuzamento de Elisabeth
(14/10/2013) Caso Elisabeth - Presentado o recurso para a suspensión do desafiuzamento
(20/10/2013) Caso Elisabeth - Sen solución dúas semanas despois
(26/11/2013) URXENTE! Novo intento de desafiuzamento de Elisabeth
(28/11/2013) Concentración en condena da represión policial efectuada durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés
(30/11/2013) Cantas familias na rúa precisa o Concello para facer dunha vez por todas o seu traballo?
(03/12/2013) O IGVS, a última esperanza de coherencia no caso de Elisabeth Sanlés
(07/12/2013) O IGVS rexeita a solicitude urxente de vivenda de Elisabeth Sanlés
(25/02/2014) X. M. Quintela, responsábel de Servizos Sociais, xulgado por inxurias e/ou vexacións contra unha usuaria e activistas de STOP Desafiuzamentos

Cronoloxía de denuncias da represión exercida polo Partido Popular:

No hay comentarios:

Publicar un comentario