Páginas

Mostrando entradas con la etiqueta xuízo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xuízo. Mostrar todas las entradas

viernes, 1 de abril de 2016

Apoio a un compañeiro do colectivo no seu xuízo por unha concentración ante a sede do PP

Dende Stop Desafiuzamentos queremos amosar o noso apoio ao compañeiro Nicanor Acosta que o vindeiro 4 de Abril terá un novo xuízo. Por este motivo, imos concentrarnos diante do Edificio Proa as 10.00 da mañá e animamos a todos os colectivos sociais a que tamén acodan. Entendemos que o proceso ao que se enfronta o noso compañeiro é absurdo xa que se lle acusa de ser líder e convocante dunha acción, que tivo lugar o 9 de abril de 2013, e que se sabía que formaba parte dunha campaña convocada pola PAH concarácter estatal para reclamar ao PP que tramitase a ILP de 2013.
 
Esta Iniciativa Lexistativa Popular, que foi asinada por 1.402.854 persoas, reclamaba a dación en pago retroactiva, a paralización dos desafiuzamentos que afecten a vivenda habitual e que as afectadas puideran seguir na vivenda en réxime de aluguer social. Esta proposta foi modificada polo goberno do PP ata facela irrecoñecible (sen recoller plenamente ningunha das propostas da PAH, limitándoa en gran medida e introducindo un gran número de inconvintes para dificultar o acceso das persoas a estas medidas).

Pola nosa banda, continuamos a crer que as multas e os xuízos son outra forma máis de represión por parte da Subdelegación do Goberno na Coruña que teima acusar e sinalar as persoas que reclaman o cumprimento dos dereitos de todas. No momento no que o noso compañeiro foi acusado e multado chegamos á conclusión do que realmente se estaba penalizando foi a vitoria conseguida no caso de Aurelia Rey (só catro meses antes destes feitos) Nesa época eran xa 17 as persoas que acumulaban propostas de sanción introducidas baixo subxectivos e ambiguos epígrafes como o de “instigar ás masas”, “alterar a seguridade cidadá” ou “desobediencia”. Queremos ademais expresar o noso acordo coa iniciativa Amnistia Social Xa! Derogación das Leis Mordaza que pide que cesen as represalias contra as persoas que demandan os seus dereitos básicos na rúa (sanidade, educación, vivenda, liberdade de expresión, de concentración, de folga, e manifestación e pola dignidade humana. Con isto todas nós estamos a sufrir non só a falta de dereitos senón a rigurosidade das leis vixentes e a desproporcionada actuación dos corpos de seguridade.

Agora as sancións impostas aos activistas do colectivo ascenden xa a 15195 euros e constatamos que, coa entrada en vigor da Lei Mordaza, a represión a través de sancións se ten endurecido e é aínda máis arbitraria. Lembramos tamén que xa que se teñen legalizado prácticas comúns da policía como as listas negras con datos de activistas que non son identicados e son acusados de organizar protestas convocadas a nivel estatal como sucedeu na pasada manifestación contra a Lei Mordaza onde se desencadeou a violencia policial. Varios dos nosos compañeiros foron xa sancionados por ser convocantes e líderes desta protesta cando novamente estaba convocada con carácter estatal.

SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

martes, 29 de marzo de 2016

Avogados da PAH de Gipuzkoa acoden a defender a unha compañeira de Stop Desafiuzamentos da Coruña

A nosa compañeira Sandra estase a defender dos abusos do Banco Santander e os avogados da PAH de Gipuzkoa serán os que a representen na vista que terá lugar o vindeiro 30 de marzo ás 11.30 horas no Xulgado número 11 da Coruña. Sandra atópase actualmente nun proceso de execución hipotecaria e nesta vista os seus letrados terán a oportunidade de argumentar por que este proceso ten que ser sobreseído.

A hipoteca de Sandra ten cláusulas altamente abusivas e se comercializaba co nome de Hipoteca Tranquilidad. Porén este produto tiña xa un nome enganoso e, na prática, fai que se combine un tipo de interese fixo durante 10 anos, que logo pasa a ser variable, cun sistema de amortización de cota crecente. Non obstante, o que non explicaba o banco era que nos primeiros anos non se amortizaba case capital (praticamente se aboan soamente intereses) mentres que a cota pagada aumentaba, chegando a haber casos nos que de 80.000 € pagados só 10.000 son de amortización de capital. No estado existen xa diversos grupos de afectadas que se están a organizar e loitar contra ese plan especialmente abusivo.

Outra das cláusulas que contén a hipoteca de Sandra é a de vencemento anticipado que fai que calquer impago o banco poda dar por finalizado o contrato da hipoteca e iniciar un proceso de execución (e con isto de expulsión da afectada do seu fogar) Esta cláusula, que normalmente soe ser a sexta bis do contrato, é considerada abusiva porque desequilibra aínda máis a relación entre banco e hipotecado xa que o banco pode dar por concluída a relación por un impago que non supón un incumprimento grave en relación a cuantía e duración do préstamo.

O noso colectivo segue pensando que, aínda que nos detemos nas distintas prácticas abusivas que exercen comunmente os bancos, a construción do dereito á vivenda non ten que estar baseado na propiedade senón na habitabilidade e o valor de uso. Por isto queremos lembrar que seguimos a reclamar decisións políticas que aseguren o dereito á vivenda nun estado no que hai tantas vivendas baleiras e un parque público tan reducido.

NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

sábado, 10 de octubre de 2015

Xuízo a un compañeiro do colectivo polo desafiuzamento de Aurelia Rey

O noso compañeiro Nicanor afronta o próximo martes 13 de Outubro un xuízo no contencioso-administrativo contra as multas impostas pola Delegación do Goberno pola súa participación no intento de parar o desafiuzamento de Aurelia Rey en Febreiro de 2013. Tras anos de presentar recursos pola vía administrativa opoñéndose á sanción, este martes o xuíz resolverá o procedemento.

Na sanción acúsase a Nicanor de “la provocación de reacciones en el público que alteren o puedan alterar la seguridad ciudadana”, reclamándolle por isto 600 €. O que parece non entender nin a Policía Nacional nin a Delegación do Goberno é que as “reaccións no público” as causaba un grupo de homes armados e uniformados que agrediron á xente para intentar botar da súa casa a unha octoxenaria, e non un home maior cun megáfono.

Este compañeiro de 74 anos de idade, presente en practicamente todas as mobilizacións producidas dende o 15 de Maio de 2011, ten sido un obxectivo sistemático da represión policial. Só pola súa participación nas mobilizacións de Stop Desafiuzamentos A Coruña foi sancionado con multas que, xuntas, reclámanlle máis de 2.700 €; e a isto habería que sumar as correspondentes ó seu compromiso na loita contra as preferentes, polos servizos públicos e de calidade, contra a corrupción, nas Marchas da Dignidade, etc.

Afortunadamente, e grazas á solidariedade de moita xente, Nicanor e as outras compañeiras multadas do noso colectivo teñen garantida a cobertura económica para as sancións tras a campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti” que vimos realizando dende 2013. Un éxito do compromiso colectivo fronte ás ameazas, a persecución e o hostigamento que vén realizando o Goberno contra os movementos sociais a través da Policía Nacional e demáis organismos estatais de represión.

Ante a inxustiza e o acoso que está a sufrir o noso compañeiro Nicanor, convocamos unha concentración diante do edificio PROA (Matogrande) o próximo martes 13, ás 10h, para amosarlle o noso apoio e o rexeitamento á política represiva do Goberno.


SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

martes, 4 de noviembre de 2014

Recorremos contra a represión ca que o PP quixo afogar as concentracións a prol da ILP da PAH


Ás 11.30hrs. de mañá, mércores 5 de novembro, terá lugar nos Xulgados do Contencioso-Administrativo Nº2 da Coruña a declaración de testemuñas correspondente á Demanda por Vulneración de Dereitos Fundamentais interposta  por un membro de STOP Desafiuzamentos A Coruña para recorrer a multa de 301€ imposta pola Subdelegación do Goberno con motivo das concentracións celebradas en todo o Estado diante das sedes do Partido Popular (PP) o 9 de abril do pasado ano 2013, que tiñan como obxecto reivindicar a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), refrendada por 1.402.854 sinaturas [1]. 

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña convocamos á cidadanía a participar na concentración solidaria que terá lugar ás 11.00hrs. do vindeiro mércores día 5, diante dos xulgados do Edificio Proa, para acompañar e arroupar a este compañeiro.

Como xa denunciamos  o ano pasado, malia a que en todo o Estado estaba a se realizar naquel momento unha campaña convocada dende a PAH de Barcelona –coordenadora estatal- a favor da tramitación da ILP, e malia a que as concentracións diante de sedes do PP o citado 9 de abril sucedéronse ao longo de todo o territorio español, a Subdelegación do Goberno na Coruña teimou en denunciar a este compañeiro ca absurda acusación de ser “líder e convocante”, cando era publicamente sabido que dende os distintos colectivos antidesafiuzamentos únicamente limitámonos a participar nesta acción convocada a nivel estatal. Para máis inri, ese mesmo día tamén multaron a outra persoa baixo a mesma acusación de ser “líder e convocante”, sendo a denuncia remitida a este segundo compañeiro un “cortapega” da enviada ao primeiro. Aliás, as denuncias realizadas ese día foron todas asinadas e ratificadas polo mesmo axente de policía, incumplindo polo tanto o requisito da necesidade de ratificación por outra testifical.

Para contextualizar esta actitude irracionalmente represora da Subdelegación e Delegación do Goberno, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos importante lembrar o “ambiente” social que se respiraba na cidade e no Estado naquel abril de 2013. 

A nivel local, facía pouco máis dun mes que a mobilización social conseguira parar até en dúas ocasións o desafiuzamento de Aurelia Rey, situando a cidade da Coruña –e aos seus gobernantes e forzas de seguridade- no ollo mediático, evidenciando non so a inxustiza do drama dos desafiuzamentos, senón demostrando que ca solidariedade da cidadanía pódese facer fronte á vulneración dun dos máis elementais dereitos sociais, o dereito a unha vivenda digna. 

Como se dunha vinganza por esta vitoria social se tratara, logo comezamos a percibir que calquera acción reivindicativa na que participara STOP Desafiuzamentos A Coruña estaba abocada a discorrer arrodeada de antidisturbios e “trufada” de multas. De feito, tan só catro meses despois da paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey, eran xa 17 as persoas que acumulaban propostas de sanción introducidas baixo subxectivos e ambiguos epígrafes como o de “instigar ás masas”, “alterar a seguridade cidadá” ou “desobediencia”, se ben o certo é que, inda a día de hoxe, xamais se produciu ningún tipo de disturbio ou altercado en ningunha das accións reivindicativas nas que temos participado.

Aliás, a nivel estatal, a convocatoria desta concentración a favor da ILP da PAH ubícase nun período concreto no que o Goberno do Partido Popular mantiña unha estratexia de enérxica coacción e criminalización aos colectivos sociais que loitan contra os desafiuzamentos, chegando a vincular os “escraches” realizados pola PAH con ETA ou o nazismo. Un dos episodios que acadaron más repercusión foi o escrache á Vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, realizado poucos días antes da concentración nas sedes do PP. Malia ás tentativas de criminalización do Partido Popular, este escrache foi finalmente identificado polo Xulgado de Instrucción nº4 de Madrid como “un mecanismo ordinario de participación democrática da sociedade civil e expresión do pluralismo dos cidadáns”.

O incremento neses días do acoso ás mobilizacións sociais antidesafiuzamentos tivo un dos seus máis graves exemplos na orde de identificación de quenes participaran en escraches, emitida pola Secretaría de Seguridade do Ministerio de Interior a finais do mes de marzo, que vulneraba de por si o Dereito fundamental de Manifestación –vulneración ratificada agora polo devandito Xulgado de Instrucción Nº4, pero xa criticada no momento da súa emisión polo propio Sindicato Unificado de Policía (SUP)-.

Esta artimaña “matonil” da identificación anticonstitucional de persoas que participaran en escraches foi a desculpa utilizada pola dotación policial enviada no caso concreto da concentración do 9 de abril de 2013 na Coruña. Daquela multaron inicialmente a 13 persoas, quedando arquivadas posteriormente 6 destas denuncias, e ficando finalmente propostas para sanción un total de 7 compañeiras e compañeiros por un importe de 1.712€, que estamos recorrendo.

Neste senso, aproveitamos tamén para denunciar que, malia a que estamos a recorrer tódalas sancións –desta e de tódalas accións nas que nos multaron- e que, polo tanto, inda non finalizou o noso período de defensa legal, o Ministerio de Interior está procedendo a embargarnos as contías das multas, e inda por riba con recargos de 150€. 

Aliás, avanzando na súa estratexia planificada de terrorismo institucional contra a cidadanía, e mesmo pese a que o propio Director Xeral da Policía declarou fai uns meses que "Nunca en España hemos tenido un mayor número de manifestaciones y una menor necesidad de acción de las fuerzas policiales como en estos momentos", o Goberno do PP acelerou no pasado mes de outubro a tramitación no Congreso da denominada “Lei Mordaza”, que podería estar aprobada no prazo dun mes, e na que axudar a evitar que  unha persoa ou familia sen recursos sexa botada á rúa conlevaría un castigo de ata 30.000€ de multa. 

Finalmente, sinalar tamén que o vindeiro día 6 de novembro terá lugar a declaración de testemuñas do recurso contencioso-administrativo interposto contra unha das multas impostas pola paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey, baixo a acusación -unha vez máis-  de liderazgo e alteración da orde pública contra outro activista de STOP Desafiuzamentos A Coruña.


CONCENTRACIÓN SOLIDARIA contra A REPRESIÓN DO PP a ACTIVISTAS POLO DEREITO Á VIVENDA
Mércores
5 de Novembro
11:00hrs.
Xulgado do Contencioso-Administrativo
(Edificio Proa, A Coruña)



CONTRA A SÚA REPRESIÓN, SOLIDARIEDADE!!

MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI!

NIN XENTE SEN CASA, NIN CASAS SEN XENTE!



[1] Dita ILP tiña como obxectivo solicitar a dación en pago retroactiva, a promoción institucional do alugueiro social e o fin dos desafiuzamentos. Finalmente o Partido Popular terxiversou até tal extremo o texto orixinal desta Iniciativa Lexislativa Popular que a propia PAH solicitou retirala para que non fora aprobado no seu nome un texto final manipulado polo PP que “vulneraba o espírito e demandas” da proposta inicial. Cómpre lembrar que finalmente as leis hipotecarias do Estado español foron duramente criticadas por institucións xurídicas europeas, instando á súa modificación, inda que o Estado non acatou totalmente estas medidas.

domingo, 19 de octubre de 2014

Seis persoas serán xulgadas mañá por apoiar a unha muller enferma a piques de ser desafiuzada


 Mañá, luns 20 de outubro, ás 10.30hrs., terá lugar o xuízo contra as seis persoas detidas durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado 27 de novembro de 2013. Dende as 10.00hrs. da mañá convocamos á cidadanía da Coruña a acompañar e arroupar a estas activistas a través dunha concentración diante dos xulgados da R/Monforte.
Ao non teren oposto ningún tipo de resistencia cando a policía entrou na vivenda –a ampla presenza de medios de comunicación en fronte das xanelas da vivenda testemuña este feito-, inicialmente a policía tan só xuntou momentaneamente a estas seis persoas nunha das habitacións, e mesmo confirmoulles que ao saír da vivenda permitiríanlles levar consigo os xoguetes que había na casa para devolvérllelos aos cativos. Sen embargo, ao cabo dun rato escoitaron como de súpeto dábanse novas instrucións ao operativo policial, instándoos a proceder á detención e fichaxe policial destas seis persoas que estaban axudando ca mudanza a Elisabeth Sanlés no interior da vivenda, sorprendendo incluso aos axentes integrantes do operativo. A día de hoxe, por culpa desta arroutada dun mando policial, estas seis activistas están acusadas de “desobediencia”, inda que cando as trasladaban á comisaría dixéronlles que a acusación sería de “desordes públicos”, boa mostra de que nin a propia policía tiña claro por qué estaban levándoas detidas.
Para contextualizar esta vingativa reacción policial –supoñemos que instigada dende a Delegación e Subdelegación do Goberno- cómpre lembrar que con axuda da cidadanía da Coruña e STOP Desafiuzamentos, Elisabeth Sanlés, enferma de fibromialxia, con tres fillos e uns ingresos mensuais de 200€, lograra xa parar a primeira tentativa de desafiuzamento do seu fogar, o 8 de outubro de 2013.
Á vista deste éxito social, a segunda vez que tentaron desafiuzala o Xulgado elaborou unha estratexia co obxectivo de anular toda posibilidade de arroupamento e protección por parte da cidadanía e, de paso, tentar dificultar a cobertura mediática: notificou con tan só unhas horas de antelación que ía executar o lanzamento –o avogado de Elisabeth recibiu comunicación do Xulgado, vía correo electrónico, ás 18.00hrs do día anterior-.
Pero por se non abondase esta limitación de prazo co obxectivo de estrangular as posibilidades de facer fronte á perda do seu fogar, a policía decidiu irromper na vivenda aproximadamente tres horas antes da hora sinalada para o desafiuzamento. Como se dun operativo policial de máximo risco se tratara, apareceron sobre as 7 da mañá nunha furgoneta camuflada, e numerosos axentes introducíronse armados e con pasamontañas no portal de Elisabeth Sanlés. Parecía unha película, si, pero de terror. Cortaron a rúa e despregaron un operativo de ducias de antidisturbios que militarizou o barrio do Castrillón durante varias horas. No medio do asalto á vivenda, identificábase tamén claramente policías non uniformados, ca faciana tamén tapada con pasamontañas, especialmente formados para tirar abaixo as portas das casas de persoas en risco de perder o seu fogar. Formar unha unidade especial para tombar portas e non llo ter que pedir aos bombeiros foi a única ensinanza que a policía e a Delegación do Goberno extraeron do mediático caso de Aurelia Rey.
Á vista do desorbitado despregue policial, o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés constitúe a día de hoxe o máis perverso exemplo de despilfarro de diñeiro público para amedrentar e expulsar do seu fogar a unha muller enferma que ademais, como subliñara uns días antes o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña a través dunha providencia, atopábase en "situación de especial vulnerabilidade ou desvalimento". Aliás, a pesar de que a actitude das activistas e da xente que acudiu a apoiar a Elisabeth foi totalmente pacífica, convertiuse no desafiuzamento con máis persoas detidas de cantos ten habido até o dagora na Galiza.
No contexto actual de abafante corrupción política e bancaria, a maioría das persoas temos asumido que o Partido Popular forma parte da trama organizada que decidiu afundir o sistema financieiro para provocar a desestructuración da base do sistema de garantías sociais –sanidade, educación, emprego...-, dando lugar á depauperación total das clases traballadoras e favorecendo a privatización dos servizos públicos a través do seu deterioro intencionado e posterior desmantelamento. Así, lonxe de facer fronte aos políticos e banqueiros criminais, o PP está esforzándose por lexislar para afogar ás persoas que denuncian publicamente estes delitos, impoñendo unha lexislación contraria á liberdade de expresión e manifestación, como é o caso da chamada “Lei Mordaza”/”Ley de seguridad ciudadana”, que foi levada a tramitación parlamentaria fai apenas uns días -o pasado 16 de outubro-, co único apoio do Partido Popular.
Como vimos denunciando dende o ano 2013 a través da campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti”, o Partido Popular está a desenvolver todo tipo de estratexias represivas para acalar as críticas que denuncian o ataque aos dereitos humanos e sociais instigados dende o actual Goberno central. Esta situación está sendo denunciada tamén a través de organizacións internacionais, como fixo o pasado mes de abril Amnistía Internacional no seu informe “España: el derecho a protestar amenazado”. A día de hoxe, tan só en STOP Desafiuzamentos A Coruña, e pese a que tódalas nosas accións reivindicativas foron absolutamente pacíficas, acumulamos case 6.000€ en multas.
Defender os dereitos humanos e sociais non é un crime! O que é un crime é permitir que nos últimos cinco anos os bancos deixaran sen fogar a máis de 12.000 familias galegas co beneplácido do goberno do PP, que ademais afonda na crueldade desta situación favorecendo que case 300.000 vivendas, máis de 100.000 delas novas ou case novas, fiquen baleiras e apodrecendo, constituíndose no mellor icono metafórico das cabezas dos “nosos” podres gobernantes.

Cronoloxía do caso de Elisabeth Sanlés:
(04/10/2013) O caso de Elisabeth,
(06/10/2013) Convocatorias contra o desafiuzamento de Elisabeth
(14/10/2013) Caso Elisabeth - Presentado o recurso para a suspensión do desafiuzamento
(20/10/2013) Caso Elisabeth - Sen solución dúas semanas despois
(26/11/2013) URXENTE! Novo intento de desafiuzamento de Elisabeth
(28/11/2013) Concentración en condena da represión policial efectuada durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés
(30/11/2013) Cantas familias na rúa precisa o Concello para facer dunha vez por todas o seu traballo?
(03/12/2013) O IGVS, a última esperanza de coherencia no caso de Elisabeth Sanlés
(07/12/2013) O IGVS rexeita a solicitude urxente de vivenda de Elisabeth Sanlés
(25/02/2014) X. M. Quintela, responsábel de Servizos Sociais, xulgado por inxurias e/ou vexacións contra unha usuaria e activistas de STOP Desafiuzamentos

Cronoloxía de denuncias da represión exercida polo Partido Popular:

miércoles, 9 de julio de 2014

Acompañamento popular ás compañeiras xulgadas polo desafiuzamento de Aurelia Rey

O 18 de febreiro do ano 2013 a cidade da Coruña demostrou que as redes comunitarias baseadas na solidariedade, conciencia, empatía e afectos son as armas máis fortes para facer fronte á "inxustiza lexislada". Naquel día, centos de persoas concentrámonos na rúa Padre Feijoo e freamos o desafiuzamento de Aurelia Rey.

Mañá, xoves 10 de xullo, dúas compañeiras e un compañeiro serán xulgadas polo simple feito de terlles solicitado o número de placa a un policía que previamente lles pedira o seu número de DNI. No actual contexto de criminalización gubernamental da solidariedade e terxiversación capitalista dos valores humanos máis fundamentais, estas persoas foron acusadas dun "delito" consistente en “obstaculizar a rúa e o paso de vehículos”, sen que a día de hoxe se teña nin sequera concretado o tipo delictivo referido -malia a ter sido solicitado fai meses como “cuestión previa” por parte das avogadas das persoas afectadas-.

Para denunciar esta situación de abuso, visibilizar a represión á que nos teñen sometidas e arroupar a estas compañeiras, concentrarémonos mañá a partir das 09:30hrs. diante dos xulgados da Praza Monforte (A Coruña). Porque se tocan a unha, tòcannos a todas.

Asemade, o vindeiro SÁBADO 12 de XULLO animamos a toda a cidadanía a participar na manifestación que partirá ás 20.00hrs. dende a Praza de María Pita baixo o lema REPRÍMENNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI, convocada co obxectivo de visibilizar a violencia represiva que o Partido Popular está a empregar contra as persoas e colectivos que denunciamos publicamente a destrución dos máis elementais dereitos humanos e sociais que está a executar o goberno do Estado.



Acompañamento xuízo
                            DATA
HORA
LUGAR
Xoves
10
xullo

09.30hrs.
Xulgados da Praza Monforte
(A Coruña)


Manifestación REPRÍMENNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI
DATA
HORA
PUNTO DE SAÍDA
Sábado
12
xullo

20.00hrs.
Praza de María Pita
(A Coruña)