Páginas

lunes, 24 de noviembre de 2014

O Concello afirma que o desaloxo e derrubo da casa de Isabel e Álvaro executaráse esta semana "si ou si"

 Dende Stop Desafiuzamentos Coruña queremos informar do inminente desaloxo e derrubo da casa de Isabel López Barreiro e Álvaro Corral López afectada polas obras do Parque Ofimático. O citado desaloxo e derrubo está previsto, segundo notificación á familia, para a mañá do Xoves 27 ás 09:00h.
Durante a mañá do día de hoxe, Álvaro e máis veciños afectados polas obras do Ofimático, acudiron á Concellería de Urbanismo a falar co responsable de Urbanismo Martin Fernandez Prado , logo de máis de 5 meses agardando por unha reunión que nin o citado responsable nin o Concello concederon en ningún momento.
Na conversa mantida, o concelleiro de Urbanismo Martín Fernández Prado remarcou que o desaloxo efectuaráse “si ou si” ao longo desta semana, e tal é a premura que ten o Concello no desaloxo da familia de Álvaro e Isabel que unha das funcionarias alí presentes pretendía notificarlle ao afectado a orde de desaloxo alí mesmo, saltándose tódolos procedementos formais previstos para este tipo de actuacións. Ante a petición de desafectación da veciñanza do Plan xeral, que a vontade política solucionaría, negouse a valorar sequera a petición.
A mesma vontade que se nega a executar o derrubo do edificio Fenosa é a vontade que garante desaloxar pola forza, ameazar, coaccionar e presionar ás familias de Elviña que dende fai máis de 50 anos habitan este lugar. O responsable de Urbanismo mostrou unha rotunda negativa a desafectar a esta veciñanza, amparándose na necesidade de efectuar as obras dunha ponte tan innecesaria como mal deseñada.
Cómpre salientar como o Concello oferta pisos de protección oficial en reximen de alugueiro ás persoas que só queren continuar vivindo no fogar onde o levan facendo durante décadas. Curioso resulta como o Concello da Coruña negou sempre este recurso a persoas vulnerables en casos precedentes como Aurelia Rey ou Elisabeth Sanlés, esta última desafiuzada sen alternativa residencial, vulnerando a Declaracion de Dereitos Humanos que no seu artigo 25 di “Toda persona tiene derecho a un nivel de vida adecuado que le asegure, así como a su familia, la salud y el bienestar, y en especial la alimentación, el vestido, la vivienda, la asistencia médica y los servicios sociales necesarios”. Observamos como o Concello da Coruña impón a dependencia, a espiral da pobreza e no presente caso o desaloxo como medida, o derrubo como solución e a irresponsabilidade política beneficiaria do lucro privado como forma de goberno. 
Isabel e Álvaro van ser desaloxados da súa casa familiar, do lugar de Elviña do que forman parte, vestixio a partires do xoves 27 dun tempo pasado onde os coidados da comunidade e as redes de veciñanza estaban moi por riba dos anhelos de riqueza e as necesidades empresariais que se atopan tras a premura do Concello por desaloxar veciñas e convertir as súas vidas nunha molestia para o avance dun falso progreso económico que de social e comunitario non ten nada e de prevaricación e engano, teno todo.
Este Mércores 26 ás 20:00h , STOP Desafiuzamentos Coruña fai un chamado á cidadanía a sumarse á concentración que se fará na casa de Isabel e Álvaro para amosar o apoio colectivo co que contan, así como a forza dun corpo social que perante as agresións políticas constantes dun Concello que goberna en contra das necesidades e intereses comunitarios e a favor da chantaxe de promotoras da construcción e especuladores profesionais. Como aconteceu o pasado xoves día 20, demostraremos que a forza e vontade da xente pode moito máis que o capricho caciquil dunha clase política encerrada no seu castelo, mais pendente de garantir o beneficio privado que de satisfacer e paliar as necesidades e carencias sociais.

NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario