Ás 20:00h de onte, xoves día 20, a
veciñanza da Coruña amosou o seu apoio a Isabel e Varo e ás outras
familias do lugar de Elviña ameazadas polo desaloxo forzado do seu
fogar por mor das obras do Parque Ofimático. Obras que en sí mesmas
non satisfacen carencia algunha pero sí impoñen novas necesidades
habitacionais a xentes cuxo delito é residir durante máis de medio
século no barrio de Elviña.
No día de onte, o
Lugar de Elviña teceu unha rede de apoio e coidados ante a agresión
e extorsión que ao longo de máis dun ano estas familias levan
padecendo. O colapso de Alfonso Molina é a mostra do apoio
cidadán ante a imposición da especulación
urbanística, a protesta ante intereses escuros onde o concello en
lugar de atender ás demandas das residentes satisface as esixencias
dos intereses privados en nome dun progreso urbano cimentado na
desaparición das comunidades xa existentes e significándose a
instauración da artificialidade especulativa como forma de vida.
O apoio comunitario que
Isabel e Varo, e o resto de familias afectadas, veñen de sentir ao
longo da tarde do xoves 20 é o comezo da presión popular que se
abre paso entre a represion e coherción policial, a presión
despótica dunha gobernanza tiránica e a inxustiza nomeada como
"progreso" e "avance".
A
unión e a solidariedade é o noso xeito de construír cidade, fronte
ás maneiras violentas que pretende impoñer o Concello da Coruña,
que fai tempo que esqueceu que ten que estar ao servizo das e dos
habitantes, non dos intereses especulativos. Ao igual que o alcalde
Negreira e o concelleiro Prado agóchanse para non dar a cara diante
das familias ás que lles quere esnaquizar a vida, tamén no mediodía
de hoxe aproveitaron que a concentración realizada pola veciñanza
non foi tan numerosa para tentar coaccionalas novamente.
Ao
pouco de comezar a concentración na beira de Alfonso Molina, cando
algunha xente se atopaba na pasarela que une Elviña-Galán (marxe
esquerda da avenida) con San Vicente de Elviña (marxe dereita) para
colgar unha pancarta, a Policía Nacional chegou, díxolles que non
se podía estar alí arriba en grupos de máis de cinco e moito menos
con pancarta. A veciñanza protestou pero accedeu, aínda que iso
non detivo o catálogo de coaccións, abusos e tentativas de
intimidación que traían preparado. Pediron identificacións e
ameazaron con levarse detidas a varias
persoas, ó que a xente alí
concentrada negouse dicindo que as levaban a todas ou a ninguén.
Finalmente todo se resolveu sen máis incidentes, pero as
ansias de revanchismo do Concello e a Delegación de Goberno polo
acontecido o día anterior son evidentes.
Cales son as
reclamacións da xente de Elviña
As familias afectadas
polo Plan Ofimático levan tempo esixindo unha solución á súa
situación. Consideran que o xusto é que se lles desafecte
do Plan, deixando a marxe dereita da Avenida Alfonso Molina (o
lugar de San Vicente de Elviña) libre de derrubos, en tanto é
unha zona que no proxecto apenas está esbozado que
forma vai tomar (un
viaducto
imposible, equipamento indefinido que nun
principio será escolar pero “xa se verá”...). Así o
expresaron nas alegacións ó Plan presentadas no mes de Maio, que
fican sen resposta desde aquela.
Hai que lembrar que o
Plan aínda non está pechado, que hai pouco se lle fixeron
modificacións para engadir reclamacións de Adif, pero que parece
blindado ante as alegacións de quen non son grandes empresas. A
Universidade presentou alegacións, a Asociación de Veciños tamén,
e o mesmo fixeron varias familias afectadas (entre elas a de Isabel e
o seu fillo Álvaro), pero
a única resposta é o silencio. Sen embargo o Plan,
legalmente, non será definitivo ata que tódalas alegacións sexan
respostadas.
A veciñanza de Elviña
reclama por isto que se paralicen inmediatamente os desaloxos e
derrubos, que se resposte ás alegacións ó Plan presentadas, que se
poña xa data á reunión co alcalde Negreira e o concelleiro de
Urbanismo, Martín Fernández Prado, solicitada a comezos de
setembro, e que se modifique o plan de urbanización do Ofimático
a fin de garantir a protección e conservación do núcleo de San
Vicente de Elviña. Todos
estes pasos dependen da vontade do Concello, que ata o momento se
despreocupou por completo das necesidades que non fóran marcadas
polas grandes empresas constructoras.
Por
que o Concello
non dá
unha resposta afirmativa á desafección do plan urbanístico que
dende fai máis dun ano levan demandando as familias residentes? Que
intereses en forma de connivencia coas empresas promotoras comparte o
Concello
da Coruña
para
non suprimir
a ponte
que ameaza a casa de Isabel e Álvaro e, conseguintemente, reordenar
o sistema de accesos ao sector? Por
que Carlos Negreira e o
seu
equipo de desgoberno non acometen a paralización cautelar inmediata
da execución da urbanización e dos actos derivados da mesma como é
o desaloxo forzoso de Isabel e Álvaro?
Por que Concello e Xunta de Galicia inhiben súa responsabilidade
cargando a súa ineptitude e desleixo
en forma de mobbing
administrativo e
policial,
extorsión inmobiliaria sobre os residentes de Elviña que en ningún
momento foron consultados sobre o
devir das presentes obras,
asumindo por parte das institucións que a
súa
única función era a
de espectadores pasivos ou, no peor dos casos, obstáculos da posta
en marcha dun Plan
faraónico e innecesario?
Non
pode ser que o Concello continúe protexendo os dereitos de
urbanización das grandes promotoras (que
neste momento non
queren invertir neste proxecto)
en detrimento e vulneración activa dos dereitos humanos fundamentais
das familias de Elviña.
As
mobilizacións contra os abusos do Goberno Local
non cesarán ata que se atendan as reclamacións da veciñanza.
Elviña
non se vende, Elviña se defende!
No hay comentarios:
Publicar un comentario