Páginas

martes, 4 de noviembre de 2014

Recorremos contra a represión ca que o PP quixo afogar as concentracións a prol da ILP da PAH


Ás 11.30hrs. de mañá, mércores 5 de novembro, terá lugar nos Xulgados do Contencioso-Administrativo Nº2 da Coruña a declaración de testemuñas correspondente á Demanda por Vulneración de Dereitos Fundamentais interposta  por un membro de STOP Desafiuzamentos A Coruña para recorrer a multa de 301€ imposta pola Subdelegación do Goberno con motivo das concentracións celebradas en todo o Estado diante das sedes do Partido Popular (PP) o 9 de abril do pasado ano 2013, que tiñan como obxecto reivindicar a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), refrendada por 1.402.854 sinaturas [1]

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña convocamos á cidadanía a participar na concentración solidaria que terá lugar ás 11.00hrs. do vindeiro mércores día 5, diante dos xulgados do Edificio Proa, para acompañar e arroupar a este compañeiro.

Como xa denunciamos  o ano pasado, malia a que en todo o Estado estaba a se realizar naquel momento unha campaña convocada dende a PAH de Barcelona –coordenadora estatal- a favor da tramitación da ILP, e malia a que as concentracións diante de sedes do PP o citado 9 de abril sucedéronse ao longo de todo o territorio español, a Subdelegación do Goberno na Coruña teimou en denunciar a este compañeiro ca absurda acusación de ser “líder e convocante”, cando era publicamente sabido que dende os distintos colectivos antidesafiuzamentos únicamente limitámonos a participar nesta acción convocada a nivel estatal. Para máis inri, ese mesmo día tamén multaron a outra persoa baixo a mesma acusación de ser “líder e convocante”, sendo a denuncia remitida a este segundo compañeiro un “cortapega” da enviada ao primeiro. Aliás, as denuncias realizadas ese día foron todas asinadas e ratificadas polo mesmo axente de policía, incumplindo polo tanto o requisito da necesidade de ratificación por outra testifical.

Para contextualizar esta actitude irracionalmente represora da Subdelegación e Delegación do Goberno, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos importante lembrar o “ambiente” social que se respiraba na cidade e no Estado naquel abril de 2013. 

A nivel local, facía pouco máis dun mes que a mobilización social conseguira parar até en dúas ocasións o desafiuzamento de Aurelia Rey, situando a cidade da Coruña –e aos seus gobernantes e forzas de seguridade- no ollo mediático, evidenciando non so a inxustiza do drama dos desafiuzamentos, senón demostrando que ca solidariedade da cidadanía pódese facer fronte á vulneración dun dos máis elementais dereitos sociais, o dereito a unha vivenda digna

Como se dunha vinganza por esta vitoria social se tratara, logo comezamos a percibir que calquera acción reivindicativa na que participara STOP Desafiuzamentos A Coruña estaba abocada a discorrer arrodeada de antidisturbios e “trufada” de multas. De feito, tan só catro meses despois da paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey, eran xa 17 as persoas que acumulaban propostas de sanción introducidas baixo subxectivos e ambiguos epígrafes como o de “instigar ás masas”, “alterar a seguridade cidadá” ou “desobediencia”, se ben o certo é que, inda a día de hoxe, xamais se produciu ningún tipo de disturbio ou altercado en ningunha das accións reivindicativas nas que temos participado.

Aliás, a nivel estatal, a convocatoria desta concentración a favor da ILP da PAH ubícase nun período concreto no que o Goberno do Partido Popular mantiña unha estratexia de enérxica coacción e criminalización aos colectivos sociais que loitan contra os desafiuzamentos, chegando a vincular os “escraches” realizados pola PAH con ETA ou o nazismo. Un dos episodios que acadaron más repercusión foi o escrache á Vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, realizado poucos días antes da concentración nas sedes do PP. Malia ás tentativas de criminalización do Partido Popular, este escrache foi finalmente identificado polo Xulgado de Instrucción nº4 de Madrid como “un mecanismo ordinario de participación democrática da sociedade civil e expresión do pluralismo dos cidadáns”.

O incremento neses días do acoso ás mobilizacións sociais antidesafiuzamentos tivo un dos seus máis graves exemplos na orde de identificación de quenes participaran en escraches, emitida pola Secretaría de Seguridade do Ministerio de Interior a finais do mes de marzo, que vulneraba de por si o Dereito fundamental de Manifestación –vulneración ratificada agora polo devandito Xulgado de Instrucción Nº4, pero xa criticada no momento da súa emisión polo propio Sindicato Unificado de Policía (SUP)-.

Esta artimaña “matonil” da identificación anticonstitucional de persoas que participaran en escraches foi a desculpa utilizada pola dotación policial enviada no caso concreto da concentración do 9 de abril de 2013 na Coruña. Daquela multaron inicialmente a 13 persoas, quedando arquivadas posteriormente 6 destas denuncias, e ficando finalmente propostas para sanción un total de 7 compañeiras e compañeiros por un importe de 1.712€, que estamos recorrendo.

Neste senso, aproveitamos tamén para denunciar que, malia a que estamos a recorrer tódalas sancións –desta e de tódalas accións nas que nos multaron- e que, polo tanto, inda non finalizou o noso período de defensa legal, o Ministerio de Interior está procedendo a embargarnos as contías das multas, e inda por riba con recargos de 150€. 

Aliás, avanzando na súa estratexia planificada de terrorismo institucional contra a cidadanía, e mesmo pese a que o propio Director Xeral da Policía declarou fai uns meses que "Nunca en España hemos tenido un mayor número de manifestaciones y una menor necesidad de acción de las fuerzas policiales como en estos momentos"o Goberno do PP acelerou no pasado mes de outubro a tramitación no Congreso da denominada “Lei Mordaza”que podería estar aprobada no prazo dun mes, e na que axudar a evitar que  unha persoa ou familia sen recursos sexa botada á rúa conlevaría un castigo de ata 30.000€ de multa

Finalmente, sinalar tamén que o vindeiro día 6 de novembro terá lugar a declaración de testemuñas do recurso contencioso-administrativo interposto contra unha das multas impostas pola paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey, baixo a acusación -unha vez máis-  de liderazgo e alteración da orde pública contra outro activista de STOP Desafiuzamentos A Coruña.


CONCENTRACIÓN SOLIDARIA contra A REPRESIÓN DO PP a ACTIVISTAS POLO DEREITO Á VIVENDA
Mércores
5 de Novembro
11:00hrs.
Xulgado do Contencioso-Administrativo
(Edificio Proa, A Coruña)



CONTRA A SÚA REPRESIÓN, SOLIDARIEDADE!!

MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI!

NIN XENTE SEN CASA, NIN CASAS SEN XENTE!



[1] Dita ILP tiña como obxectivo solicitar a dación en pago retroactiva, a promoción institucional do alugueiro social e o fin dos desafiuzamentos. Finalmente o Partido Popular terxiversou até tal extremo o texto orixinal desta Iniciativa Lexislativa Popular que a propia PAH solicitou retirala para que non fora aprobado no seu nome un texto final manipulado polo PP que “vulneraba o espírito e demandas” da proposta inicial. Cómpre lembrar que finalmente as leis hipotecarias do Estado español foron duramente criticadas por institucións xurídicas europeas, instando á súa modificación, inda que o Estado non acatou totalmente estas medidas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario