jueves, 31 de diciembre de 2015

Balance do 2015

Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña non queremos deixar pasar a oportunidade de facer balance deste 2015 que tantas novidades (boas e malas) nos trouxo: a Lei Mordaza, a loita que continúa en Elviña, xuízos gañados e novas multas por loitar polos dereitos de todas.
 
Queremos recordar que ata o de agora acumulamos multas por un valor total de 15.145 euros. As que pagamos entre todas ascenden a 4.827 euros, e o monto restante seguirá sendo utilizado para as sancións futuras, xa que seguiremos loitando polo dereito á vivenda e levando a cabo accións de denuncia. En 2014 lanzamos unha campaña de socialización de multas que rematou a principios deste ano 2015 e que nos deixou un bo sabor de boca ao saber que contamos co apoio e a solidariedade de milleiros de persoas.

A boa noticia son as 15 persoas absoltas (dun total de 16) que se viron obrigadas a participar en diferentes procesos xudiciais polo penal. Pola contra, nos xuízos pola vía administrativa en resposta ás sancións impostas, perdemos 4 e gañamos 5. Non obstante, seguen a chegar novas multas de distintas accións. Por exemplo, as relativas á convocatoria feita a nivel nacional contra a Lei Mordaza na que sufrimos a represión e a violencia policial.

Este ano non deixamos de apoiar á veciñanza de Elviña na súa loita por manter as súas vivendas fronte ó proceso especulativo do parque Ofimático. Seguimos acompañándoos todos os venres nas súas protestas na pasarela, participamos no seu Entroido, na súa Revolución do Toxo e máis acudimos a Elviña para lembrar o cabodano do desafiuzamento e destrución da casa de Varo e Isabel, e seguiremos apoiando a loita da veciñanza ata acadar unha solución xusta.

Temos tamén un agarimoso recordo para Carlos Midón e a súa familia, vítima de estafa e desafiuzamento, compañeiro de loita polo dereito á vivenda en Compostela, e que no cabodano do seu desafiuzamento quitouse a vida ante a desesperación de non poder resolver a situación de miseria á que o abocaron xunto coa súa familia. Uns días despois convocamos unha manifestación á súa memoria, reivindicando que estes feitos son crimes sociais e teñen responsables.
 
Pola nosa banda, queremos rachar coa soidade e o illamento, e continuamos a realizar asembleas de persoas afectadas nas que traballamos conxuntamente para buscar solucións e xerar dinámicas de asesoramento colectivo e apoio mutuo entre todas. Deste xeito, queremos asentar as bases para que o dereito á vivenda sexa un eixo sobre o que construír unha sociedade xusta na que ninguén máis teña que sufrir o medo a quedar na rúa.

Por todo o anterior, queremos mandar unha mensaxe de esperanza e de loita a todas aquelas persoas que están en risco de desafiuzamento ou teñen problemas habitacionais. Nós seguiremos loitando por este dereito e contra a represión. Agardamos que no 2016 consigamos rematar cos desafiuzamentos e o dereito a unha vida digna para todas sexa cada día máis unha realidade.


NON SON SUICIDIOS, SON ASASINATOS!
ELVIÑA NON SE VENDE, ELVIÑA SE DEFENDE!
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario