Dende Stop
Desafiuzamentos A Coruña non queremos deixar pasar a
oportunidade de facer balance deste 2015 que tantas novidades (boas e
malas) nos trouxo: a Lei Mordaza, a loita que continúa en Elviña,
xuízos gañados e novas multas por loitar polos dereitos de todas.
Queremos recordar
que ata o de agora acumulamos
multas por un valor total de 15.145 euros. As
que pagamos entre todas ascenden a 4.827 euros, e o monto restante
seguirá sendo utilizado para as sancións futuras, xa que seguiremos
loitando polo dereito á vivenda e levando a cabo accións de
denuncia. En 2014 lanzamos unha campaña
de socialización de multas que rematou a principios deste ano
2015 e que nos deixou un bo sabor de boca ao saber que contamos
co apoio e a solidariedade de milleiros de persoas.
A boa noticia son
as 15 persoas absoltas (dun total de 16) que se viron obrigadas a
participar en diferentes procesos xudiciais polo penal. Pola contra,
nos xuízos pola vía administrativa en resposta ás sancións
impostas, perdemos 4 e gañamos 5. Non obstante, seguen a chegar
novas multas de distintas accións. Por exemplo, as relativas á
convocatoria
feita a nivel nacional contra a Lei Mordaza na que sufrimos a
represión
e a violencia policial.
Este ano non
deixamos de apoiar á veciñanza de Elviña na súa loita
por manter as súas vivendas fronte ó proceso especulativo do parque
Ofimático. Seguimos acompañándoos todos os venres nas súas
protestas na pasarela, participamos no seu Entroido,
na súa Revolución
do Toxo e máis acudimos a Elviña para lembrar o cabodano
do desafiuzamento e destrución da casa de Varo e Isabel, e
seguiremos apoiando a loita da veciñanza ata acadar unha solución
xusta.
Temos tamén un
agarimoso recordo para Carlos Midón e a súa familia,
vítima
de estafa e desafiuzamento, compañeiro
de loita polo dereito á vivenda en Compostela,
e que no cabodano do seu desafiuzamento quitouse
a vida ante a desesperación de non poder resolver a situación
de miseria á que o abocaron xunto coa súa familia. Uns días
despois convocamos unha
manifestación á súa memoria, reivindicando
que estes feitos son crimes sociais e teñen responsables.
Pola nosa banda,
queremos rachar coa
soidade e o illamento, e
continuamos a realizar asembleas
de persoas afectadas nas que traballamos conxuntamente para
buscar solucións e xerar dinámicas de asesoramento colectivo e
apoio mutuo entre todas. Deste xeito, queremos
asentar as bases para que o dereito á vivenda sexa un eixo sobre o
que construír unha sociedade xusta
na que ninguén máis teña que sufrir o medo a quedar na rúa.
Por todo o
anterior, queremos mandar unha mensaxe de esperanza e de loita a
todas aquelas persoas que están en risco de desafiuzamento ou teñen
problemas habitacionais. Nós seguiremos loitando por este
dereito e contra a represión. Agardamos que no 2016 consigamos
rematar cos desafiuzamentos e o dereito a unha vida digna para
todas sexa cada día máis unha realidade.
NON SON SUICIDIOS, SON ASASINATOS!
ELVIÑA NON SE VENDE, ELVIÑA SE DEFENDE!
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!
No hay comentarios:
Publicar un comentario