Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos informar e denunciar o
acontecido durante a concentración de hoxe pola tarde contra o desaloxo de
Isabel e Álvaro, veciñanza de San Vicente de Elviña afectada polo proxecto do
Parque Ofimático. No transcurso de dita concentración diante da casa das
persoas afectadas, que en todo momento foi pacífica e transcurriu sen ningunha
molestia, a Policía Nacional detivo a un veciño do lugar.

Queremos sinalar que este mesmo veciño detido, e que aínda agora se atopa
nas dependencias policiais de Lonzas atendido por un avogado da plataforma, é
un dos afectados polo proxecto do Parque Ofimático. Foi en marzo deste mesmo
ano cando o Concello da Coruña desaloxou e derrubou a casa do seu sogro Manuel
Ramallo, un home de 85 anos que levaba toda a súa vida vivindo en Elviña-Galán.
Agora, o mesmo Concello que reprime e acosa á veciñanza e a todas aquelas
persoas que amosan a súa solidariedade con ela, quere desaloxar á familia de
Isabel e Álvaro para construír unha ponte que non vai a ningures nin soluciona
as necesidades reais da cidade.
A actuación que temos sufrido hoxe por parte dos corpos de antidisturbios
da Policía Nacional lembra a tempos pasados nos que a protesta e a liberdade de
expresión era reprimida e criminalizada. Parécenos inaceptable que se tiveran
producido estes feitos que fixeron perigar a integridade física deste veciño e provocaron
máis tensión aínda sobre a familia de Isabel e Álvaro e o resto da veciñanza.
A orde de desaloxo está prevista para mañá ás 9h, despois dunha semana na
que o Concello reincidiu nas súas condutas mafiosas, desoíndo as peticións da
veciñanza para ser desafectada deste proxecto especulador, ameazando á familia
afectada e reprimindo duramente as súas protestas.
Chamamos á cidadanía da Coruña a participar na convocatoria de solidariedade
con esta familia e de oposición á execución deste desaloxo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario