Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña gustaríanos informar da
concentración que terá lugar o Xoves 18 ás 11:00h na
Subdelegación do Goberno baixo o lema “Contra a criminalización
dos movementos sociais e a represión”, nunha nova acción a
nivel galego secundada por todas as PAH-STOP Desafiuzamentos de
Galicia.
Ao longo dos últimos meses, activistas de distintos puntos de
Galicia enmarcados na loita pola vivenda e outros conflictos sociais
levamos sufrindo e padecendo non só a persecución e
estigmatización da nosa conciencia política, senon a represión en
forma de multas e sancións por defender os dereitos que os
representantes do capital (posto que do pobo nunca foron) están de
vender ao mellor postor no mercado global do beneficio capitalista
particular.
Identificacións aleatorias, agresións á hora de garantir o dereito
á vivenda en casos como os da familia
de Arins en Santiago de Compostela ou o recente
e infame desaloxo-derrubo
da casa de Álvaro e Isabel na cidade da
Coruña, son a represión cotiá que cidadáns de a pé soportan día
tras día na loita colectiva pola supervivencia.
Por se fora pouco, o Goberno do PP vén de aprobar a Lei de
Seguridade Cidadá, xa rebautizada como Lei Mordaza ou Lei de Patada
na Boca, onde a persecución e sanción de formas pacíficas de
resistencia e apoio mutuo é a tendencia. Cabería lembrar que a
única violencia normalizada e instaurada é a lei dun Estado que
bota ás familias fóra dos seus fogares sen alternativa residencial,
empurrándoas á espiral da pobreza e a caridade asistida. Esta é
a violencia normalizada contra a que loita non só o noso colectivo
senon unha gran parte da sociedade, como puido verse no barrio de
San Vicente de Elviña, o día do desafiuzamento de Aurelia Rey ou o
de Elisabeth Sanlés.
O Goberno ten medo do pobo ao que di obedecer. Por iso aproba
una lei que non só retrotrae ao franquismo, senon que convirte a
democracia nunha ópera bufa para enmascarar o totalitarismo dun
poder soberano secuestrado e posto en mans de intereses privados
garantes da desigualdade e a pobreza. O establecemento dunha orde
social onde o esclavismo é normalizado en base ás leis, a Xustiza é
todo un complexo estatalista de artefactos xurídicos garantes da
inxustiza e a opresión, e non do dereito básico colectivo e a
liberdade.
Este Xoves 18 de Decembro ás 11:00h, Galicia berrará “Non á
represión”, “Non á Lei Mordaza”, “Non á súa tiranía e si
á nosa liberdade”. Agardamos a toda a cidadanía que poida
achegarse á Sudelegación do Goberno a loitar contra unha xustiza
que só lexisla para os corruptos e desprotexe ao pobo atacado,
escravizado e diariamente empobrecido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario