Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos
unirnos publicamente á convocatoria
estatal contra a
entrada en vigor da Lei Mordaza, que será efectiva a partires do día
seguinte, 1 de xullo. Por isto, o próximo martes
30 de xuño ás 20.00 horas na praza do Obelisco
sumarémonos á protesta reivindicando ó noso dereito a expresarnos
e denunciar publicamente o que consideramos inxusto. Para o noso
colectivo esta norma supón un retroceso
enorme para os movementos sociais e
incide, aínda máis, na criminalización da protesta con sancións
desproporcionadas e absurdas.
A mal chamada Ley de
Seguridad Ciudadana é
un ataque directo en contra das liberdades de expresión e de
concentración. Entre outras cousas a
normativa prevé que a paralización dun
desafiuzamento sexa considerada infracción grave, supoñendo multas
entre os 601 e os 30.000 euros a cada
un dos participantes por “impedir que os funcionarios públicos
exerzan a súa función”.
Tamén está considerada como grave o uso sen
permiso de imaxes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, sen
que esta lei aplique en sentido inverso,
é dicir, que un policía tome unha foto a un manifestante non terá
ningunha consecuencia, acto que fan habitualmente en calquer
concentración convocada legalmente. Esta medida ten especial
incidencia en canto eran esas grabacións de manifestantes as que
moitas veces servían para denunciar os sistemáticos
abusos de poder por parte da Policía,
así como para defenderse ante as acusacións falsas que a miúdo os
corpos “de seguridade” do Estado empregan para endurecer a
represión.
Tamén se considerará grave protestar dentro dun
edificio da administración pública. Estes delictos, que xa non
serán faltas, se equiparan á sanción
equivalente ao tráfico de armas e moi superiores á intimidación a
unha persoa cun arma branca ou contundente,
xa que está considerada como falta leve.
É tal a a cantidade de abusos
que permite
esta nova lei que a
mesma ONU pronunciouse en contra dela,
así como numerosos medios
extranxeiros,
e son numerosísimos os colectivos,
asociacións, organismos e institucións
que amosaron o seu
rexeitamento ante esta normativización do autoritarismo.
No que atinxe ó noso colectivo, que
xa acumula multas por valor de máis de 16.000
€ (boa parte delas xa pagadas gracias á solidariedade da xente),
unha sanción por simple desobediencia pacífica (base do noso
activismo) suporía arriscarse a contraer unha hipoteca de por vida,
co irónico que iso resultaría.
Por todos estes motivos desde o colectivo pensamos
que a entrada en vigor desta lei é un
despropósito en todas as súas as vertentes,
que pretende criminalizar aos movementos sociais e obter un afán
recadatorio na poboación máis activa coa ameaza implícita que
significa “se protestas non chegas a
fin de mes”.
Non temos medo! E contamos con que toda a
sociedade civil indignada se una a esta convocatoria e que nos
acompañe en algo que nos pertence a todo o mundo: o
dereito a protestar contra o que nos parece inxusto.
CONTRA A REPRESIÓN, MOBILIZACIÓN!!
NIN XENTE SEN CASA NIN CASAS SEN XENTE!
#SENMORDAZAS!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario