Páginas

lunes, 28 de septiembre de 2015

Na memoria de Carlos Midón

Hoxe hai unha semana que Carlos Midón, veciño de Compostela, vítima de estafa e desafiuzamento, compañeiro de loita polo dereito á vivenda, quitouse a vida ante a desesperación de non poder resolver a situación de miseria á que o abocaron xunto coa súa familia. Na súa memoria, e na daquelas persoas que sufriron o horror de verse desprovistas de todo e abocadas á miseria por este sistema corrupto e criminal, publicamos a continuación o manifesto lido na manifestación do pasado venres.


O comezo desta semana vén marcado pola morte. Todas as semanas que vivimos veñen marcadas polo imperio tanático que adoita diversas facianas: o feminicidio constante nun sistema que nos quere desposuídas e escravas, a guerra transterritorial que agroma en forma de emigracións da necesidade e fuxidas do terror, o asesinato estructural que se dá en chamar suicidio.

A atrocidade do sistema imperante mostra como a súa forma de pervivencia baséase na presión constante sobre xs desposuídxs. Na falta de recursos e posibilidades reais de supervivencia. Así como na agresión contínua en forma de desafiuzamentos, de carencia vivencial severa e da presión social que no caso de Carlos Midón tivo o tráxico desenlace do seu suicidio ante a imposibilidade de poder realizar seu proxecto vital e o dos seus, como tantas outras persoas e familias ao longo deste Estado de excepción permanente que se dá en chamar España.

Intentan infravalorarnos convertíndonos nunha estatística desposuída de vida, acumulada en caixóns e radiada con desapego nos diversos medios de comunicación. Detrás de cada número, de cada taxa de pobreza, hai vidas, relatos do amor, historias comúns de loita e sufrimento. Por iso hoxe estamos aquí reunidas e reunidos, non só por solidariedade, nin por protestar ante un sistema inxusto, falto de equidade e que nos condena á competición, á desconfianza e ao odio case que dende o momento que vimos ao mundo e nos educamos nas institucións sociais que lle dan forma.

Hoxe desprezamos seu relato, súas formas e sentido común berrando “NON SON SUICIDIOS, SON ASASINATOS”. Convertímonos nun corpo social, coordinado, solidario e rabudo. Dende Ferrolterra, Lugo, Ourense, Vigo, Compostela, A Coruña todos e cada un dos recunchos da Galiza non só berran, senón que se constitúen nunha masa social heteroxénea e consciente do seu poder. Por moita pobreza á que nos queiran condenar, vexacións en servizos sociais, acoso bancario, inclemencia habitacional e un inesgotable listado de agresións que pasan por ser política cando son o dominio do opresor neoliberal. Nos mantémonos en pe. Loitamos e conquistamos.

Porque seu sistema é nosa morte. Súa riqueza, nosa carencia. Ao berro de NON SON SUICIDIOS, SON ASASINATOS seu reinado remata no mesmo instante que todo o mundo os olla espidos de dignidade e cargados de inxustiza.

PORQUE NESTA CIDADE NON SE DESAHUCIA.
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario