Hoxe, martes 21, estaremos ás 20.30h fronte á Subdelegación do Goberno xunto á xente de Elviña non se vende denunciando a represión e a persecución que sufrimos activistas e veciñanza por tratar de frear os desaloxos derivados do Plan Ofimático.
Deixámosvos a continuación o texto do panfleto co que pretendemos lembrar á cidadanía os abusos que se están a cometer en Elviña e contra a xente que defende os seus dereitos máis básicos ante o caciquismo e a especulación:
MÚLTANOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI
Xa pasou máis de ano e medio daquel 27 de novembro de 2014, no que a
veciñanza de Elviña co apoio dos movementos sociais da cidade, pelexamos
para evitar a barbarie do desafiuzamento de Varo e Isa; e a
Subdelegación acaba de ratificar as 17 multas que nos puxeran por un
total de máis de 7000€, polo que nos vemos na obriga de pagalas se non
queremos ser embargadas.
Pero hoxe non estamos aquí só para denunciar o absurdo e a
desproporción de tales sancións, senón que tamén queremos aproveitar
para seguir reivindicando o barrio de Elviña e advertir que, a pesares
das súas ameazas e multas, seguiremos loitando.
Ese 27 de novembro, centos de veciñas enfrontáronse a un auténtico
batallón de policía nacional UIP e policía local con material
antidisturbios, nun despregamento sen precedentes nesta cidade.
Resistiuse desde o amencer ata a tarde, loita que xa comezara con
concentracións e cortes durante os días antes do espolio e que se
mantivo tamén con posterioridade ó mesmo.
Finalmente fomos derrotadas, desafiuzaron a Álvaro Corral, á súa nai e
aos seus dous fillos. Todos eles naceran e creceran nesa casa que
construíu o avó e tiña alí, ademais, a súa horta e o seu negocio
familiar, un taller de motos. Esa casa viu nacer e crecer a tres
xeracións.
O caso de Varo ilustra á perfección o drama que viven as veciñas de
Elviña con varias vivendas aínda en risco de desafiuzamento (desaloxo),
máis as multimillonarias sumas que han de pagar de cotas as moitas
compañeiras xa desafiuzadas, ao ser convertidas en promotoras forzosas.
Pero non todo balance é negativo, en contraposición temos un barrio
máis forte que nunca que non cala cando saquean as súas casa, a súa vila
e a súa xente.
As multas perseguen un só obxectivo, desmobilizar. Non son sancións
administrativas, se non intentos de cortar unha loita, castigala e
reprimila. Pero isto é xa imparable, canto máis forte sexa a súa represión, xa
sexa por medio de Mordazas, golpes, porradas ou multas, máis forte
alzaremos as nosas voces.
ELVIÑA NON SE VENDE, ELVIÑA SE DEFENDE
A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO
No hay comentarios:
Publicar un comentario