jueves, 20 de noviembre de 2014

Concentración en apoio ás familias en risco de desafiuzamento por culpa do Ofimático

Dende STOP Desafiuzamentos queremos trasladar a necesidade de apoio e solidariedade da cidadanía da Coruña cas familias acosadas polo Concello co inminente derrubamento das súas casas na zona de Elviña, brutalmente castigadas por térense negado a vender os seus fogares para que empresas construtoras e cargos políticos de tódalas cores se beneficien engrosando inda máis a vergoñenta lista de 20.000 vivendas baleiras e apodrecendo que se acumulan xa na nosa cidade.

Como sabedes, diante da ameaza de desafiuzamento instigada polo alcalde Negreira e o concelleiro de urbanismo Martín Fernández Prado a través do envío de dúas funcionarias escoltadas con policía a casa de Álvaro e a súa nai Isabel de 72 anos o pasado venres, a veciñanza está a envorcar toda a súa enerxía en visibilizar a intensísima presión que están a sufrir por parte da administración local, tentando con tódalas súas forzas denunciar as numerosas irregularidades e manobras de dubidosa legalidade cas que o corrupto Concello da Coruña pretende expulsalas violentamente das súas vivendas.

Nesta necesidade de manter alerta á cidadanía da Coruña e activar o arroupamento social imprescindíbel para gañar esta batalla ao alcalde Carlos Negreira, que pasará á historia da cidade por dirixir unha corporación local salpicada por tres operacións anticorrupción en menos dun ano (Pokemon, Pikachu, Zeta), estas familias en risco de que a súa vida sexa trastocada para sempre co roubo da súa vivenda e, en casos como os de Álvaro, tamén ca destrución do seu posto de traballo, convocan á sociedade a acudir á concentración CONTRA A ESPECULACIÓN. CONTRA OS DESALOXOS NO OFIMÁTICO-ELVIÑA, a través da cal, portando fachos e velas, visibilizaremos a luz e a calor ca que, xuntas e xuntos, imos levar adiante unha contundente loita solidaria contra os caciques locais que están a tentar desesperadamente deixar apañados os favores comprometidos cas súas "amizades de negocios", aplastando para iso a vida das familias que levan toda a súa vida en Eirís, sen que lles dea o máis mínimo reparo substiuír estas persoas por unha grande lameira salpicada de bloques, cemento e coches.

Ese é o concepto de "progreso" dos partidos que apoiaron esta fanfarronada urbanística, o dos "beneficios" que se agochan tras as concesións e xestión de obras megalómanas que serven aos corruptos para tecer as súas redes clientelares.
As veciñas/os solicitaron reunión con Negreira en setembro, pero el debe ter moito que tapar, e prefire seguir agochado e non mirar á cara á xente á que lle vai estragar a vida. As veciñas/os presentaron alegacións ao Plan en maio, pero o Concello quere derrubarlles as casas antes de que se pronuncie o xulgado. O Plan é modificábel, actualmente estase revisando en beneficio de Adif: a desafección das casas de San Vicente de Elviña é totalmente fáctibel e lóxica. Entón, que é o que está a ocultar o Concello?


Convocatoria Medios de Comunicación
Xoves
20
Novembro
20.15hrs.
No paso elevado da Av. Alfonso Molina, á altura da igrexa de Elviña



Máis información:
-Declaracións de Pilar e Loli, veciñas afectadas (18 de novembro): https://www.youtube.com/watch?v=CDH_vSoGWHo
-Argumentos técnicos sobre a imposibilidade de construír unha ponte no lugar da casa que o Concello quere derribar (15 de novembro): https://www.youtube.com/watch?v=vGlrj2k7pjY
-Declaracións de Pilar, veciña afectada (6 de novembro): https://www.facebook.com/video.php?v=825472890837372&set=vb.216065495111451&type=2&theater

No hay comentarios:

Publicar un comentario