Na mañá de hoxe acompañamos á veciñanza de Elviña ó pleno do Concello da
Coruña para amosar a nosa repulsa fronte ós abusos que vén cometendo contra
esta comunidade. O inminente
desafiuzamento de Álvaro e Isabel non lle parece ao alcalde Negreira motivo suficiente para dar a cara
diante das familias afectadas, nin tan sequera para explicarlles por que
continúa o proceso de demolición das vivendas de Elviña, nin o motivo polo cal
non resposta ás alegacións ó Plan presentadas polas veciñas e veciños, nin a
que se debe que leve meses negándose a recibilas.
Ante tanta indiferenza, parecía necesario lembrarlle ó alcalde Carlos
Negreira e concelleiros como Martín Fernández Prado, responsable de Urbanismo,
a existencia dun conflito que segue aberto. Foi no momento no que os
concelleiros/as comezaron a entrar no salón de plenos que as veciñas e veciños
alí presentes decidiron chamar a atención de Negreira e Prado, lembrándolles
que non se van someter á inxustiza que queren cometer contra as súas familias.
A protesta foi rapidamente bloqueada pola Policía Local, desaloxándoas do
Concello.
A posición das familias afectadas transmitiuna Pilar Santiago, veciña de
Elviña, tras ser desaloxada do pleno: “Non
nos dan ningunha alternativa, non queren dialogar con nós. Xa vedes como actúan con nós: con violencia. Non
nos reciben, non queren ter ningún contacto con nós, entón a situación que
estamos vivindo é angustiosa”. Preguntadas sobre como lles
afecta o proxecto do Plan Ofimático, as veciñas contestan que “non se sabe o
que van facer. (…) Hai reclamacións da Universidade, da asociación de
veciños de Elviña e dos veciños individualmente, pero non contemplan nada.
É igual, a ponte non se
vai facer posiblemente, pero queren
desaloxarnos, queren deixar baleiras esas parcelas porque veñen as
municipais e hai que vender que o problema do Ofimático está solucionado.”
As alegacións dos veciños das que fala Pilar Santiago foron presentadas en
maio, e aínda non obtiveron resposta. O Concello ten a obriga de contestar
tódalas alegacións presentadas antes de dar o Plan por pechado, pero non amosa
moito interese en explicar ás familias afectadas, coma a de Isabel e Álvaro, os
motivos polos que lles quita as súas casas. Álvaro leva esperando a que lle
respondan á solicitude de reunirse co Concelleiro de Urbanismo dende comezos de
setembro, pero a única interlocución co Concello deuse o pasado venres, coa
visita non anunciada á súa casa de dúas funcionarias e un policía. O
obxectivo desta "comisión" era transmitirlles que o Concello ten a intención de derrubar a
súa casa antes do vindeiro o día 27, e sen agardar á resposta do recurso que a
defensa legal de Isabel e Álvaro está a plantexar. “Non é viable, pero, en
palabras textuais das funcionarias do Concello: esa ponte, se faga ou non se
faga, ti te tes que ir da túa casa, polas boas ou polas malas, pero ti te vas”,
comenta Pilar, presente no momento da visita.
“O drama do Ofimático nunca foi máis drama que agora”, continúan, e pregúntanse a que se debe a obsesión do Concello por
desaloxar e demoler vivendas habitadas cando o Plan non está sequera pechado. “Non sei que intereses hai no Parque
Ofimático, non o sabemos, é algo que se nos escapa”.
A quen beneficia o desaloxo de Isabel e Álvaro?
O proceso de urbanización do Parque Ofimático arrastra
todo tipo de irregularidades e desfeitas. No momento actual, resulta canto menos curioso a premura coa que o
Concello pon en práctica as manobras de acoso, derrubo e desaloxo da veciñanza
de Elviña, tendo en conta o escaso interese social que suscita o Plan.
Se as empresas construtoras (Aproinco) prefiren adiar o
comezo das obras a que veñan mellores tempos para as inversións, as
cooperativas teñen xa as parcelas que precisan e en nada lles afecta o que se
faga ó outro lado da Avenida Alfonso Molina (onde vive a familia de Isabel), e
o Concello ten que endebedarse aínda máis para seguir acometendo as obras
interminables, por que mantén a idea de demoler urxentemente as vivendas da
marxe dereita (onde aínda non hai un plan claro do que se pretende edificar)?
Por que non ir racionando as obras de tan faraónico Plan, avanzando por sectores,
no canto de pretender baleirar toda Elviña de vez para deixala dispoñible para
un proxecto pantasma? Por que non acceder á petición das familias desa marxe
da Avenida, explicitada nas alegacións presentadas en maio, de que a súa zona
se desafecte do Plan?
A única empresa que está a traballar sobre o terreo é
Acciona, encargada de deixar o solar do Ofimático preparado para a súa
urbanización e a edificación de vivendas. Tamén é Acciona a responsable de
colocar o pilar sobre a casa de Isabel e Álvaro, pilar que supostamente viría a
soster ese viaducto
inviable de 8 metros de altura que aparece no proxecto do Parque Ofimático.
Está Acciona presionando ó Concello para poder rematar canto antes, caia quen
caia, a súa parte do Plan e cobrar o que lle corresponda? Ou é o Concello quen
está a presionar a Acciona para que deixe todo o terreo asignado ó Ofimático
convintemente urbanizable independentemente das necesidades da xente que alí
vive?
O
Concello debería respostar a estas preguntas e aclarar as súas motivacións,
pois se se dese algo semellante a estas hipóteses que comeza a barallar a
veciñanza de Elviña estariamos asistindo a unha inxerencia intolerable do lucro
privado na xestión do ben público. Non se trataría só do financiamento
da iniciativa privada dende as arcas públicas do concello, se non da
privatización do solo municipal para un uso lucrativo da empresa adxudicataria
das citadas obras, e unha desprotección, acoso e instigación ás familias
dunha das zonas máis significativas da memoria ecolóxica e rural da nosa cidade
por intereses económicos particulares.
Cabe lembrar como o mobbing administrativo
padecido por esta veciñana se manifestou no caso de Manuel Ramallo, residente
por máis de medio século do lugar de Elviña-Galán e desaloxado contra a súa
vontade a comezos de ano. Esta estratexia,
como vimos relatando, xa está sendo aplicada polo Concello no caso de Isabel e
Álvaro.
A
cidade non medra, medran as fortunas dos especuladores que en nome dun suposto
interese xeral acometen estratexias de acoso e medo sobre as familias que
habitan o lugar de Elviña. Habitantes que pra o concello e a empresa
promotora deixaron de ser suxeitos de dereito e benestar para convertírense en
obstáculos para o avance dun falso progreso urbano baseado na especulación,
o interese privado e a desaparición de calqueira vínculo sociohistórico entre a práctica da cidade e a comunidade que
a habita e da forma.
Ante
a política criminal e corrupta do Concello, chamamos a amosar a nosa
solidariedade coa veciñanza de Elviña na concentración convocada para este
XOVES 20 de NOVEMBRO xunto á casa de Isabel e Álvaro (ó carón da pasarela
peatonal que pasa sobre a Avda. Alfonso Molina, á altura da gasoliñeira) e
berrar ben forte, ó lado das familias afectadas, que “Elviña non se vende,
Elviña se defende”.
Concentración
en apoio da veciñanza de Elviña
afectada polo Plan Ofimático
|
||
DATA
|
HORA
|
LUGAR
|
Xoves
20
Novembro
|
20:00hrs.
|
Pasarela de
Eirís a Elviña, á altura da
gasoliñeira
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario