Páginas

miércoles, 15 de abril de 2015

Desde Legal Sol: Comunicado ante a actual escalada represiva

Como vimos comentando dende hai tempo, a situación a nivel estatal de persecución ós movementos sociais resulta descarada e abusiva. As identificacións aleatorias, as cargas en concentracións e manifestacións, as multas, as detencións... son ferramentas dentro do amplo abanico co que contan as institucións para reprimir e tentar amedrentar a quen protesta contra a mutilación sistemática dos nosos dereitos sociais que estamos a sufrir.

O outro día atopamos un artigo da xente de Legal Sol que queríamos compartir con vós. Traducimos e copiámosvos partes do texto a continuación (podedes ler o artigo completo aquí):

Nas últimas semanas asistimos a toda unha serie de episodios represivos que parecen terse orquestado coa finalidade de atemorizar ós movementos sociais e á cidadanía organizada ante a aprobación da lei mordaza, rubricada definitivamente o pasado mércores 26 de marzo. O último exemplo foi o recente ataque a varios CSO's e vivendas okupadas na mañá do 30 de marzo, que se saldou con numerosas detencións e o rexistro e destrozo destes espazos de loita colectiva.

[...] Este tipo de detencións, que inevitablemente nos lembran tempos pasados, non nos resultan en absoluto novas. Só nos últimos anos temos varios exemplos: os 6 detidos o 22 de xuño por unha acción o 29 de maio de 2012, o 28 de novembro por unha acción na Universidade Complutense o 20 de novembro de 2013, 4 detidos o 31 de xaneiro de 2014 nun desafiuzamento, 3 detidos na Operación Guinda o 27 de febreiro do 2014 ou os 11 detidos o 4 de abril de 2014 pola manifestación do 22 de marzo, na Operación PUMA 70. Semella que Delegación de Goberno atopou na Caza de Bruxas un modus operandi perfecto para criminalizar e estigmatizar fronte as súas veciñas ás que loitan, e xa de paso atemorizar ó resto de persoas coas que comparten a rúa.

[...] Entendemos que nos atopamos nun período de precampaña electoral no que o discurso de orde e seguridade ou a efectividade policial ante supostas ameazas (creadas) á convivencia, adoita carrexar un importante rédito político e que é unha estratexia xa antiga infundir temor en posibles votantes que demandarán  maior castigo ante o aparente escenario de caos, ou cando menos asumirán o aumento de represión ou perda de liberdades a cambio de "protección" ou "estabilidade". Pero non podemos permanecer impasibles vendo como, aproveitando o contexto político próximo ás eleccións e á aprobación de reformas legais punitivas (Código Penal, Lei Mordaza e Pacto "Antiterrorista"), participar na comunidade a través dunha protesta se cualifique aleatoriamente coma un delito, e ademáis coma un delito contra as institucións do Estado, coa gravidade que isto supón.

Resulta verdadeiramente inquietante que nun Estado de Dereito se dirixa e aplauda dende a Delegación do Goberno actuacións policiais desproporcionadas empregadas como efecto castigo ou efecto disuasorio ante expresións disidentes, debido á súa imposibilidade e fracaso á hora de resolver profundos conflitos sociais, procurando ó mesmo tempo asustar á poboación e criminalizar así ós movementos sociais en xeral e, en especial, a aqueles colectivos que segundo a conveniencia política do momento interese: movementos pola vivenda e anarquistas ou sectores desprotexidos e marxinados que tentan encauzar o seu malestar pola vía da protesta, ós cales se lles marxina e reprime de xeito inxustificadamente desigual.

Por outro lado, cremos que a resposta a estes acontecementos tamén merece unha reflexión e revisión por parte dos movementos sociais. Neste tipo de prácticas represivas procúrase, entre outras cousas, xerar pánico e desorganización no tecido social, razón pola que temos que ser capaces de manter a calma neste tipo de situacións. Pensamos que é importante ter en conta o aprendido nestes anos e evitar que sexan os aparellos represores quen nos marquen o xeito de actuar ante estes acontecementos. Seremos nós quen marquemos o cando e o como, de forma colectiva e organizada. Non nos deixaremos amedrentar polos corpos e institucións que día a día fan gala dun abuso de poder que sempre queda impune e seguiremos na rúa, loitando polo que cremos.

SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!

No hay comentarios:

Publicar un comentario